O Concello de Monforte adxudica as prazas para participar tanto no Campamento Deportivo de Verán coma no XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C.Celta de Vigo. Foron un total de 489 as solicitudes de preinscrición que se rexistráronse. A distribución das solicitudes, segundo períodos de tempo ofertados polo Concello, foi a seguinte:
- Preinscricións na 1ª quenda do Campamento Deportivo (do 1 ó 15 de xullo): 159 solicitudes.
- Preinscricións na 2ª quenda do Campamento Deportivo (do 16 ó 30 de xullo): 138 solicitudes.
- Preinscricións na 3ª quenda do Campamento Deportivo (do 2 ó 13 de agosto): 90 solicitudes.
- Preinscrición no XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C. Celta de Vigo (do 2 ó 6 de agosto): 102 solicitudes.
Tanto na primeira quenda do Campamento Deportivo como no Campus de Fútbol rexistráronse máis solicitudes que prazas ofertadas o que obrigou a aplicar os criterios establecidos de reparto de prazas e a realizar un sorteo, que se celebrou o 4 de xuño ás 12:30 h. Na terceira quenda do campamento deportivo todas as persoas que realizaron a preinscrición adquiriron a súa praza.
Dende este martes, 8 de xuño, e ata o venres 18 de xuño, todas as persoas con praza adxudicada deberán formalizar a súa matrícula. Para realizar o pago da matrícula, unha vez presentada a documentación requirida para a inscrición definitiva, enviaráselles, ao correo electrónico designado, a carta de pago correspondente coa inscrición. Tanto a lista de admitidos como as instancias de matrícula están colgadas para a súa descarga na sección de DEPORTES/ACTIVIDADES DEPORTIVAS da páxina web do Concello de Monforte.
O Alcalde, José Tomé Roca, valorou moi positivamente o éxito en canto ó número de solicitudes presentadas e agarda que todos os “nenos e nenas finalmente inscritos poidan disfrutar dunhas vacacións practicando un variado número de actividades, tanto deportivas coma excursións e obradoiros”.