José Tomé quixo anunciar esta decisión en Monforte, acompañado por todos e todas os membros do Goberno local, porque “aquí foi onde desenvolvín gran parte da miña traxectoria política, tanto na parte orgánica, como institucional. Un proxecto que iniciei fai uns anos con moitas das persoas que me acompañan hoxe aquí, os concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno, que, xunto cos afiliados e simpatizantes, forman ese equipo humano que me permitiron medrar politicamente, e ós que, por iso, quero agradecer o seu compromiso e dedicación”.
José Tomé lembrou que entre todos conseguiron levar ao Partido Socialista ás cotas máis altas de apoio electoral e de representación municipal na historia do Concello de Monforte, con máis do 55% dos votos, “Cando empezamos esta andadura, o Partido Socialista tiña en Monforte dous concelleiros e 19 afiliados. Hoxe temos 11 Concelleiros, 120 militantes e moitos simpatizantes, o que que nos sitúa como a segunda agrupación da provincia, e, segundo os estudios demoscópicos publicados recentemente, parece que as perspectivas son favorables”, explicou.
Preséntase ao proceso de primarias, segundo dí para “trasladar toda esta experiencia política positiva, tanto orgánica como institucional, ó conxunto da provincia e levar ó Partido Socialista ás máximas cotas de apoio electoral e de representación institucional, porque iso será bo e iralle mellor á provincia de Lugo”.
Para elo, propón “unha estrutura orgánica, un modelo de funcionamento e un proxecto político que consolide e que mellore os resultados do Partido Socialista que hoxe temos na provincia de Lugo, de cara ás próximas eleccións municipais”, e que “toda esta forza municipalista sirva de palanca de impulso para contribuír e ser determinantes para lograr o cambio na Xunta de Galicia en 2024, porque, despois doutra etapa de 16 anos do Partido Popular á fronte da Xunta, Galicia necesita dun Goberno liderado polo Partido Socialista”. “Lugo foi determinante nas primarias do Partido Socialista de Galicia e quero que tamén sexamos determinantes na próximas eleccións autonómicas e estatais”, engadiu.
Destacou que hai “un bo punto de partida”, pois hoxe o Partido Socialista ten “unha importante presencia e forza na provincia”. Lembrou que o PSdeG goberna na Deputación de Lugo, goberna e cogoberna en 31 concellos, que suman en total en torno a 211.000 habitantes, o que significa o 65% da poboación total da provincia de Lugo.
Liñas de traballo
José Tomé compromete catro liñas de traballo:
- Ensanchar as bases do partido, recuperando a capacidade para ilusionar e atraer a todas persoas que queiran traballar pola provincia de Lugo.
- Ofrecer asesoramento técnico e político, apoio e formación, ós compañeiros e compañeiras para facer o seu traballo diario nos concellos.
- Fomentar a participación para que o partido funcione como unha canle de comunicación permanentemente aberta, capaz de escoitar, de dar resposta ás dúbidas e de aportar ideas para convertelas en propostas que sexan de utilidade para o conxunto.
- Máis coordinación e difusión das mensaxes para darlles maior repercusión e que cheguen a máis xente.
José Tomé agradeceu o traballo que fixo a Comisión Executiva que remata o seu mandato, personalizado na Secretaria Xeral, Patricia Otero, que “tiveron que facer fronte a momentos moi difíciles durante a pandemia”. Agora, subliñou, “é o momento de darlle un impulso ó Partido Socialista na provincia de Lugo”.