A actual invasión de imaxes de restos de plásticos tomadas nos máis diversos lugares do Planeta semella que está empezando a espertar algunhas conciencias, quizais non as suficientes nin ás que realmente compete tomar medidas serias para cambiar o presente estado de cousas.
Hai xa tres décadas, o grupo ecoloxista XEVALE publicou un estudo realizado respecto do consumo de bolsas de plástico -das de asas- no concello de Monforte, e de como unha boa parte ían parar aos lugares máis insospeitados, ademais dunha porcentaxe que se queimaba ao aire libre. Incriblemente, ata a data, as autoridades non deron con nada efectivo para mitigar o problema que xa xeraban os plásticos a finais do século pasado.
Fixéronse evidentes os resultados da nosa incidencia, a focalización do lixo dos produtos que consumimos deixa en dúbida a nosa “evolución”, a nai natureza estanos enviando unha mensaxe, e a verdade xa é hora de deter esta onda consumista que ademais nos distrae do verdadeiramente importante e transcendental que é tomar consciencia. A utilización de elementos que son dun só uso, sexa cal for a súa recolección, irán dar ás augas, ríos, crebadas, lagos, mares, ou as entrañas da nosa nai, onde realmente a súa natureza é xestar a semente que debe xermolar para dar froito e continuar o ciclo de vida.
O acto vital que nos mantén adheridos á vida é respirar. Producir o osíxeno que vimos a consumir no tránsito da nosa existencia debería ser a nosa prioridade antes que o consumo desmesurado de calquera cantidade de cousas que en realidade non necesitamos. Que a consigna da nosa vida sexa o consumo consciente para conservar esta nave voadora que nos acolle a todos.
E aínda con esas imaxes de illas de plástico nos océanos, de praias onde a area é o que menos se ve porque a tapan os plásticos que o mar nos devolve, nin as autoridades toman as medidas necesarias, nin os consumidores empezan a utilizar o seu poder para cambiar este desastre ambiental. Aínda hai xeracións que nos lembran como se facía a compra sen plásticos, como había que pagar os envases retornables, cando levaban a botella para que lla enchesen de aceite, ou a garrafa do viño, as cestas da compra de tea, en fin eran os tempos de aproveitar todo o posible os envases.
Lembro á miña tía Rosa lavando as bolsas de plástico hai 40 anos, dicía que se estaban ben por que se habían de tirar. Dicía ao comezo deste artigo, que as conciencias que deben espertar non o están facendo e son as das autoridades, quizais máis pendentes do politicamente correcto ou de mirar para a súa cadeira de brazos e a súa conta bancaria, sabedores de que as medidas que cómpre tomar poden non ser do agrado da maioría dos cidadáns. Por iso debemos ser os consumidores os que, á par que esiximos aos gobernantes medidas serias e contundentes sen esperar máis, comecemos a utilizar menos plásticos. Non é doado, pero tampouco imposible. O Planeta tomámolo prestado aos nosos fillos, pero non sei se a este paso cando nós xa non esteamos escoitarémolos maldicirnos dende a tumba.