InicioOpinión“O turismo pode axudar a abrir as casas pechadas das aldeas e...

“O turismo pode axudar a abrir as casas pechadas das aldeas e crear postos de traballo”, Tania Arias

O colectivo Segredos de Pantón amósanos, a partir da entrevista a Tania Arias, unha alternativa de aloxamento turístico integrador coa paisaxe que ademais axuda a revitalizar o rural.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Tania Arias rexenta unha VUT, Vivenda de Uso Turístico, no lugar de Tuiriz, dentro do Concello de Pantón e en plena Ribeira Sacra. O establecemento chámase O Fogar do Pumar e a filosofía do proxecto vai acorde con tendencias actuais nas que se pensa nun turismo sostible, integrador co medio natural e a sociedade favorecendo o intercambio cultural e que axude tamén á supervivencia do rural.

Sabemos que es historiadora, como foi que decidiches mudar este campo para dedicarte ao da hostalería?

O Fogar do Pumar forma parte do grupo de aloxamentos turísticos extrahoteleiros e polo tanto a principal actividade na que se inscribe é o Turismo. Como historiadora e arqueóloga, unha das saídas profesionais que se nos presenta é neste sector. Dalgunha forma non me desvinculo da miña profesión senón que uso os meus coñecementos como historiadora en materia de Turismo.

Os viaxeiros e viaxeiras que se aloxen na nosa vivenda de uso turístico, reciben información da Ribeira Sacra desde o punto de vista do noso patrimonio material e inmaterial. Nós non ofertamos servizo de comidas, só aloxamento e información turística. Con este pequeno proxecto na miña aldea intento unir as miñas dúas paixóns, o patrimonio e a vida no rural.

Na actualidade, na Ribeira Sacra existe un gran mosaico de establecementos diferentes onde hospedarse. Cales pensas que son os aspectos diferenciadores do “Fogar do Pumar”? 

Efectivamente existen varios tipos de aloxamentos na Ribeira Sacra, Fogar do Pumar é unha VUT (Vivenda de Uso Turístico). Esta categoría de aloxamento implica a primeira diferenza con respecto aos demais, aquí a recepcionista é a “anfitrioa”, é dicir, a dona da casa (eu mesma) e recibo aos viaxeiros en persoa. O trato que reciben é directo, persoal e familiar. Fáiselles entrega do que será a súa casa de vacacións, podendo coñecer a Ribeira Sacra desde unha aldea -Tuiriz- formando parte da veciñanza.

De aquí sacamos a segunda diferenza, o tipo de cliente que se hospeda no noso fogar é moi consciente de onde se está aloxando e o porqué. É un cliente respectuoso coa veciñanza e que decide viaxar e aloxarse nunha casa de aldea, onde sabe que a súa presenza contribuirá a un impacto positivo na comunidade local. A integración viaxeiro e veciñanza é clave, estamos comprometidos co concepto de turismo sostible e, polo tanto, non masificado.

Como terceira diferenza están os obxectivos do proxecto “Fogar do Pumar”. Non somos unha simple casiña para repouso, loitamos pola revitalización do rural dunha maneira sostible. Abrir as casas pechadas das aldeas e crear postos de traballo asociados á súa xestión.

Por último, dentro do grupo das propias VUT, Fogar do Pumar ten aspectos orixinais, tales como: a anfitrioa ofrece información turística da zona aos viaxeiros e faino en varios idiomas se é preciso: inglés, portugués, mesmo alemán ou francés. Eu mesma valéndome da miña formación como historiadora e guía de turismo estou cento por cento polos meus viaxeiros e viaxeiras. En breve tamén ofreceremos actividades complementarias para poder realizar na nosa aldea aos nosos clientes.

O Fogar do Pumar en Tuiriz, Concello de Pantón. Foto: Cancelinha

A túa vivenda turística atópase nunha zona pouco coñecida. Que recursos lle recomendarías a unha persoa no entorno das parroquias de Tuiriz?

Os recursos turísticos están nas aldeas, polo tanto hai infinidade de opcións. Dentro da nosa aldea temos tres liñas a destacar. Dende o patrimonio histórico contamos cunha boa representación da arquitectura tradicional galega, cun conxunto de Casas Grandes ou señoriais do séculos XIX-XX, un Pazo do século XVII ,unha Reitoral do 1890, dúas Igrexas do século XVI en honra a Santa Baia e Santa María e unha capela do s.XVII en honra á virxe do Carme. Así mesmo, contamos con fontes tradicionais, lavadoiros antigos comunais, escolas da etapa da ditadura, etc.

A nivel natural e paisaxístico contamos cunha xoia de Monte Comunal de 500 hectáreas cunha autoxestión veciñal comunal onde se poden facer rutas a pé, en bicicleta de montaña,a cabalo, etc. podendo ver os diferentes aproveitamentos que os comuneiros realizamos nel.

No que respecta ao patrimonio inmaterial, levamos a cabo a Festa da Malla tradicional no mes de agosto, lembrando os tempos da seitura do noso cereal estrela que foi o centeo. Nesta festa participan os veciños como actores e organizadores principais da mesma, pero é de asistencia e desfrute público.

Nas aldeas próximas a Tuiriz pódese ver: o Pazo de Tor, o Ecomuseo de Arxeriz, o Cabo do Mundo, a adega Abadía da Cova, a Praia Fluvial da Cova, a Fervenza de Augacaída, a igrexa románica de Seteventos, o Camiño de Inverno, etc. Unha chea de lugares que visitar e actividades a realizar moi pegadiños a Tuiriz.

De onde provén o nome do teu establecemento?

Fogar do Pumar toma o nome do barrio de Tuiriz no cal se atopa: “O Pumar”. Pumar vén da palabra “Poma” en latín, que significa mazá. O Pumar é o lugar das mazairas, de feito aínda hoxe en día conservamos nesa zona hortas e árbores froiteiras, tales como as maceiras, que coidan os veciños nas súas fincas particulares. A mazá é o símbolo da nosa vivenda. “Fogar” porque estamos comprometidos co uso do galego a tódolos niveis. Gustábanos apartarnos dos míticos nomes de “Casa de…” e apostamos por un “Fogar” que sempre sona máis noso, máis da terra, menos impersoal.

Para rematar de forma máis persoal. Que factores miras cando elixes un establecemento para hospedarte cando viaxas? 

Coma todo o mundo miro a calidade-prezo nun primeiro momento. Pero dependendo do lugar ao que vaia, sempre que existan aloxamentos na liña do Fogar do Pumar que aposten polo campo e polo turismo sostible, van a ter a miña preferencia.

A razón é que neste tipo de aloxamentos o diñeiro que pagas por aloxarte ten un fin enriquecedor para a comunidade e non só se destina ao lucro do anfitrión sen máis. Ti mesmo coa túa presenza axudas a fomentar actividade nas zonas mais abandonadas e despoboadas, aloxándote en vivendas dedicadas a turismo nas aldeas.

Tamén é fundamental que te aloxes nun lugar onde te reciba o dono ou anfitrión da casa, iso fai que o trato sexa moito máis próximo e cálido, totalmente diferente a cando te aloxas por exemplo nun hotel. Este tipo de aloxamentos fan que cando viaxas esteas coma na túa propia casa. Para min isto é fundamental.

Anfitrioa e vista da vivenda de uso turístico. Foto: Cancelinha

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...