Concertos online na Pobra do Brollón para ter os pés na casa

O Concello da Pobra do Brollón inicia o ciclo de concertos 'Cos Pés na Casa' para seguir programando e apoiando a cultura durante a emerxencia sanitaria. A primeira cita será este sábado, 28 de marzo, co concerto de Alexandre González (Los Árboles).

Ale González

O Concello da Pobra do Brollón acollerá nas próximas semanas un ciclo de concertos ‘online’ para seguir programando cultura na corentena. Debido á emerxencia sanitaria causada polo coronavirus, non é posible realizar eventos presenciais, polo que o Concello da Pobra do Brollón traslada parte da súa programación ás redes sociais.

Baixo o nome de ‘Cos Pés na Casa’ – que fai referencia ao ciclo de concertos ‘Cos Pés na Terraza’ organizado polo Concello o verán pasado – retransmitirase unha serie de concertos en directo na páxina de Facebook do Concello.O primeiro concerto é este sábado 28 ás 21:00 co músico de Salcedo, Alexandre González, quen tocará un repertorio en directo con voz e piano dende o seu confinamento na Coruña.

‘Somos un Concello cunha clara aposta pola cultura e queremos seguir sendo así a pesar das restricións actuais,’ declara o alcalde Xosé Lois Maceda. ‘Dentro das nosas posibilidades, eliximos apoiar aos artistas e ofrecer entretemento de calidade para os nosos veciños e veciñas, e quen queira unirse a esta iniciativa dende as súas casas.’

O Concello da Pobra do Brollón respondeu á nova realidade causada pola emerxencia sanitaria lanzando a semana pasada Guimaralia Te Ve, cunha emisión dun vídeo diario nas redes sociais en colaboración con veciños e achegados. Agora, ‘Cos Pés na Casa’ búscase apoiar tamén aos artistas locais, ‘Gustaríanos que esta iniciativa animase a outros programadores a seguir apoiando aos artistas, que viron cancelados todos os seus eventos para varios meses,’ comenta o técnico de cultura do Concello, Xosé Gago.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here