InicioTerra de LemosMonforteMonforte presenta un 'Mercado de Nadal' espectacular de tres fins de semana

Monforte presenta un ‘Mercado de Nadal’ espectacular de tres fins de semana

Aproveitando o proxecto “Circuítos de artesanía e música galega”, e co obxectivo de dinamizar o comercio e a artesanía local, o Concello de Monforte organiza na Praza de Abastos varios mercadiños con diferentes postos e un amplo programa de actividades para todos os públicos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este sábado 10 de decembro comeza o Mercado de Nadal-Circuítos de Artesanía e Música Galega na Praza de Abastos do Concello de Monforte. Trátase dunha proposta de dinamización económica que contará con actividades para nenos e nenas, obradoiros e propostas musicais para todos os públicos.

A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, presentou esta iniciativa e o cartel completo de actividades ao tempo que explicaba que “o noso obxectivo dende o Equipo de Goberno con este Mercado de Nadal é a dinamización comercial e artesanal nestas datas, que engade ademais unha oferta de ocio e dinamización comercial das rúas monfortinas”.

MERCADO DE NADAL

O Mercado de Nadal de Monforte celebrarase durante tres fins de semana consecutivas neste mes de decembro, concretamente os días 10, 11, 17, 18, 23 e 24. As instalacións da Praza de Abastos, lugar en que se ubicará, estarán debidamente engalanados con luces e decorados propios destas datas para atraer e facer gozar a veciños e visitantes.

Os sábados 10 e 17, e o venres 23 de decembro, os horarios de apertura do Mercado de Nadal serán de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Os domingos 11 e 18, e o sábado 24, abrirá en horario de mañá de 11:00 a 14:00 horas.

No Mercado de Nadal o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía propia destas datas, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abano de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade. Ao longo das tres fins de semana haberá rotación de postos de venda.

ANIMACIÓN E ACTIVIDADES

Todos os días do mercado haberá entre as 12:00 e a 13:00 actividades diversas para todos os públicos: contacontos, espectáculos de maxia, actuacións musicais e cantos de Nadal. Pola tarde, desenvolveranse obradoiros con diversos artesáns e artesás, así coma demostracións en vivo a cargo dos oleiros Elías González e Tomás Lopez.

Dentro das actividades previstas cómpre salientar como novidade deste ano que, ademais da visita xa tradicional do Apalpador, que será o día 24 ás 13:00 h. (de 12:00 a 13:00 h. fará un pasarrúas), o venres 23 o mercado contará coa presenza da Apalpadora. Será a primeira vez que visita Monforte e ofrecerá un espectáculo musical ás 13:00 h.

O Apalpador no mercado de Monforte / XMF
Apalpadora / Vicepresidencia Deputación

Tamén pola tarde do venres 23, as 19:00 horas actuará na Praza de Abastos a Asociación Cultural Amigos da Pandereita.

ACTIVIDADES MUSICAIS PARA DINAMIZAR COMERCIO E HOSTALERÍA

Outra das novidades deste ano será que cada fin de semana, e como complemento a este Mercado de Nadal, haberá actuacións musicais nun escenario ubicado na rúa Cardenal.

O sábado 11, a partir das 20:30 horas, o grupo Dixie Kings sairá dende a praza de Abastos, para percorrer diferentes rúas e finalizar no escenario da rúa do Cardenal, no que, sobre as 21:15 horas ofrecerá un concerto.

O sábado 17, tamén as 20:30 horas e no devandito escenario da rúa Cardenal, actuará o grupo monfortino Malenne. E xa por último, o venres 23 as 20:30 actuarán Galifunk.

Malenne. Foto cedida polo grupo.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES 10 E 11 DE DECEMBRO

Apertura do recinto o sábado 10 de decembro (10:00 a 14:00 – 17:00 a 20:30)

12:00 h.- Espectáculo de Ángeles GoásUn saco de contos”.

Ángeles Goás no FIOT 2022. Foto: XMF

18:00 h.- Obradoiro artesanal para nenos e nenas.

20:30 h.- Concerto Navideño Dixie Kings, pasarúas e actuación na rúa Cardenal ás 21:00 horas.

Horario de apertura do recinto na Praza de Abastos o domingo 11 de decembro (11:00 a 14:00)

12:00 h.- Espectáculo Maxia Familiar co Mago Deimi.

PROXECTO E FINANCIAMENTO

Este Mercado de Nadal é realizado dentro do proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241 concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...