IniciosociedadeReencontro dos veciños de Torbeo e Vilachá na Feira do Viño

Reencontro dos veciños de Torbeo e Vilachá na Feira do Viño

A organización da Feira e o Concello da Pobra do Brollón facilitaron un autobús para que os veciños de Torbeo, parroquia da outra beira do Sil, puidesen asistir á Feira do Viño de Vilachá

Publicado o

- Advertisement -

Torbeo e Vilachá, dúas parroquias situadas en fronte unha da outra e separadas polo río Sil, tiveron moita relación no pasado, cando se cruzaba o río para ir ás festas, ás feiras ou a mocear, existindo aínda moitos matrimonios dun e doutro lado do río.

Esta relación entre ambas parroquias cambiou coa construción do encoro de San Estevo nos anos corenta. A partir dese momento e coa consecuente desaparición da barca que unía Barxa e A Cubela, Vilachá e Torbeo pasan a ser dúas parroquias que se miran pero non se tocan, perdendo case toda relación.

Agora para cruzar o río e chegar ata a outra parroquia hai que conducir máis de 40 minutos, unha alternativa non viable para quen non teña coche. A todo isto hai que engadir o despoboamento e envellecemento da poboación, polo que hai veciños, vellos amigos que non se ven dende hai décadas.

“Con este pequeno acto de reencontro, pretendemos reivindicar as tradicións da vida ribeirá e poñer o foco na nosa Ribeira de Vilachá”, sinala o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

Algún dos veciños, de ambas beiras, sinalan a importancia da recuperación da barca entre A Cubela e Barxa nomeadamente pola existencia dunha variante do Camiño de Inverno que cruza o río nese punto.

Dende Adegas da Memoria, un proxecto etnoarqueolóxico impulsado polo Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá, elaboraron unha serie-documental que afonda nas relacións entre os veciños de ámbalas beiras do río. Concretamente, é o episodio 3 ‘Nós nas Augas’ o que trata a vida ribeirá antes da construción dos embalses.

ÚLTIMAS

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra asina coa Universidade da Coruña a realización do seu Plan Director

Hai un mes a Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra celebraba unha xornada para presentar...

Fin de semana de foliada, festa e teatro na Pobra do Brollón

Aproveitando o patrón da parroquia, San Xurxo, a de Eixón será unha foliada con...

O IES A Pinguela celebra o 40 aniversario

Este venres 26 de abril o IES A Pinguela ten programada unha xornada na...