Este luns 11 de marzo presentouse aos medios na Casa do Concello de Monforte a campaña que busca dar a coñecer a Feira Medieval a nivel galego e nacional, unha campaña que se apoia en dous elementos fundamentais: o cartel e o vídeo oficiais.
Na rolda de prensa o Alcalde estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón.
DECLARACIÓN DE ‘FESTA DE INTERESE TURÍSTICO GALEGO’
Na presentación, José Tomé dixo que a intención da campaña é acadar que “a xente poida incluír a Feira Medieval dentro da súa programación de descanso e de lecer nas vacacións de Semana Santa” e suliñou que “por fin chegamos aos 20 anos de Feira Medieval de xeito ininterrompido, e despois desta 20 edición xa poderemos solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”.
Neste senso, o rexedor engadiu que hai anos que tiña que ter tal recoñecemento porque “a Feira Medieval de Monforte é un dos maiores eventos da nosa cidade a nivel cultural e comercial, é un dos eventos máis destacados do noso calendario anual, xa que representa un importante atractivo turístico e axuda a atraer miles de visitantes a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra”. Estas declaracións veñen a conto porque, segundo establece a normativa aplicable da Xunta de Galicia, a antigüidade mínima dun evento para ser “Festa de Interese Turístico de Galicia” debe ser de 20 anos, aínda que hai casos puntuais nos que valorando unha serie de criterios, e tendo xa 15 de traxectoria, pódese dispensar a antigüidade mínima referida (Art. 3 do DECRETO 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia).
CARTEL E VÍDEO OFICIAIS
O cartel da XX edición da Feira Medieval ten como protagonista a unha muller cunha grande espada que sae da Porta da Alcazaba, a máis importante e antiga da muralla monfortina. Unha decisión que seica non quedou ao chou, pois sendo marzo o mes no que se celebra o “Día Internacional da Muller” buscouse que a súa presenza quedara representada no deseño.

En palabras do alcalde, “esta figura feminina protagonista do cartel transmite toda a forza e valentía coa que celebramos esta Feira Medieval”.
O segundo elemento que promoverá o evento monfortino é o vídeo promocional oficial para este ano 2024, ”co que quixemos facer unha recompilación de imaxes destes últimos anos, coma homenaxe ao vixésimo aniversario da Feira que alcanzamos este ano”.
O traballo audovisual recolle o que son os eixos centrais protagonistas da Feira, que nos permiten, tal e como destaca o vídeo “un reencontro coa época medieval de Monforte de Lemos”: os espectáculos de cetrería, o Mercado medieval con máis de 130 postos este ano, o Campamento medieval, as Xustas e o Gran Torneo medieval, o Campamento infantil, os espectáculos de luz e son no Palacio Condal ou na Praza do Campo de San Antonio, ou a solta de faroliños dende a praza Luis de Góngora.
Este vídeo será proxectado no MUPI do Cardenal, no Mercado para a Medieval da vindeira fin de semana, e nas pantallas que se ubicarán durante a celebración da Feira en San Vicente e na Praza de España.
VÍDEO OFICIAL (Versión reducida) https://www.youtube.com/watch?v=XJ6aHjl-6XI
VÍDEO OFICIAL (versión estendida): https://youtu.be/ZnZRslguctQ
PROMOCIÓN EN MEDIOS E PRESENTACIÓN DO PROGRAMA
Como remate á rolda de prensa púxose en valor o traballo de promoción lembrando que se fará publicidade en moitos medios de comunicación, escritos, dixitais e radios; e non só da contorna senon tamén provinciais e autonómicos. A maiores, a distribución de cartelería trascende a Monforte e a comarca chegando a outras cidades de Galicia; e na Feira de Viño de Sober tamén se lle dará visibilidade aproveitando que move moito público.
“Creo que o traballo de promoción que facemos ano a ano desta Feira é bo, e proba diso son as solicitudes rexistradas para a instalación de postos de venta de produtos, o que supón un número moi alto en relación con outros eventos doutras cidades”, resaltou o rexedor monfortino.
Respecto do Programa Oficial, este será dado a coñecer durante a inauguración do Mercado para a Medieval, que terá lugar o 16 e 17 de marzo na Praza de Abastos.