IniciosociedadeA Confraría do Viño de Quiroga abre as portas ás mulleres

A Confraría do Viño de Quiroga abre as portas ás mulleres

A enxeñeira agrícola quiroguesa, María Balbina Álvarez, será a primeira muller que forme parte deste colectivo encargado de seleccionar os caldos da Feira do Viño. Falamos con ela da boa nova.

Publicado o

- Advertisement -

A XXXVII edición da Feira do Viño de Quiroga está en marcha. Será os días 20 e 21 de abril e xa logo tocará seleccionar os viños que participarán na súa mostra anual, aqueles seleccionados de entre todos os colleiteiros que se presentaron días atrás.

Este ano, como novidade, entre os membros da confraría estará unha muller, escollida tras ser seleccionada de entre 3 candidatos/as que se presentaban para entrar no colectivo.

Trátase de María Balbina Álvarez, unha enxeñeira agrícola de Quiroga moi relacionada dende pequena coa viticultura e con negocio propio dende hai 6 anos. Rematou a carreira de Enxeñería Técnica Agrícola hai sete anos, levou varios recoñecementos co seu proxecto de fin de carreira e dende hai seis ofrece asesoramento especializado relacionado co agro na súa oficina de Quiroga. Falamos con ela.

Moi ligada a Quiroga e á terra dende pequena?

Si, nacín aquí e aquí me quero xubilar. O contacto coa terra sempre o tiven e espero seguilo tendo, meu pai é unha das persoas que me inculcou o amor por ela.

Hai seis anos que traballas como asesora agrícola pola túa conta. Que tal che vai?

Pois non me podo queixar. Hai moito potencial e só con asesorar a viticultores xa teño bastante traballo.

A túa clientela é só de Quiroga ou tamén de fóra?

A maioría dos clientes son deste concello pero tamén asesoro a clientes no Concello da Pobra do Brollón con viñas na zona de Vilachá.

Estou pensando tamén no potencial da oliveira na zona. Empezaranse a xerar necesidades relacionadas coa túa dedicación neste sector, non?

Claro, de momento non moito, teño asesorado a xente que está empezando a traballar con viveiros pero si, é un sector que está indo para arriba.

Dedícaste á viticultura, tes bodega propia?

Si, teño unha adega particular para facer viño para a casa. Unha produción moi modesta, duns 500 litros. Eu basicamente asesoro, de momento o que traballa é meu pai pero eu estou presente e axudo (risas).

Examinando as cepas en Quiroga. Foto: Balby

Como se presentou a opción de entrar na Confraría do Viño?

Eu tiven a iniciativa para interesarme por entrar e dixéronme os membros da asociación que segundo os estatutos da entidade había que esperar a que houbese baixas e daquela podía xerarse a opción. E como houbo unha baixa pasei a ser candidata xunto a dúas persoas máis. Nunha reunión que se fixo hai pouco para escoller ao novo/a confrade, e tras a votación dos membros da confraría, elixíronme a min.

Era necesaria a creación desta Confraría do Viño de Quiroga?

Si, coido que é a primeira que se crea no sur de Lugo e serve para representar a viticultura de Quiroga.

Cres que a Feira do Viño de Quiroga debe manter a filosofía de exaltar os viños caseiros ou deberían entrar tamén adegas profesionais?

Creo que o viño caseiro ou artesanal ten moito mérito e non deixa de ser un ‘viño de autor’. Ten máis valor se cabe que o dunha adega profesional que ten moitos recursos, pode contratar enólogos… Ao viño dos paisanos/as hai que seguir dándolle o valor que ten e que siga sendo protagonista, pero non me importaría que se dese tamén a opción a adegas profesionais. Penso que poderían convivir perfectamente na Feira do Viño.

Cando tomarás posesión do teu cargo?

Pois o vindeiro día 6 de abril, creo que na Casa do Concello. Será alí onde nun acto solemne me poñan a capa e o sombreiro que distingue aos confrades.

Tes o mérito de ser a primeira muller en acceder a este posto, sen tempo non era?

Pois si, paréceme perfecto. Hai que romper moldes e estou encantada con ser eu a afortunada.

De momento serás a única, estarás rodeada de homes. Como o ves a priori?

Non vou estar incómoda, e máis sabendo que moitos dos confrades son clientes meus e que fun criada no medio de homes estando tamén moi relacionada co mundo do viño.

ÚLTIMAS

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...