Os que tivemos a fortuna de oír a Rodríguez Porto cantando o bingo no Círculo Recreativo lembramos aquilo de “El Treinta!!!…(pausa de catro segundos)…y cinco”. Quedaban as costas cubertas por se era o caso. Esa foi unha lección de vida que moitos aplican agora na pandemia. Dicir unha cousa e a contraria xa se volveu algo habitual dende que comezou o confinamento e nestes momentos que estamos na desescalada.
Respecto deste último proceso, cómpre dicir que a efectos de presenza nas rúas estase a notar. As ganas de saír venceron ao medo. O 2 de maio, tal vez por ser festivo o día anterior, as colas do supermercado que hai diante de onde eu vivo eran de máis de cen metros. Case todos con máscara e todos respectando a distancia social. É este bo momento e lugar para lembrarlle a toda esa cola que no pequeno comercio poden atopar os mesmos artigos sen ter que esperar tanto.
Nas viñas e hortas tamén se aprecia o desexo da poboación de estar ao aire libre e facer algo diferente das rutinas que conlevou o peche nas casas. Dá gusto ver como medrou a herba e a cantidade de silo que se vai producir. Ou como agroman xa os primeiros acios na ribeira. E tamén as cereixas. Todo apunta a que este vai ser un bo ano de colleitas, o que contribuirá á recuperación económica e a subir a moral.
“…tremendo problema económico que xa temos e que aínda se vai acentuar”
Pero o sol, a calor, o óptimo estado das leiras ou a liberdade recuperada non poden facer esquecer máis que momentaneamente o tremendo problema económico que xa temos e que aínda se vai acentuar. O peche da hostalería e restauración afectou na Ribeira Sacra moito máis que noutras zonas de Galicia porque aquí o turismo estaba en expansión e a pandemia chegou no momento de máximo coñecemento da nosa terra e que aínda podía ir a máis.
Por outra banda, os adegueiros van ter un serio problema de almacenaxe. O viño que se deixou de vender neste tempo e que está sen embotellar terá que permanecer aínda unha boa temporada nas cubas. Esperemos que se poidan recuperar a actividade hostaleira e comercial así como a exportación xa que as vendas por Internet ou a domicilio non chegan para dar saída a todo o viño da colleita de 2019, que foi a meirande na historia da Denominación de Orixe. Que haxa suficiente espazo nas adegas para almacear o viño da colleita pasada e o que se recolla en setembro é o reto inmediato.
Unha vez máis, a industria láctea aproveitou que o Miño pasa por Ourense para baixar o prezo do leite en orixe. Desta vez puxeron como excusa que baixara o consumo. Podían poñer calquera outra. Todas son igual de falsas e todas colan.
O pequeno comercio ten agora unha oportunidade de ouro para despegar. Revelouse como imprescindible en moitas máis situación das que imaxinamos. No meu caso, e por poñer só un de moitos exemplos, rompeume un calzón e non tiña a mercería da esquina para repoñelo. E coma min haberá moita xente que se viu en situación de carencia inesperadas e insospeitadas. Valoremos, pois, a importancia de ter abertos os pequenos comercios das nosas rúas. Pero valorémolo de xeito efectivo: consumindo neles.
os profesionais do pufo
Para quen comeza unha época dourada é para os profesionais do pufo. Os que levan toda a vida pegando paus, sablazos e pelotazos teñen agora un sinfín de posibilidades de dar o golpe da súa vida. Entre a renta mínima social, as exencións fiscais (hai quen xa está acollido dende que naceu), as diferentes liñas de crédito e subvención e o que finalmente poida mandar Europa, os expertos saqueadores poden garantirse non ter que volver dar unha man de sulfato na vida. E da igual que se alerte. Sábenas todas.
Puidemos comprobar tamén que as dúas imaxes de masificación do 26 de abril eran unha clara excepción. A distancia social, os horarios de saída e as restriccións que permanecen vixentes estanse a respectar de xeito claro. Aínda así, haberá quen nos dea detallada información do número de infraccións por concello…