Un amplo dispositivo de emerxencias traballa contra o reloxo no río Miño tras o accidente sufrido por dous mozos na tarde deste luns. O suceso tivo lugar nas proximidades do encoro dos Peares, concretamente no lugar da Carballeira (parroquia da Cova), onde un kayak envorcou cos seus dous ocupantes.
Un dos mozos logrou poñerse a salvo
Segundo informou o 112 Galicia, a alerta saltou arredor das 16:40 horas. Foi un dos propios tripulantes quen, tras conseguir saír da auga polos seus propios medios, deu o aviso ao non atopar ao seu acompañante, que é o seu primo.
Ambos iniciaran a ruta dende o embarcadoiro dos Peares río arriba e, no traxecto de volta, sufriron o contratempo que rematou coa desaparición do mozo.
Difícil acceso á zona
O operativo despregado mobiliza a numerosos efectivos da comarca e arredores. Participa un helicóptero da Garda Civil que xa locación a embarcación no punto de partida. Tamén están presentes o GES de Ribadavia e Protección Civil do Saviñao e Monforte.
Ademais, participan os bombeiros de Chantada, 061, Garda Civil e Protección Civil de Parada de Sil. Tamén se usan drons e cámaras térmicas aportadas polos bombeiros de Ourense. A dificultade do terreo é un obstáculo para a busca e fai que o acceso por terra sexa impracticable. Os medios de busca son exclusivamente acuáticos e aéreos.

