InicioEn profundidade“En menos dun ano pecharon os dous medios de comunicación de Chantada”,...

“En menos dun ano pecharon os dous medios de comunicación de Chantada”, Marifé Macía

Coñecemos a esta comunicadora monfortina que ten a Chantada como a súa segunda ‘patria’, lugar onde foi a voz da comarca durante máis de 20 anos en Radio Faro -Cadena Ser Chantada-. Descubrimos máis detalles da súa traxectoria e alédanos saber que, tras un susto médico, está de moi bo humor e esperando volver ás ondas.

Publicado o

- Advertisement -

Marifé Macía Rodríguez naceu e criouse en Pamplona, lugar onde emigraron os seus pais, el orixinario de Sarria e ela da parroquia monfortina de Moreda. Cando ela contaba con 22 anos viñeron vivir a Castro de Moreda e dende ese momento a súa vida transcorreu entre Monforte e Chantada, lugar este último no que traballou en Televinte Chantada e en Radio Faro -Cadena SER Chantada-. Nesta emisora estivo nunha primeira etapa, moi fugaz, do 1991 ao 1992, e anos despois do 1999 ao 2019.

Cóntanos que ten estudos de Relacións Públicas e o título de educadora social pero a radio sempre foi un mundo que lle tirou. Así, estando aínda en Pamplona, colleu experiencia participando de xeito altruísta en varias radios comunitarias da cidade.

Ao chegar a Monforte a súa primeira experiencia radiofónica foi en Radio-Radio, unha radio libre que funcionou bastantes anos na cidade do Cabe e na que colaboraba por lecer. “Aos poucos anos abriu Radio Faro en Chantada, no ano 1991, e colléronme. Foi só un ano porque decidiron quedar cunha soa persoa”, explica Marifé. Tras uns anos de descanso, no 1995 volveu a Radio-Radio en Monforte e foi no momento no que esta se profesionalizou, tiña un convenio coa Cope de Lugo e presentou un magacine que se chamaba “A mañá”. Esta radio foi absorbida pola segunda televisión de Monforte naquela época, RTTL -Radio Televisión Terra de Lemos-, e ás súas funcións na radio sumáronse traballos de produción, guión, etc na televisión.

Macía Rodríguez lembra con certa morriña aqueles anos pero a etapa que máis lle marcou, e con razón, foi a de Chantada coa súa participación en Televinte e en Radio Faro -Cadena Ser Chantada- na que estivo 20 anos de forma ininterrompida. Comentamos con ela esa etapa, pero tamén o seu paso por Onda Cero, en Monforte de Lemos, o pasado ano.

Retransmisión en directo dende O Incio. Foto: Radio Faro

Xa nos avanzaches, pero concrétanos como chegas a Radio Faro?

Estando en Radio-Radio en Monforte chamáronme porque ía abrir unha emisora da Ser en Chantada. Lembro que fixen informativos, empezamos 3 persoas, pero despois dun ano quedou só unha persoa, Susana López Abella. Quedou só o espazo “Hoxe por hoxe” das 12:20 ás 14:00 h. Foi moi fugaz pero unha boa experiencia.

Pero, mira ti, o destino quixo que volveras?

Si, no 1999 volvín a Chantada. Chamáronme de Televinte, televisión que naceu no 1998 con 20 socios, de aí o nome. Coñecíanme da etapa da Ser e empecei a traballar con eles facendo informativos, presentaba o “Telenovas”. E nese mesmo ano chamáronme de Radio Faro. Susana López Abella non podía seguir co programa, éralle incompatible coa súa dedicación á política. Collín o traballo e compaxineino con Televinte durante un tempo pero decidín que non podía con todo, apostei pola radio e quedei só cun programa semanal na televisión.

Marifé Macía na súa etapa en Televinte / Televinte

Nesta segunda etapa en Radio Faro estiveches vinte anos, todo un Máster, non?

Si, apréndese moito, moitísimo. Aínda que non estudei xornalismo como che dixen antes, cheguei a colexiarme, co cal a nivel laboral e oficial tamén son “xornalista” (risas).

