InicioOpiniónOPINIÓN: Bosques autóctonos en perigo

OPINIÓN: Bosques autóctonos en perigo

O colectivo Segredos de Pantón entrevistou a Serafín González, Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), para coñecer sobre un arroteamento en Moreda, no Concello de Pantón.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Segundo palabras de Serafín González, “a meirande parte das solicitudes de arroteamento para cambio de uso afecta a bosques autóctonos, tanto caducifolios como perennifolios”. O pasado mes de decembro de 2019 Segredos de Pantón entrevisaba a González para falar doutra afectación, neste caso en catro parroquias -Pantón, Santa María de Ferreira, Espasantes e Serode- na Ribeira Sacra de Pantón. Daquela, xa se facía fincapé na existencia de actividades que comezaban a súa execución sen ter recibido os permisos preceptivos, e sinalaba a unha empresa que comezara os traballos sen ter a autorización da Dirección Xeral de Calidade Ambiental.

Nesta ocasión, Serafín González, responde ás preguntas de Segredos de Pantón sobre un arroteamento en Moreda.

Serafín González. Fonte: S.G.

Que ocorreu na parcela próxima á igrexa de San Romao de Moreda?

Houbo un cambio de uso de forestal a agrícola –viñedo- nunhas 10 hectáreas na contorna da igrexa de San Romao de Moreda, concretamente na parcela 224, do polígono 36 do concello de Pantón, na que se tallou unha ampla superficie de caducifolias autóctonas, incluídas abelairas centenarias.

Con data 14/04/2020 o SGHN remitiu un escrito á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático solicitándolle unha copia do expediente administrativo e da resolución autorizando o cambio de uso no caso de que houbera ou, no caso contrario, pedíaselle que informase de oficio ao órgano substantivo, a Consellería de Medio Rural, para que este incoase o correspondente expediente sancionador no caso de que dito arroteamento non contase cos permisos ambientais preceptivos.

Este arroteamento foi permitido por Medio Rural? Cal foi a resposta da autoridade competente?

O 22 de abril deste ano a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicou á SGHN que no “Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos infórmannos que non consta ningunha solicitude de cambio de uso de forestal a agrícola da parcela arriba mencionada” e que “se lle deu traslado de dita solicitude ao órgano competente para o seu coñecemento ao Servizo de Montes, da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Rural”. Transcorridos 4 meses, SGHN aínda non recibiu resposta da Consellería de Medio Rural pero, en calquera caso, a resposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático deixa ben claro que non se solicitaran os permisos ambientais preceptivos.

Arroteamento de Moreda. Foto: Segredos de Pantón

Esta masa arbórea arroteada podería verse afectada dada a súa proximidade ao curso fluvial do río Carabelos integrado na Rede Natura 2000 ZEC?

Un arroteamento destas dimensións na parte alta dunha ladeira sempre supón un risco para os ecosistemas fluviais próximos, neste caso o río Carabelos que é parte da Rede Natura 2000 ao estar incluído na ZEC ES1120016 Río Cabe.

Nesta tala víronse afectadas abeleiras moi antigas. Cortas de árbores tan antigas está permitido ou precisa dun permiso especial?

Lamentablemente, a tala de abeleiras ou outras árbores moi antigas non está prohibida agás no caso de árbores senlleiras ou en espazos protexidos, ou coma neste caso no que era preceptivo un permiso xa que despois da talla o que se pretende é facer un cambio de uso de forestal a agrícola.

Este continuo arroteamento de bosques caducifolios, pon en perigo a propia existencia destes en Galicia?

Si, sen dúbida. Dende hai varios anos SGHN ten detectado que a meirande parte das solicitudes de arroteamento para cambio de uso afecta a bosques autóctonos, tanto caducifolios como perennifolios. A situación é moi preocupante, especialmente na provincia de Lugo, xa que en moitos casos quérense tallar os poucos arboredos autóctonos que quedan (mesmo en terras marxinais dende un punto de vista agrícola) mentres na contorna inmediata proliferan as plantacións de especies exóticas, nomeadamente eucaliptos, pero tamén piñeiros de monterrei ou pseudotsugas, en terras que eran agrícolas ata hai ben pouco.

SERAFÍN GONZÁLEZ       

Doutor en Ciencias Biolóxicas, Investigador Científico do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e traballou no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia sobre todo nos ciclos dos nutrientes (especialmente nitróxeno) nos solos. Tamén é Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) dende 1995.

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...