InicioEn profundidade‘Sacra Cosmetics’, cosmética natural feita na Ribeira Sacra

‘Sacra Cosmetics’, cosmética natural feita na Ribeira Sacra

Coñecemos, da man do colectivo Segredos de Pantón, o proxecto da emprendedora Nuria López, orixinaria de Frontón, no Concello de Pantón.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Nuria López naceu en Vigo pero dende os catro anos criouse en Frontón, unha parroquia do Concello de Pantón. Con 16 anos foise vivir a Barcelona, cidade na que experimentou a morriña, retornando a Galicia con 24 “definitivamente para non querer marchar de aquí nunca máis”, afirma con rotundidade. “A morriña é un sentimento galego moi fermoso pero doloroso”, engade.

O amor pola súa terra e a fe nas súas posibilidades levouna a apostar por unha cosmética natural, respectuosa coa pel, os animais, a natureza, e aproveitando a materia prima e ecolóxica que abonda na Ribeira Sacra. Así naceu ‘Sacra Cosmetics’.

Nuria López. Foto cedida por ela

Para dar inicio á entrevista, cóntenos como foi a súa introdución no mundo da cosmética natural?

A raíz dunha dermatite na pel da miña filla, fabriquei os produtos de hixiene con ingredientes naturais, coa finalidade de controlar esa enfermidade xa hai 10 anos. A iniciativa empresarial foi da man do Coworking Ribeira Sacra, que acolleu a idea para axudar a impulsala dende un marco ordenado e profesional.

Traballa sempre con produtores locais, dende Quiroga ate Chantada pasando por Pantón. Para vós por que é tan importante facer isto?

É por todos sabido a gran calidade das materias primas e das terras da Ribeira Sacra. Temos o mellor, así que é lóxico pensar que se pode conseguir unha cosmética de excelencia con ingredientes de excelencia. Tamén é importante colaborar entre produtoras locais e tratar de buscar a prosperidade das nosas xentes.

“Temos o mellor, así que é lóxico pensar que se pode conseguir unha cosmética de excelencia con ingredientes de excelencia”

Como está a ser o comezo de actividade? Está a ver unha boa aceptación nos consumidores e nas consumidoras?

Está a ser moi ben acollida, gustan os produtos, aínda que a quen máis lles está a chamar a atención é aos turistas, que mercan sen mirar o prezo. Hai un segmento moi agradecido, o das persoas que só queren utilizar produtos naturais, que se están a sentir atraídas.

Xabóns e champús de ‘Sacra Cosmetics

Recentemente vimos que en Tuiriz estivo a organizar uns cursos de cosmética natural. Como foi que xurdiu esta iniciativa e que tal foi?

Foi fantástica. As mulleres son moi receptivas e a atmósfera foi moi bonita. É moi satisfactorio xuntarse coas mulleres rurais, estamos feitas “doutra pasta”. A  iniciativa foi acollida con moito cariño e expectación pola presidenta da asociación, Rebeca, que é moi aberta a actividades culturais. Son un exemplo de asociación a seguir.

“É moi satisfactorio xuntarse coas mulleres rurais, estamos feitas doutra pasta”

Vimos que emprega viño ecolóxico de Diego de Lemos. Plantéxase nalgún momento certificar os seus produtos en ecolóxico?

Esther Teijeiro é o paradigma da muller rural, traballadora inesgotable. Tamén é una figura á que admirar pola súa valentía e os seus fitos que xa coñecemos.

Os produtos son certificables COSMOS, están fabricados para tal fin, máis non teñen o selo por atrasos burocráticos. En canto se solucione, incorporaráselle.

Se algunha persoa quixera mercar os seus produtos como podería facelo?

Temos una tenda online onde visualizalos e mercalos. Tamén no teléfono 622669770 ou en puntos de venda que se poden atopar no Facebook Sacra Cosmetics ou no Instagram.

Para rematar esta interesante charla, está a traballar nalgún novo produto do que poida adiantarnos algo?

Hai moitas ideas que se materializarán no futuro se todo segue un bo trazado. Estamos desexando que se vexan os resultados dun bo traballo para investir en máis variedade de cosméticos no futuro.

ÚLTIMAS

RIOTORTO, EPICENTRO DA ARTESANÍA DO FERRO DE GALICIA

A XV Feira de Artesanía do Ferro foi presentada o pasado 18 de abril coa presenza...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...