InicioEn profundidadeJosé Tomé: "As obras das vías nos próximos anos van mobilizar ao...

José Tomé: “As obras das vías nos próximos anos van mobilizar ao redor de mil postos de traballo”

Esta crise supuxo unha sacudida ao comercio e especialmente á hostalería. Témese que haxa un empobrecemento destes sectores en Monforte? Preguntámoslle ao alcalde de Monforte, José Tomé Roca, cando hai máis dun ano que se decretou o confinamento.

Publicado o

- Advertisement -

A mediados deste mes de marzo cumpríamos un ano de pandemia. Quixemos facer balance de como se viviu este período de incerteza e de crise sanitaria e económica no concello de Monforte a través da persoa do alcalde; José Tomé Roca.

Pasado máis dun ano como se lembran as sensacións do comezo? Como alcalde que foi o primeiro no que pensou?

Eu creo que como todo o mundo, non pensaba ninguén que ía ter a relevancia que tivo. Parecía que estaba tan lonxe en China, que só ía verse alí. Non se esperaba que fóra ser global de todo o mundo e ter a incidencia que tivo na vida das persoas, na actividade económica, en todo.

Cando se decretou o confinamento que sensación había? Incerteza?

Si, era algo novo que non nos sucedera antes e estabamos expectantes a ver que pasaba. Era moi forte dicir que parabas a actividade económica non esencial totalmente e que a xente non podía saír das casas e moitos deles non podían ir traballar. Era unha novidade que non sabías cando ía rematar e canto ía durar. Ao comezo eran 3 meses, pero non había seguridade de como saír diso.

Desde o comezo da pandemia ata agora cales serían os tres peores momentos de medo e dúbida, como alcalde e como persoa?

O primeiro cando nos confinaron, cando o 14 de marzo se decreta o estado de alarma. Suspéndense prazos administrativos, non se poden realizar cousas. É un momento delicado.

Outro momento é como vai afectar isto á xente; porque ao fin isto é importante porque afecta ás persoas.

A parálise que supoxo no que se refire aos eventos que contribuían dedicididamente coa economía monfortina, como a Feira Medival, o Festival do Viño, as Festas Patronais, foi outro dos peores momentos. 

Eu creo que esas son as 3 cousas, o inicio, a parálise en si, pensar na xente que o pasa mal porque merman os ingresos e todos eses eventos que contribuían á nosa economía.

E cando aparece o gromo en Monforte, cando o alcalde sabe que temos o coronavirus no concello que é o primeiro que hai que facer?

O primeiro que fixemos foi poñernos en contacto coas autoridades sanitarias para coñecer realmente cal era o estado da pandemia, porque o concello como tal non ten datos propios, temos os datos que nos dan as autoridades sanitarias. Entón estabamos en contacto co Sergas, principalmente a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada. Despois tratamos de estar moi en contacto coas asociacións de hostaleiros e de comerciantes e tratar de ofrecer moitas axudas. Tivemos un abano delas importante ao longo de todo o ano ata chegar ao Nadal. Procuramos estar informados en todo momento, para ver cal era o alcance e ir establecendo medidas que beneficiaran ao tecido económico e social.

pleno Monforte / XdL

E os tres mellores momentos neste tempo. Os momentos bos, cando se ve que hai unha saída e polo tanto a esperanza aumenta?

Un momento bo foi cando se dixo que había vacina, porque pensas hai unha solución, tardará un pouquiño máis ou menos, pero hai solución. Foi un momento de ilusión que a todos nos gustaría que chegara rápido. Chegará no verán ou no outono, pero ímolo conseguir porque temos o remedio. E despois haberá que aprender a convivir con isto como outras enfermidades que se convirten en crónicas. Un pouco como pasou coa gripe A. Cada certo tempo hai unha especie de pandemia de maior ou menor calado. Vencemos unhas enfermidades e aparecen outras novas. A sociedade é dinámica e as enfermidades tamén. 

No XdL despois de dar a diario novos contaxios e falecidos aledounos informar o día 15 de abril do pasado ano de que o Hospital de Monforte era o primeiro de Galicia sen hospitalizados por Covid.

Aquí o momento complicado foi o verán. Chegou xente doutros sitios e as relacións humanas son así. Aí foi onde comezou o problema, ata aí tiñamos moi pouca incidencia; pero igual que pasou noutros sitios pasou aquí.

Pénsase xa neste verán ou de momento pensamos na Semana Santa?

