Rosenda Yáñez, herdeira do Pazo Molinos de Antero de Monforte, estivo toda a súa vida vinculada a este pazo de finais do XVIII, comezos do XIX, nel vive e guía ás visitas, ademais fai uns anos ampliou o servizo con aloxamento.
Amante das redes sociais, en abril do 2010 abre a conta en Facebook para dar a coñecer as instalacións, pronto a páxina se converte nunha galería de arte que suma case 30.000 seguidores en todo o mundo.
Conversamos con Senda sobre este proceso e como hoxe segue utilizando as redes para expresar a súa creatividade.
Comezamos polo principio?
Non tiña nin idea da internet e cando abro a hospedaxe recoméndanme abrirme unha conta de Facebook e poñer o Pazo. Pensei, non me queda máis remedio, teño que aprender algo. Compreime o computador. Cando abro as páxinas de Facebook estaba absorbida por comprender o funcionamento e empecei a acceder a cousas que a min interesábanme, sen pensar só en promocionar o pazo. Comecei a compartir multitude de cousas de arte contemporánea e a xente entrou ás tolas, sobre todo, xente estranxeira. Pregúntome porqué funcionou mellor no estranxeiro que aquí. Montei unha galería virtual na que, de súpeto, tiña agregadas a máis de 20.000 persoas para temas de arte conceptual. Busco, e á xente interésalle o que eu publico, entón pásomo en grande.
Rosenda xa facía as súas propias obras antes de que aparecese internet como medio de expresión?
O Pazo proponche unha determinada mirada con todos os libros e arquivos que ten. A min sempre me gustou pintar. Ao encargarme das visitas, as ferramentas para pintar durante o verán tiñan que cambiar. Estás coas túas acuarelas, os teus rotuladores e chámante e tes que saír a unha visita. Xa pasara do óleo á acuarela porque non podías deixar o traballo a medias, sécaseche todo. Tampouco tiña a concentración. O computador non require estar a traballar dun modo constante, non require esa concentración, pódeste ir e volves.
Rosenda ensíname uns cadernos completos pintados a dúas caras con rotulador, obras de arte únicas. Fas estas pezas e quedas ti con elas?
Comecei cos cadernos pequenos con rotulador porque podía deixalos un momento. Procuraba que tivesen dobre cara e non quedasen moi antiestéticos do outro lado, porque o rotulador pasa para o outro lado. Teño 8 ou 9 cadernos, agora hai 3 anos que non fago. Tiven algunha proposta de compra porque ao publicalos na internet, propuxéronme exposicións, que os puxese á venda. Non fixen exposicións porque esixen un estar e eu non quero estar.
Internet convértese nun medio perfecto para ti? Chegas á xente sen estar.
Non me gusta expoñer, este medio resúltame moi cómodo para dar a coñecer o que fago. Unha vez que o fas tamén o queres compartir, pero segues sendo anónima. Con internet empezáronme a gustar as colaxes dixitais. Todos fixemos colaxe algunha vez, para decorar o cartafol ou a portada da cinta de cassete. Sempre me gustou, gústame a imaxe, son de conceptos. Pero dánseme mal as tesoiras para recortar, o computador é diferente. Empecei coas colaxes e agora interveño fotografías e fotogramas de películas.
Méteste no filme ou o cadro dependendo do estado de ánimo?
Depende do estado de ánimo, das asociacións de ideas que fas automaticamente. Ves unha imaxe e dis: aí falto eu. Traballo con moi poucas fotos miñas porque non son fotoxénica e non me gustar ter fotos, pero vexo unha imaxe e, de súpeto, quero meterme; outras veces tes prefixado onde te queres meter. Que me apetece hoxe? Que estado de ánimo teño.
As primeiras intervencións de imaxes fixéchelas con Alfonso XIII, por que?
Empecei con Alfonso XIII e aparecía nos sitios máis raros, pero nas redes non gustou aos monárquicos e “castigáronme”. As visitas de Alfonso foi unha serie para xogar un pouco cos Borbóns, poñíaos en situacións críticas, tampouco obscenas, nin perigosas, nin irreverentes. Utilizaba a Alfonso XIII porque é espigado. Un día púxenme eu, fíxome unha chea de graza, paseino moi ben. Teste que encaixar e aí estou ata que me canse.
As intervencións supóñenche problemas cos dereitos de autor ou imaxe?
Sempre deixo claro o autor. Sempre poño de onde recollo a imaxe de base. Descoñezo os filtros das redes sociais e, ás veces, si hai fotos que mas limitan. Eu sigo, teño ademais da serie As visitas de Alfonso, a serie Polaroid, a serie Picnic,… Aquí poño a xente de picnic e detrás hai unha explosión ou o kuklusclan.
E non pensas en dedicarte profesionalmente a isto e meter á xente onde che diga?
Teño encargos de varias láminas dun mozo arxentino que procede de aquí. Pero son traballos xa feitos, viunos e gustáronlle. Eu fago isto porque me desafoga, pásoo ben e podo seguir facendo as cousas que teño que facer. É xogar coa imaxe, descontextualizalo un pouco todo, crear sensacións de estrañeza, de risa. Fago trasnadas, non o penso como un traballo.