InicioTerra de LemossanidadeO Alzheimer, a enfermidade que comeza cun "non me lembro" e remata...

O Alzheimer, a enfermidade que comeza cun “non me lembro” e remata cun “non te coñezo”

Publicado o

- Advertisement -

A demencia é definida pola OMS (Organización Mundial da Saúde) como un síndrome debido a unha enfermidade do cerebro, xeralmente de natureza crónica ou progresiva, na que hai deficiencia de múltiples funcións corticales superiores que repercuten na actividade cotiá do doente. Entre as funcións que o enfermo vai perdendo destacan a memoria, entendemento, xuízo, a fala, o cálculo, o pensamento ou a orientación, entre outros.

O Alzheimer é unha demencia á cal están asociados a perda doutras capacidades intelectuais como son a dificultade para expresarse e comunicarse de xeito adecuado ou a dificultade para comprender o significado dos obxectos, que perturba a organización da vida diaria e impide levar unha vida familiar e social.

COMO ACTUAR ANTE A SOSPEITA DO COMEZO DA DOENZA?

Dende a Fundación Alzheimer España plantexan unha enquisa sinxela que calquera persoa pode realizar ante a sospeita da doenza nun familiar. De todos os xeitos, son os especialistas os quen teñen que determinar se realmente o doente está a padecer a enfermidade.

As cuestións a realizar son;

  • Houbo algún problema á hora de tomar unha decisión?
  • Diminuíu o seu interese polos seus pasatempos?
  • Repite cousas, tales como historias, declaracións ou preguntas?
  • Ten problemas de aprendizaxe ou de usar aparatos modernos pero sinxelos como poden ser o mando a distancia ou o forno?
  • Esqueceuse da súa data de nacemento?
  • Ten dificultade para o manexo da economía doméstica?
  • Esquece as citas?
  • Notou problemas coa memoria ou co pensamento?
    Cada resposta afirmativa é un punto. Se na suma final de puntuación, esta é superior a 2 puntos, a persoa necesita unha consulta médica onde se lle realicen as probas pertinentes para detectar a enfermidade.

OS 10 PRIMEIROS SÍNTOMAS DA DOENZA

  1. Perda da memoria
  2. Repetición frecuente de preguntas malia ter xa a resposta
  3. Colocar as cousas en lugar errado
  4. Dificultade para lembrar o nome de obxectos usuais
  5. Perda do sentido da orientación con respecto ao tempo e ao lugar
  6. Dificultade para realizar xestos sinxelos e familiares
  7. Perda de interese e motivación polas actividades que antes gozaba
  8. Dificultade para realizar tarefas sinxelas
  9. Cambios bruscos de humor
  10. Dificultade para manexar obxectos sinxelos

COMO SE PODE PREVIR A DOENZA?

No 2011, un equipo de investigadores americanos revisou de xeito sistemático 7 factores que demostran unha forte incidencia sobre a aparición do Alzheimer; diabetes, hipertensión, obesidade, depresión, inactividade física, tabaquismo e baixo nivel de educación.

Deste xeito, eliminando a inactividade física, pódense previr o 12.7% dos casos; eliminando o tabaco o 13.9% e incrementando o nivel educativo, o 19%.

Tendo en conta estes datos, a OMS afirma que diminuíndo nun 10% a exposición os factores de risco, poderíanse reducir 250.000 casos anuais.

Dentro destes factores, hai outros que tamén incrementan o risco de padecer a doenza como son; ter unha idade avanzada, ser muller, ser solteiro, consumir benzodiacepinas e a presenza de herpes.

21 DE SETEMBRO, DÍA MUNDIAL DO ALZHEIMER

Dende FAGAL (Federación Galega de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer) decidiron conmemorar este día co lema Ela non se acordará, e ti?, co que se pretende facer visible, tanto para as administracións públicas como para a sociedade en xeral, os aspectos que deben de coñecer para mellorar a calidade de vida das persoas cunha demencia na súa familia. A esta campaña tamén se suma AFAMON (Asociación de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Monforte) realizando diversas actividades para informar e dar a coñecer todas as cuestións relacionadas coa enfermidade.

Así, o mércores 19 de setembro, realizarase unha xornada de lecer visitanto o Mosteiro Cisterciense das Bernardas, Pantón, dende as 10:30 ata as 13:30 horas. Esta saída está destinada para os usuarios do Programa de Estimulación Cognitiva e Psicomotriz.

O venres 21, día mundial do Alzheimer, conmemorase a data cunha comida de confraternidade para os familiares dos doentes no restaurante la Fábrica de Monforte e finalmente, o sábado día 22, entre as 10:00 e as 14:00 horas, colocarase unha mesa informativa na Rúa Cardeal. Neste punto membros da xunta directiva, voluntarios e traballadores de AFAMON informarán sobre a doenza e as actividades da asociación, entregarán libros e manuais de balde para coidadores de persoas con Alzheimer e pedirán donativos a través de traballos manuais feitos por doentes e de participacións de Lotería de Nadal.

 

ÚLTIMAS

Reactivadas as notificacións para queimas

Os que soliciten un novo permiso, tendo en conta que a comunicación debe efectuarse...

A Xunta tamén colaborará co ‘Campionato de España de Taekwondo’ de Monforte

A Xunta vén de anunciar que colabora co Campionato de España de Taekwondo, que...

Axudas para a reconversión da viña e ‘Día do viño DO’

No DOGA do 26 de marzo publicábase a Orde da Consellería do Medio Rural,...

Intenso mes de actividade deportiva en Prodeme

Este mes de maio a asociación Prodeme levará a cabo unha serie de actividades...