HomeTerra de LemosA Pobra do BrollónAchado importante na Pobra do Brollón: podería conservar os restos humanos máis...

Achado importante na Pobra do Brollón: podería conservar os restos humanos máis antigos de Galicia

Atopan posibles restos humanos prehistóricos nunha escavación en Vilachá de Salvadur. O Carbono 14 debe confirmar un achado de "gran importancia" pola "case nula" existencia de ósos humanos prehistóricos en Galicia.

Publicado o

- Advertisement -

Unha escavación realizada en Vilachá de Salvadur, no municipio da Pobra do Brollón (Lugo), na que arqueólogos buscan un primitivo mosteiro medieval e se indaga sobre as orixes da Ribeira Sacra, atopou o que se cren poden ser restos humanos prehistóricos.

Un equipo dirixido polo arqueólogo Xurxo Ayán, coa participación do Incipit-CSIC, finalizou unha investigación no lugar chamado Os Conventos, en Val do Frade, Vilachá –municipio da Pobra do Brollón–, na que se atoparon ao final da campaña un cranio, unha vértebra e dous fémures, que “pola súa colocación e contexto arqueolóxico parecen estar enterrados nunha cista prehistórica“.

Agora probas como o carbono 14 deben confirmar a antigüidade destes restos –así como información como a súa dieta e ADN–, xa que o achado pode ser “gran importancia” dada a “case nula existencia de restos óseos humanos prehistóricos en Galicia”, explica a iniciativa Adegas da Memoria nun comunicado.

O técnico de cultura do Concello da Pobra do Brollón e coordinador do proxecto, Xosé Gago, comenta a importancia deste achado nun contexto no que a Ribeira Sacra é candidata a Patrimonio da Humanidade: “A paisaxe da Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural que non se pode entender nin concibir sen ter en conta ás persoas que viviron e traballaron, que viven e traballan na zona“.

Durante a escavación constatouse unha ocupación medieval do lugar con mostras de cerámica dos séculos XII ou XIII e unha moeda do reinado de Alfonso X. Por baixo deses niveis medievais, escavado directamente na roca, apareceu o oco cos restos humanos: un depósito funerario que indica un tratamento ritual posterior do cadáver.

“PRIMEIRO GRAN ESTUDO DA RIBEIRA SACRA”

O proxecto etnoarqueológico de Adegas da Memoria busca dinamizar a parroquia de Vilachá de Salvadur, promovido pola Asociación de Veciños de Vilachá e o Concello da Pobra do Brollón. “Con este novo achado, superamos con fartura o obxectivo principal de Adegas da Memoria, que é facer o primeiro gran estudo sobre as orixes e evolución da paisaxe da Ribeira Sacra”, sinala o investigador da Universidade Nova de Lisboa e director da intervención, Xurxo Ayán.

Esta iniciativa prodúcese após as realizadas nos últimos anos na Pobra do Brollón, nunha aposta pola xestión patrimonial, como o proxecto do Castro de San Lourenzo (na parroquia de Cereixa) e o de memoria histórica da Casa de Repil.

“Este achado é a punta do iceberg, desde o Concello levamos moitos meses traballando conxuntamente cos veciños. Foron eles os que nos falaron de que no lugar dos Conventos había un antigo mosteiro, a partir de aí nace todo o proxecto,” explica Xosé Gago.

ÚLTIMAS

Máis de 1.500 persoas desfilaron en Pantón este sábado e entregáronse máis de 5.000€ en premios

Este ano encabezaban o desfile os traxes tradicionais do Entroido de Budián e contábase...

5.600.000€ para a mellora do saneamento no Polígono do Reboredo

Esta modificación do acordo conta con todos os informes favorables e suporá “unha mellora...

Pantón celebra este 21 de febreiro o Desfile de Entroido con 50 comparsas e disfraces inscritos

O Concello de Pantón celebra este sábado, 21 de febreiro, o seu desfile de...

160 xogadores no I Campionato de Europa IPPA de Pitch&Putt que se celebrará en Monforte en xullo

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto co presidente do Club de Golf...