Si, a Semana Santa que se pase leve, non relacionarnos moito ou alomenos manter as distancias prudentes porque cando hai movemento o coronavirus aumenta, iso está claro. De momento mentres non haxa unha masa grande de xente vacinada, fálase de por riba do 70% xa non habería problemas de índole sanitaria. A xente podería ser atendida, porque o que pasa agora co coronavirus é que se pode colapsar o sistema sanitario e non hai quen te atenda. Se hai inmunidade de grupo non habería problemas de tipo sanitario e poderiamos ter unha vida máis normal. Agora esta situación que temos veu para quedar un tempo. Non imos sacar a máscara mañá así que haberá que habituarse.

A pandemia que lle fixo cambiar da súa rutina diaria?

A máscara (sorrí, nótase nos ollos), que antes non había que usala e agora si. Para os que somos bastante afectuosos, de saúdar, tocar,… toda esa relación cortouse de raíz e iso afecta. É un modo diferente de relacionarte, tamén outra maneira de traballar un poco diferente, pero no fondo só se paralizou ao comezo, co confinamento. Pasado iso, creo que se traballou incluso máis intensamente que antes porque as dificultades eran maiores e había que traballar máis. Fixemos moooooitas actuacións e nesa liña imos seguir.

A actividade municipal resentiuse dalgún modo? As cousas son máis lentas ou máis complicadas coa pandemia?

Notouse ao comezo co confinamento, o retraso dalgunhas cousas que se ían comezar en marzo, en abril ou maio e tiveron que esperar a xuño, xullo. Non se podían contratar antes ao non correr os prazos administrativos. Fóra diso non nos afectou en nada, seguimos facendo melloras nas rúas, nos parques, melloras de saneamento,…

Estamos coa licitación do parque do hospital, seguimos avanzando coa ponte nova, no tema da urbanización da zona C, temos licitadas as melloras de accesibilidade, a mellora do Multiusos,… Seguimos traballando en proxectos que se arrastran do ano pasado e agora imos comezar cos deste ano. Nese sentido Monforte non se parou, seguiu moi activo.

Entón a pandemia afectou a nivel dos proxectos do concello, principalmente ás actividades nas que se ía xuntar xente?

As celebracións como a Feira Medieval, o Festival do Viño, as Festas Patronais que estaban a un ritmo tremendo dentro do panorama galego, cortáronse de raíz. Cortouno o ano pasado, este ano a Medieval tamén e a ver que pasa co resto, que se verá afectado tamén. Non imos adiantarnos, iremos vendo. A ver que pasa a partir do 9 de maio que se levante o estado de alarma. Unha vez coñezamos o escenario que hai para o verán, a mobilidade que pode haber comezaremos a saber se pode haber Festival, Festas, como van ser, etc. Hai que ser cautos. Se para o ano que vén a xente está vacinada e podemos ter esta normalidade recuperariamos con toda a forza da que sexamos capaces, todos os eventos e algunha inciativa máis.

Esta crise supuxo unha sacudida ao comercio e especialmente á hostalería. Témese que haxa un empobrecemento destes sectores en Monforte?

Toda dificultade que haxa para o desenvolvemento económico afecta, claro que afecta, á solvencia das empresas, aos traballadores que por sorte nesta crise teñen ertes,… pero non deixa de ser un empobrecemento e iso afecta. Por iso o ano pasado non cobramos terrazas, non cobramos lixo e demos axudas directas ás empresas, aos traballadores afectados por ertes. Fixemos concursos para activar a economía sendo pioneiros niso. 

En reparto de máscaras levamos case medio millón de máscaras entregadas, proporcionalmente somos os que máis máscaras entregamos. Levamos mobido case un millón de euros, para a nosa cidade é moitisimo, no noso presuposto representa preto do 10%. Non hai unha administración que adicara unha porcentaxe tan grande do seu presuposto para axudar. Todo é pouco, seino.

A este respecto, da crise creada polo coronavirus, que se aprende a nivel municipal para o futuro, quizais en canto ao modo de facer determinadas cousas?

Chegou un novo modelo de traballo que é o teletraballo que para min serve en momentos moi puntuais; non é o mesmo ter contacto cos administrados que que te chamen por teléfono; pero permite seguir funcionando nunha situación nova aínda que non sexa ao mesmo ritmo. Agora non teriamos a administración paralizada se houbera que confirnarnos, por exemplo. Tamén serviu para actuar doutro modo ante os problemas, o coronavirus obrigounos a ser imaxinativos e buscar outras alternativas. Tamén estou convencido de que cando pase a pandemia, os humanos somos como somos e volveremos ter unha vida moi parecida á que tiñamos antes.

