De xogadora profesional de voleibol a quiromasaxista no rural

“O trato co paciente é máis persoal, ábrenme as portas da súa casa e incluso algúns insisten en que tome un café ou a merenda”, di Noelia Sánchez, destacando as vantaxes de ofrecer os seus servizos a domicilio e no rural. Coñecemos a esta emprendedora.

Noelia Sánchez. Foto cedida.

Nesta ocasión os amigos de Segredos de Pantón contactaron e entrevistaron a unha persoa famosa que decidiu volver á súa terra para traballar no rural. Trátase de Noelia Sánchez, unha rapaza que foi xogadora profesional de voleibol e que, tras abandonar o deporte de alta competición, optou por emprender na súa comarca. Fíxoo botando man de todos os coñecementos que aprendeu e desenvolveu durante a súa frutífera carreira coma deportista.

Cando e como descubriu o voleibol?

Foi con 11 anos no colexio da Gándara. Apunteime non moi convencida e ó mes xa estaba namorada deste deporte.

Que significa para vostede o deporte?

Principalmente significa saúde, despois, da maneira que está integrado na miña vida, significa disciplina, valores, case un modo de vida.

“Apunteime non moi convencida e ó mes xa estaba namorada deste deporte”

Imaxina non practicar deporte algún día?

Creo que me é imposible imaxinar esa opción, dunha maneira ou doutra, aínda que sexa saír a camiñar, teño a necesidade de moverme.

Lugar favorito onde xogou, competiu… e para desconectar?

Lugar favorito no que xoguei, Menorca. E lugar favorito para perderse: camiñar por calquera recuncho da Ribeira Sacra.

Dende que deixou o voleibol profesional, como foi que se plantexou comezar a traballar como adestradora persoal e quiromasaxista?

A pandemia truncou a miña retirada e de repente vinme encerrada na casa sen poder continuar cos meus plans, así que aproveitando a miña experiencia e coñecementos, decidín non quedar parada e ocorréuseme ir abrindo camiño.

“A pandemia truncou a miña retirada e de repente vinme encerrada na casa sen poder continuar cos meus plans”

Cóntenos un pouco os servizos que pode ofrecer a posibles clientes?

No plano do quiromasaxe os servizos son a domicilio, dende calquera dor muscular ata readaptación despois dunha lesión.

Leva dende decembro de 2020 exercendo a súa nova actividade profesional, ata agora como foi?

Non me queixo, pero si que é verdade que ó non ter un local cústame bastante facer fronte á competencia.

Os seus servizos son bastantes demandados nun entorno rural coma o noso? Que perfil de cliente acostuma máis a ter?

Bastante, hai persoas maiores que non se poden desprazar con facilidade ou ben persoas que por traballo non dispoñen de tempo para achegarse a un centro. Daquela, o meu servizo a domicilio facilítalles poder organizarse.

“Hai persoas maiores que non se poden desprazar con facilidade ou ben persoas que por traballo non dispoñen de tempo para achegarse a un centro”

Para rematar, que destacaría de poder traballar no rural?

O trato co paciente é máis persoal, ábrenme as portas da súa casa e incluso algúns insisten en que tome un café ou a merenda (ri).

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here