HomeOpiniónIluminación urbana

Iluminación urbana

Entón, por que aturamos nas zonas rurais que se nos veñan dar leccións?

Publicado o

POR
Andrés Pavón, Presidente da Irmandade Cultural País do Faro
- Advertisement -

Hai unhas semanas estiven en Barcelona de visita. E non me gustou nada o que vin. Sen dúbida fai falta que alguén vaia poñer orde e explicarlles unhas cantas cousas. Carecen do máis mínimo sentido común e xa me tarda regresar alí na fin de semana para poñerlles os puntos sobre os íes. Vounos traer á liña.

Para empezar, non teñen nin idea do que se debe facer coa auga. Alí canto cagan e mexan polo retrete acaba no río ou no mar. E despois recollen esas augas fecais, bótanlles lixivia e din que xa a poden usar. E a iso chámanlle aproveitamento sostible. Por non falar da cantidade dela que tiran en regar beirarrúas…como se foran nacer nabizas no cemento!!. Tamén chama a atención que ningunha fonte sexa de auga potable. Seguramente porque botan xurros nos arredores da cidade e todo iso acaba no manacial e saíndo polo cano. Así é que todos compran a auga en botellas de plástico e están os contenedores amarelos cheos ata arriba.

Grifo auga / Europa Press

E logo hai que ver como viven. Todas as casas pegadas unhas coas outras, pisos e pisos ata o ceo, con tan pouco espazo que non sei como se dan remexido e cunhas paredes tan finas que se escoita todo o que fan e din os veciños. Tan fartos deben de estar uns dos outros que logo nin se falan entre eles nin paran a botar un conto. Sempre correndo e co móbil na man.

E os prezos? Pero onde vai esta xente cobrando un café a dous euros ou a máis!!?? Enriba no bar non se pode falar en alto, nin se para o dono a comentar o día, nin teñen tapa de orella ou de tripón. Un desastre.

Do que máis me alporizou foi o asunto dos cans. Alá os levan prendidos con correa ou disfrazados co que semellan trozos de sacos de pienso!!. E recollen os excrementos nunhas bolsiñas que botan no contenedor verde ou ata levan para a casa (será para fertilizar bonsais). Incluso os meten nos restaurantes, transportes públicos e tendas. Calquera día hai unha praga de carrachos. E por riba téñenos metidos en pisos, como se os pobres dos animais non necesitaran correr polo campo.

Que esa é outra. Na cidade hai parcelas con moitas flores e moitas árbores das que lles din “ornamentais”. Esas parcelas chámanse parques e nelas podería prender con facilidade o millo, as patacas ou as videiras. Eso si, regadas con auga de calidade dubidosa. E poñendo esa terra a producir non terían que cobrar tanto nos bares e nos supermercados pola comida. Ata hai zonas onde poderían pacer vacas, cochos ou ovellas.

O único bon que lle vin é que todas as pistas están asfaltadas, recollen o lixo a diario, o carteiro pasa todos os días e hai centros médicos e escolas a cada pouco. Parece mentira que desfrutando de todas esas vantaxes non se saiban comportar.

En fin, para poñer freo a esta desfeita que choca contra os meus principios, xa busquei un grupo de expertos para redactar as normas que a partir de agora van ter que cumprir os barceloneses. Un deles é de Forcarei, outro de Vila de Cruces e outro de Agolada, polo tanto, coñecedores especializados do entorno urbano da cidade condal. Non pode ser que vaia un de fin de semana a pasar o rato en Barcelona e as cousas non estean como a un lle gustaría ou como lle dictan as súas crenzas.

Acabouse o céspede, as flores, o regar as rúas e os cans en pisos. A arar por onde eu mande. E se non obedecen…vounos fritir nas redes sociais.

A verdade é que non lembro moi ben se estiven en Barcelona ou en Madrid. Ou se cadra era A Coruña. Tanto ten. O caso é que se chego eu dende Chantada impoñéndolles como teñen que vivir e dictándolles o que poden e o que non poden facer, mandaránme a tomar vento, sendo suaves. Entón, por que aturamos nas zonas rurais que se nos veñan dar leccións?

Paisaxe de ‘ribeira’ no Saviñao / XdL

É lóxico e necesario que as administracións públicas regulen os usos que se fan dos recursos naturais. E que o fagan sempre con equidade, baseándose en criterios científicos e buscando a sustentabilidade ecolóxica pero tamén a rendibilidade económica. Certo que hai normativas que nos sacan das nosas casillas porque máis parecen orientadas a que alguén de fóra faga negocio que a beneficiar o campo. Aínda así, hai que respectalas porque o marca a lei.

Pero cousa moi distinta é ter que aturar que veñan da cidade a marcarnos como debemos vivir. E hai “ordes” de todo tipo. Dende atacar o uso do idioma galego na sinalización e cartelería ata decidir que cultivos podemos botar na nosa terra ou prohibir a caza regulatoria aínda que a fauna salvaxe estea a provocar a ruina dos gandeiros. Co seu uniforme de aventureiros de fin de semana -mercado nunha grande superficie comercial que vende produtos fabricados por man de obra semi esclava- e a súa cámara de fotos de case tres quilos de peso, entran polas leiras cheos de indignación denunciando todo o que lles molesta (ou leron que lles debe molestar) e soltando pola boca as súas receitas para acondicionar a gusto deles o medio rural. E logo van a Facebook ou Instagram a poñernos a pan pedir e a tratarnos de ignorantes. Coitadiños…eles e os que lles fagan caso.

Vacas

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...