Tras o deterioro do Castro de Chavaga pola maquinaria pesada, agora chega o turno das plantacións de eucaliptos

Lidia Senra e Paula Verao, en rolda de prensa en Monforte/XdL

A eurodeputada galega Lidia Senra e a deputada de En Marea do Parlamento Galego, Paula Verao, esixiron á Xunta de Galicia, nunha rolda de prensa ofrecida no Museo do Viño de Monforte o 23 de agosto, que actúe de forma responsable e que cumpra a súa propia normativa en materia de protección do patrimonio cultural e natural no que respecta ó castro de Chavaga e as plantacións de eucaliptos que se están a levar á cabo nas proximidades do xacemento castrexo.

Segundo Lidia Senra, “a Xunta de Galicia tennos acostumados a mirar para outro lado e non facer cumprir as propias leis que ela mesma aproba”

Na comparecencia, Senra remarcou que o 2018 foi declarado polo  Parlamento Europeo e polo Consello Europeo como ano como Ano Europeo do Patromonio Cultural que ten, entre outros obxectivos, poñer en valor, preservar, divulgar e sensibilizar á poboación da importancia de conservar o patrimonio. Así,considera que “non se poden permitir actuacións que poidan danar un ben patrimonial como é o Castro de Chavaga”.  Nesta mesma liña, Paula Verao manifesta que “a cotio se está a vivir uns constante goteo de destrución de patrimonio na provincia de Lugo e que a Xunta de Galicia non está non está garantindo a súa protección”.

A comezos do mes de agosto, Lidia Senra e Paula Verao visitaron o Castro de Chavaga para ver, in situ, as actuacións que se estaban levando a cabo na zona de Chavaga de retirada da madeira queimada tras os incedios do pasado mes de outubro. Nese momento, denunciaron que a actuación da empresa madeirista encargada de facer o traballo, estaba a usar maquinaria pesada na zona, co conseguinte risco que supoñía para o patrimonio da zona.

plantación de eucaliptos

Ambas deputadas denunciaron durante a súa comparecencia que se estaba comezando a plantar eucaliptos nas inmediacións do castro de Chavaga.

Senra destaca que “plantar eucaliptos no Distrito VIII -Terras de Lemos- é tizarlle ó lume” e é que, tras os incendios acaecidos en outubro do ano pasado, plantar este tipo de árbores soamente perxudica á zona, tanto na propagación de futuros lumes como en canto á seca de manantiais. Neste senso é destacable que a Xunta teña previsto que no ano 2032 haxa en Galicia 245.000 hectáreas de eucaliptais cando, actualmente, existen 490.000 das cales, 330.000 son plantacións de eucaliptos puros e as 190.000 restantes, plantacións mixtas e aínda así, séguense plantando esta especie invasora.

Pola súa parte, Paula Verao, destaca que hai unha proposición para que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade e declarado como Ben de Interese Cultural -BIC-. En canto á declaración de BIC, Verao, sinala que é a propia lexislación da Xunta a que para obter esta distinción non haxa na zona eucaliptos, acacias ou piñeiros, e sen embargo, está permitindo a presenza dos mesmos en comarcas que teñen dita distinción solicitada.

 

Peticións para o castro de Chavaga

Lidia Senra presentou un escrito ante a Comisión Europea denunciando a situación do Castro de Chavaga ó mesmo tempo que remitiu un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio e á Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Xunta. Na mesma liña, Paula Verao rexistruo dúas preguntas para resposta escrita no Parlamento Galego sobre o Castro de Chavaga e sobre o Distrito Forestal VIII e a plantación de eucaliptos e grupo parlamentario galego, En Marea, unha Proposición de non Lei sobre este tema.

Lidia Senra e Paula Verao solicítanlle á Xunta que, seguindo a súa propia lei, manifeste se existen os permisos correspondentes en canto a nivel de patrimonio e que diga que se os traballos realizados no castro afectaron ó patrimonio existente.  Dende o punto de vista das deputadas consideran que si pode haber danos no xacemento castrexo porque se produciron bastantes movementos de terra no entorno do castro e polo tanto danouse a área de protección. Ademais, a Xunta debería consignar fondos para divulgar e protexer o castro porque ten interese turístico e é un pilar fundamental para comprender o pasado da zona.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here