HomeTerra de LemosA Pobra do Brollón'As Cores do Outono' homenaxea, na súa 10ª edición, a historia recente...

‘As Cores do Outono’ homenaxea, na súa 10ª edición, a historia recente da música galega

Farao contando no programa con atractivos como unha charla e proxección fotográfica que homenaxea ao mítico grupo Fuxan os Ventos, os concertos de Mercedes Peón e Maricarme, e un obradoiro de baile a cargo de Xisco Feijoó. Este festival celébrase no Concello da Pobra do Brollón os días 27 e 28 de setembro.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As Cores do Outono cumpre unha década e quere celebralo dun xeito especial. Dende a organización detallan que nesta décima edición o eixo condutor é homenaxear a historia recente da música galega: o rexurdir no post-franquismo con Fuxan os Ventos, a procura de novas sonoridades dos primeiros 2000 con Mercedes Peón, a recollida e instrumentación con Xisco Feijoó e o momento actual representado por Maricarme.

Nunha edición de aniversarios, na que se cumpren 10 anos do festival, fixouse a atención tamén nos 50 anos de Fuxan os Ventos e os 20 anos dende a publicación do primeiro disco de Mercedes Peón a través do seu espectáculo Ingrávida.

PARA ABRIR BOCA

Con motivo da exposición ‘Fuxan os Ventos. 50 anos de historia’ que está a percorrer Galicia, este venres 27 de setembro contarase cunha charla e proxección fotográfica arredor deste grupo fundamental na historia da música galega na Casa da Cultura Olga Novo da Pobra do Brollón. O título deste encontro é “En canto no pobo medre”.

Será ás 20:00 h. e participarán varios integrantes de Fuxan os Ventos ademais de moitas sorpresas musicais, coa presenza da Coral Samugueiros, Suso Corenta, Nuncy Valcárcel e compoñentes de Os Parentes e Xerezade. Durante o evento haberá barra e caldo, para o que dende a organización animan a levar cunca e culler.

PROGRAMACIÓN PARA O SÁBADO 28

Na parroquia de Canedo, aproveitando que están en festas, arrinca a programación do sábado. Será a partir das 11:00 h da mañá cunha alborada-vermú con Xisco Feijoó, na que interpretará pezas froito da intensa labor de recollida que leva feito ao longo da súa carreira. Anímase a que os asistentes leven instrumentos para participar da alborada.

O mesmo Xisco Feijoó dará o sábado pola tarde un obradoiro de baile tradicional, para o que as prazas xa están completas.

Xisco Feijóo | Fonte: xiscofeijoo.com

Os concertos,xa no clásico escenario Samugueiros, comezarán ás 21:00 h con Maricarme, formación que xunta tres recoñecidas caras do panorama musical galega: Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido. Traerán á Pobra do Brollón un folk orixinal e poderoso que mestura voz, instrumentos e sonoridades máis electrónicas, dende a tradición oral ás composicións propias e moi bailables.

A continuación chegará o espectáculo Ingrávida, no que Mercedes Peón festexa os 20 anos dende a publicación do seu primeiro disco, Isué. Será unha festa musical a cabalo do acústico e da electrónica na que homenaxea a creación colectiva. Peón estará acompañada no escenario por unha grande elenco de mulleres artistas: As Xirifeiras, Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut, Raigañas de Cerqueda, Galíricas, Icía Varela, Gisela Sanmartín e Ana Fernández.

UN FESTIVAL ALTERNATIVO E CONSOLIDADO

Son dez anos poñendo en valor a música de raíz dende o sur de Lugo, cun festival que é xa referencia coa chegada do outono. “Procuramos espectáculos para todos os públicos, en diversos espazos” refire o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. E engade que nesta ocasión “deslocalizamos o festival con actividades na parroquia de Canedo”.

As Cores do Outono é unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón que conta con financiamento da Deputación de Lugo a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos e máis da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.

ÚLTIMAS

Quiroga Trail Challenge: máis de 400 participantes inscritos no primeiro mes

O QTC25 comeza a súa particular conta atrás anticipando, por parte da organización, o...

72 persoas con contrato laboral grazas ao Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada 23/24, financiado pola Consellería de...

O BNG urxe ao Goberno do PP o arranxo íntegro da LU-651

Iago Suárez lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa que solicitaba...

Teatro para público infantil este 13 de setembro no Multiusos de Monforte

O Concello de Monforte continúa co seu ciclo de teatro correspondente ó segundo trimestre...