HomeTerra de LemossanidadeA CIG Saúde denuncia a amortización dunha praza no servizo de Dixestivo...

A CIG Saúde denuncia a amortización dunha praza no servizo de Dixestivo do Hospital de Monforte

"A supresión deste posto de especialista non é un feito illado, senón que se suma ás recorrentes denuncias pola falta de cobertura de vacantes e baixas noutras áreas fundamentais do hospital", asegura o sindicato.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A sección sindical de CIG-Saúde no Hospital de Monforte denuncia a amortización dunha praza de persoal médico especialista no Servizo de Aparello Dixestivo neste centro hospitalario. Esta medida supón un novo golpe estrutural que afonda na perda progresiva de servizos e especialistas que vén sufrindo o centro.

Alertan de que a eliminación desta praza agravará de xeito inmediato a situación de sobrecarga das consultas, incrementando os tempos de espera para probas diagnósticas esenciais —como colonoscopias ou endoscopias— e obrigando a derivar a un maior número de pacientes cara ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo.

“Esta estratexia perpetúa a discriminación histórica dos usuarios e usuarias do sur da provincia, que ven condicionado o seu dereito a unha atención sanitaria pública, de calidade e de proximidade pola falta de investimentos directos na comarca”, sinala o sindicato.

A pesar dos anuncios de incrementos orzamentarios, a CIG Saúde asegura que “a realidade do hospital monfortino segue a ser a de recortes encubertos que debilitan o tecido asistencial do centro comarcal e prexudican de forma directa a calidade de vida da poboación rural”.

Esixen a rectificación inmediata desta medida, o mantemento íntegro do cadro de persoal do servizo de Dixestivo e unha aposta firme por dotar o Hospital de Monforte dos recursos humanos e técnicos necesarios para garantir o seu futuro e a sostibilidade do sistema público de saúde na comarca.

Lembran que seguen dúas prazas de oftalmoloxía actualmente vacantes no Hospital, xa que ao igual que a de Dixestivo non as sacaron nin ao concurso de traslados. Tamén está pendente a cobertura dunha vacante de uroloxía, “xa que polo de agora veñen a cubrir de Lugo, pero así facían con Dixestivo e o final quedamos sin ela”.

ÚLTIMAS

Paso peonil provisional nas obras de supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Padre Feijoo

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu conta das xestións realizadas ante a...

O Goberno inclúe a Quiroga nunha declaración de ‘zonas catastróficas’

O Consello de Ministros aprobou o martes 27 de outubro declarar a 45 territorios,...

Raquel Arias, regresa ao IES Río Cabe para compartir as súas experiencias profesionais

Durante a súa intervención, Raquel Arias fixo un percorrido pola súa traxectoria vital, desde...

Quiroga destina 22.600€ a “Un Soño de Nadal”

Esta decoración con puntos estratéxicos nos que se concentrará a maior parte da decoración:...