Como xornalista de proximidade que fuches, dinos o bo e o malo do oficio?

Diríache que todo bo, sobre todo a proximidade e o contacto directo coa xente. Dar as noticias do teu carón é moi gratificante. Establécese unha relación cos oíntes que vai máis alá…

E parte mala non hai… se tivera que poñer unha obxección, por poñer unha, quizais que cando chegan medios de comunicación de ámbito nacional “como que nos teñen menos en conta”.

Como foi o final desta fermosa experiencia no 2019?

Pois mira, rematei o programa ás dúas da tarde despois de entrevistar ao alcalde de Sober, Luís Guitián. Despedinme del e da audiencia cun “ata mañá” e non houbo mañá. Ás 18:30-19:00 h. a radio estaba pechada e o meu finiquito enriba da mesa. Así como cho conto.

“despedinme del e da audiencia cun ‘ata mañá’ e non houbo mañá. ás 18:30-19:00 h. a radio estaba pechada e o meu finiquito enriba da mesa. Así como cho conto”

Nin tempo che deu de despedirte.

Xa ves que formas, vinte anos traballando para que te despidan así… Despedinme despois polas redes sociais e coa xente que me foi preguntando pois non se comunicou nada oficialmente, a xente non sabía nada.

Traumático tamén para as chantadinas e chantadinos, supoño.

Claro, botaron moito de menos a “radio do pobo” e pensa que en menos dun ano pecharon os dous medios de comunicación de Chantada. A finais do 2018 pechou Televinte e no 2019 Radio Faro.

“botaron moito de menos a ‘radio do pobo’ e pensa que en menos de dous anos pecharon os dous medios de comunicación de Chantada”

Despois deste peche en 2019 que fixeches?

Estiven no verán dese ano cubrindo a Manola Porto e a Lois en Onda Cero Monforte. Traballei tres meses.

Como foi a experiencia, doada?

Ilusionante e “doada ata certo punto”. Xa coñecía o medio pero cubrir a Manola Porto de “doado nada”. Foi unha gran responsabilidade para min e tanto Lois como Manola abríronme as portas e os brazos. Foi duro porque falamos de substituír a Manola Porto pero collín confianza porque moita xente da que pasaba pola emisora xa a coñecía de Radio Faro.

“Foi unha gran responsabilidade para min e tanto Lois como Manola abríronme as portas e os brazos”

Marifé Macía Rodríguez nos estudios de Onda Cero en Monforte. Foto: M.M.

E despois dese paso temporal por Onda Cero?

Ao paro e en novembro tiven un ictus, co cal estou de baixa.

“A vida deume un aviso”

Vaia! Non sabía. Como foi e como vai a recuperación?

“A vida deume un aviso”. Creo que foi consecuencia de todo o que pasou ao longo do ano, o peche de Radio Faro, a presión de entrar en Onda Cero… Ao pasar toda a presión “rompeu todo por aí e iso que estaba nun momento relaxado”. Pero ás veces xa sabes o que pasa, o corpo vai aguantando e despois, cando se relaxa… Por sorte foi un ictus en grado leve na zona que afecta á coordinación e estoume recuperando ben. Aproveito para agradecer ao Hospital de Monforte o ben que me trataron, portáronse de marabilla comigo. Xa recuperei a mobilidade e a coordinación, e xa de alta na rehabilitación.

Estás para outra? E desculpa a informalidade.

Practicamente para outra. Hai que mirar o bo destas cousas. Deixei de fumar e agora tómome a vida con máis tranquilidade. “Agora estou mellor que antes mesmo, a nivel físico polo menos! (risas).

E agora que?

Como me di a miña médica de cabeceira, “o teu traballo agora es ti”. Co cal teño que ocuparme de min e recuperarme por prescrición facultativa (risas).

“Como me di a miña médica de cabeceira, o teu traballo agora es ti”

Seguro que seguirás traballando nisto, ocasións haberá?

Seguro. Espero darvos noticias.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...