Zeltia Mateo, a peiteadora rural quiroguesa que soña con ser maquilladora FX

Coñecemos a esta moza emprendedora que un bo día ‘tirouse á piscina’ para ofrecer un servizo de estética e peiteado a domicilio no rural. Ademais, nos seus ratos libres amosa nas redes sociais a calidade artística que ten como caracterizadora e maquilladora de efectos especiais.

Zeltia Mateo maquillada de Spiderman. Foto: LOAN

Zeltia Mateo é unha rapaza quiroguesa que decidiu emprender no rural xusto antes da pandemia, no ano 2019. Tiña vinte e dous anos e, grazas ao empurrón da súa nai, deu o paso para ofrecer os seus servizos de estética e peiteado a domicilio na Comarca de Quiroga.

Rematado un Ciclo de Peiteado e Estética en Ourense, traballou en varios salóns de peiteado da contorna como empregada ata o 2019 cando, tras quedar no paro, a súa nai díxolle de poñerse pola súa conta. “A miña nai convenceume fácil… e por probar non perdía nada”, di Zeltia.

Zeltia Mateo. Foto Cedida.

A idea era ofrecer un amplo abano de servizos de estética e peiteado unisex a domicilio nos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel; e con esta premisa, Zeltia empezou a funcionar xa como autónoma no 2019 bautizando o seu proxecto co nome comercial de LOAN, unha chiscadela léxica en agradecemento aos seus pais Lorenzo e Ana polo apoio incondicional recibido deles. E dende aquela, segue tirando para adiante e chegando cada día a máis aldeas, algunhas novas nas que aínda non a coñecían.

A idea era ofrecer un amplo abano de servizos de estética e peiteado unisex a domicilio nos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel

Os principios, como en todo negocio, foron difíciles, pero foi saíndo adiante relativamente rápido. “Empecei con clientas amigas de miña nai, outras que xa me coñecían cando era empregada e grazas ás redes sociais e ao boca a boca foi saíndo traballo”, comenta Zeltia con satisfacción.

Pregúntolle se lembra o seu primeiro servizo e dime que si, que foi na Ermida atendendo a unha amiga da súa nai que vive fóra e que vén aquí varias veces ao ano. “Tanto ela como eu quedamos contentas e dende aquela sempre que está pola Ermida chámame para que a vaia arreglar”, comenta.

No que respecta á súa clientela, esta emprendedora quiroguesa di que a xente maior é a que máis demanda os seus servizos pero que ten de todas as idades, e bastante xente nova. Traballa con cita previa, loxicamente, e chega aos tres concellos da Comarca de Quiroga.

TRATO PRÓXIMO E PERSONALIZADO

Falando do trato coas clientas e clientes, Zeltia di que está moi contenta e agradecida. O traballo é duro pero a satisfacción máxima, “non cambio por nada do mundo a vida que estou levando agora”, confesa referíndose a que non estraña para nada o traballo en salóns de peiteado.

Zeltia facendo un servizo / LOAN

“Ábrenche a porta das casas e do a gusto que estou síntome como unha máis da familia”

E falando de satisfacción, esta moza emprendedora amósanos a súa sensibilidade e agarimo, sobre todo cara a xente maior coa que trata cada día. Alén do servizo que ofrece, non deixa de facer un labor social importantísimo no rural que non é outro que cubrir os baleiros que deixa a soidade. “Ábrenche a porta das casas e do a gusto que estou síntome como unha máis da familia”, confesa Zeltia emocionada. Recoñece que a xente maior agradece moito que vaia, non só polo traballo que fai se non por poder falar con alguén pois hai moitas aldeas nas que pasan días sen ver xente ningunha. E que entrañable a situación que se dá ao rematar o servizo…”nalgunha casa cústame marchar… parece que non dan acabado de contar e aínda por enriba danme cousas, unha ducia de ovos, patacas, chourizos, pan se coceron eses días… e non me queda outro remedio que collerlle o que me dan (ri)”. Tal é o grado de confianza que teñen xa con ela que seica lle chaman “a nena” e incluso “a neta” nalgúns casos.

”Nalgunha casa cústame marchar… parece que non dan acabado de contar e aínda por enriba danme cousas, unha ducia de ovos, patacas, chourizos, pan se coceron eses días… e non me queda outro remedio que collerlle o que me dan (ri)”

Zeltia arranxando a unha muller maior. Foto: LOAN

Es xa unha confidente, incluso psicóloga para elas e eles? –pregúntolle– “A situación é máis íntima, na perruquería convencional hai máis xente e non se dá a intimidade que teñen na casa comigo. Eu escoito, deixo que falen e se podo dou a miña opinión”, contesta Zeltia engadindo que as conversas son moi enriquecedoras para ela, “pásase un bo rato con eles e apréndense moitas cousas, teñen moita sabedoría”.

TRABALLAR EN TEMPOS DE COVID

Zeltia empezou co seu proxecto, como dixemos, no 2019; e foi no 2020 cando nos caeu enriba o Coronavirus. Como todos os negocios, no principio da pandemia tivo un parón importante que veu dado polo caos, o medo, a incerteza e a información contraditoria. Pero non quedaba outra que aceptar a situación, resistir e tirar para adiante, “sempre me protexín moito pero algo de medo de contaxiar había”, recoñece.

“Agora, por sorte, xa se perdeu algo o medo e coas vacinas a xente está máis relaxada”, di Zeltia lembrando que a desinfección de todo o material, o uso de máscaras, a ventilación, etc é xa unha rutina para todos.

MAQUILLAXE, A SÚA PAIXÓN

Como comprobamos, a Zeltia estanlle dando moitas satisfaccións e cartos para tirar adiante os arranxos de pelo e a estética a domicilio, pero hai unha variante da estética que vive con paixón, a maquillaxe FX –efectos especiais–. O que máis lle gusta é facer caracterizacións fantásticas, próteses e feridas. Curioso isto último porque, téndolle –como recoñece– medo ao sangue, á hora de caracterizar o medo desaparece.

Segundo sabemos, fixo un curso online de maquillaxe profesional de Cine, TV e caracterización na prestixiosa Cazcarra Image School de Barcelona e non deixa de documentarse, seguir a xente especialista na materia e practicar sempre que ten ocasión. Soña con traballar algún día de maquilladora de cine pero recoñece as limitacións que ten actualmente, “hai moita xente neste oficio, hai que formarse continuamente e aquí non é o sitio ideal para alcanzar ese soño…”.

Por ilusión e ganas non vai ser porque Zeltia segue dedicándolle horas a esta paixón e os resultados do seu traballo son espectaculares. Cóntovos unha anécdota para demostralo. O pasado 25 de decembro, non tendo que traballar, levantouse cedo e púxose cunha ‘automaquillaxe’ de Spiderman que lle levou once horas. Case medio día dedicado a pintar o seu corpo para facer unhas fotos e despois desmaquillarse e ducharse. Aquí se ve a paixón, “a min pásanme as horas e non me dou conta, reláxame moitísimo”, confesa.

O pasado 25 de decembro, non tendo que traballar, levantouse cedo e púxose cunha ‘automaquillaxe’ de Spiderman que lle levou once horas

Maquillaxe de Spiderman / Zeltia Mateo

En canto ten ocasión fai estas maquillaxes, a maioría no corpo dela por non ter ou non poder contar con voluntarios/as, e despois comparte os traballos nas redes sociais para darse a coñecer como maquilladora de FX. “A ver se lle gustan a alguén e me chaman para algún traballo”, di Zeltia cun sorriso na cara.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here