Saúdo de José Tomé e Pedro Sánchez. Foto: Prensa Concello de Monforte

A nivel xeral a situación política parece bastante crispada. É posible que a clase política non estea á altura das circunstancias que estamos vivindo? Non parece que axuden a dar tranquilidade e seguridade á cidadanía, ás veces parece que imos nun barco sen timón.

Si, pero eu discrepo de meter a todo o mundo no mesmo saco. Falta a primeira vez que o Presidente do Goberno de España saira crispando nada. É máis ten tragado e calado cantidade de cousas sen contestar. Aquí xeralmente iso faino a dereita, cando non goberna crispa, con pandemia ou sen pandemia, parece que está no seu ADN. Cando goberna a dereita parece que a cousa está máis tranquila, claro, porque están gobernando os que crispan, cando non gobernan crispan. Por iso non nos metería no mesmo saco. Crispar crispa o que non está gobernando e iso non é axudar á poboación. Outros adicámonos a gobernar e creo que se nota co que se leva feito en poucos anos.

Despois dun ano de pandemia que mensaxe trasladaría á veciñanza de Monforte, como lle gustaría que se sentisen os seus veciños e veciñas?

Cando un o está pasando mal e moi difícil, pero eu creo que teñen motivos para estar ilusionados porque Monforte está mellorando e vai seguir mellorando moito. Imos ser o epicentro de todas as obras do ferrocarril que se van facer entre Ourense e Lugo, porque imos a ter o centro de operacións aquí en Monforte. Van estar os enxeñeiros todos das vías. Entre enxeñeiros e adminstrativos son máis de 50, é unha creación de emprego enorme. Van ter unha sede na nave do polígono. As obras das vías nos próximos anos van a mobilizar ao redor de mil postos de traballo. Non vivirán, nin comerán todos aquí, pero unha boa parte si. Estou convencido de que se alugarán moitos pisos, a hostalería e o comercio recuperarán a actividade porque haberá xente traballando aquí que antes non estaba. E o concello seguirá cos proxectos de saneamento, urbanización da zona C, mellorando rúas, seguir co tema da ponte para mellorar as comunicacións e poñer en valor a ponte vella, ese é o obxectivo; temos que conservar o noso monumento. Temos que ser capaces de facelo mellorando a mobilidade e ao mesmo tempo preservar a nosa historia. A todo isto é ao que nos imos adicar.

Preservar a historia,… a zona vella é fermosa pero hai moita vivenda abandoada que se cae. Hai o plan de rehabilitación, pero non se podería ser máis drástico neste tema para realmente dinamizar o casco antigo?

Temos un instrumento que non tiñamos e fíxose con este gobernó, o Plan Especial de rehabilitación do casco histórico que para acollerte a calquera tipo de axudas como o plan rexurbe, para actuacións en casco histórico tes que ter o planeamento, se non o tes non podes entrar. A Xunta xa nos inscribiu non rexistro de plans de urbanismo de Galicia, xa o temos, isto por si só arregla as cousas? Non, pero temos a ferramenta que antes non tiñamos. Que a xente teña a seguridade do que pode facer en cada sitio, sen ter que ir a patrimonio para todo, as licencias normais e correntes xa se darán desde o concello e iso implica tamén unha mellora dos espazos públicos como San Vicente ou a Falagueira. Hai que ir adquirindo terreos que hoxe non son públicos, acondicionalos para o disfrute dos veciños. Iso mellorará a calidade da contorna de San Vicente e do casco antigo.

Imaxine que de súpeto, oxalá, o coronavirus e todo o que supuxo desaparecera. Que sería o primeiro que faría como persoa máis que como alcalde, nunha sociedade sen coronavirus? 

Non celebrei o meu cumpreanos nin os dos netos. A nivel persoal trataría de xuntar á familia e estar xuntos e poder botar esas risas que non puidemos botar en todo este tempo. E a nivel humano e público para os monfortinos, eu procuraría ir o máis posible polos diferentes establecementos hostaleiros e comercios a mercar algo. Para que? Para contribuír a dinamizar a economía e desde logo se agora desaparece isto poría en marcha todos aqueles eventos que fan a vida alegre aos monfortinos e a quen nos visita.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....