HomePolíticaO BNG denuncia que o PP incumpre a lei ao non dotar...

O BNG denuncia que o PP incumpre a lei ao non dotar de médico o servizo de HADO do Hospital de Monforte

O deputado do BNG Iago Suárez denunciou na Comsión 5ª que o PP segue a incumprir a lei ao non dotar de médico específico o servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) no Hospital de Monforte de Lemos, que continúa a ser o único en Galiza que non conta con esa praza específica.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O BNG explica que esta categoría regulouse co Decreto 34/2021, pero en Monforte a xestión da HADO segue recaendo no servizo de Medicina Interna, sen contar cunha praza médica propia. “O servizo ten que chegar ao 100% da poboación e ten que se cumprir, e vostedes están incumprindo a lei”, recriminou.

“O primeiro é recoñecer que hai un problema, e se o servizo está chegando é grazas aos profesionais que están facendo posible que siga funcionando”, dixo agradecendo o inmenso labor que están facendo estes facultativos “deixándose a pel a pesar de que non son médicos específicos de HADO, e que polo tanto, o servizo estase a dar precariamente porque non dan máis”.

A este respecto denuncian que en Chantada, en Carballedo ou en Taboada non hai posibilidade de hospitalización a domicilio, “directamente non chega”.

Lamenta Suárez a recente inaguración do mamógrafo, “como se non fose un servizo esencial que levaba estragado meses”. Para o BNG, a situación no Hospital de Monforte non só repercute negativamente na atención aos doentes, senón tamén na sobrecarga do persoal médico existente, “que debe asumir funcións adicionais sen os recursos axeitados”. Para o deputado da comarca, este incumprimento é unha mostra evidente das profundas eivas na planificación sanitaria do Goberno galego”.

A falta de servizos sanitarios axeitados en comarcas envellecidas como o sur de Lugo é, para o BNG un problema que require dunha resposta urxente. “A Xunta está a incumprir co Hospital de Monforte e co conxunto da súa área de referencia. O caso do HADO é só un exemplo máis dunha situación que se está volvendo insostible”, rematou

ÚLTIMAS

Triacastela celebra a súa XIV Feira de Artesanía e produtos locais

O Concello de Triacastela organiza unha nova edición da súa 'Feira de Artesanía e...

Aviso sobre posibles cortes de auga na Pobra do Brollón

O Concello da Pobra do Brollón vén de facer un comunicado público no que...

Exitosa presentación da curta ‘Cara de cona’ en Sober

A curtametraxe 'Cara de cona', con moi boas críticas e recoñecementos en festivais nos...

Julio Ferrín o ‘Recanteiro froiteiro’ do Luar

Julio Ferrín naceu na Ribeira, en Quiroga, e tras vivir uns anos en Arteixo...