HomeOpiniónDiario da desescalada: A xaula de hámsters

Diario da desescalada: A xaula de hámsters

No medio da conversa, o escritor e músico, “groseiro con gracia” soltou ducias de perlas, “Os gobernos víronse fortalecidos coa pandemia porque teñen capacidade para confinar á xente, á masa. Se vos portades ben e facedes o que dicimos igual dámosvos a vacina. É unha dependencia emocional incrible, deles emana o mal e a salvación ao mesmo tempo.”

Publicado o

- Advertisement -

Ao comezo do confinamento as chamadas e videochamadas adquiriran unha nova dimensión. Os móbiles ardían porque todo o mundo quería falar con todo o mundo, incluso con esa xente que non adoitas falar. Despois, ese exceso de chamadas falando todo o tempo do mesmo, o coronavirus e as súas repercusións nas nosas vidas, deu lugar a unha saturación e a non querer falar xa do tema.

O confinamento ao principio, para min significaba, entre outras cousas tempo, tempo para facer o que en circunstancias normais non fas. Pensaba nos/as escritores/as e este xoves chamei a un, que segundo lle dixen que esperara utilizar o confinamento para escribir díxome, “Para escribir hai que vivir e saírse fóra de xauliña de hámster, que che poñen unha roda e paréceche que vives e corres, pero sempre estás no mesmo sitio.” Comparto absolutamente, pero non se trataba de seguir correndo enxaulado, senon de parar.

Bocaccio escribiu o Decameron no século XIV durante a peste negra

No medio da conversa, o escritor e músico, “groseiro con gracia” soltou ducias de perlas, “Os gobernos víronse fortalecidos coa pandemia porque teñen capacidade para confinar á xente, á masa. Medio mundo confinado. E o sistema fala, se vos portades ben e facedes o que dicimos igual dámosvos a vacina. É unha dependencia emocional incrible, deles emana o mal e a salvación ao mesmo tempo.” Antón Valcarce, despois de preguntarme por que lle falaba como unha vendedora de potas expresas por teléfono, asegurou que, “Eu, o coronavirus para min que o tiven desde que fixen a primeira comuñón, pero aínda non se me foi. Teño un amigo que lle chama o conavirus.”

Antón Valcerce / Xornal de Lemos

O autor de 66 anos, que con memoria fará os 900 anos, “pero non se me cre, se non credes nin no paraíso como ides crerme a min”, escribiu durante o confinamento como Bocaccio escribiu o Decameron no século XIV durante a peste negra. “Estou acabando 16 relatos que serán máis de 200 páxinas. Agora mesmo titúlase Contos en tempos de peste e purgacións. O escrito incíase: Monforte comenzando a primavera do 2020 confinado na casa da Compañía por mor do coronavirus. Son historias que tiña perdidas na memoria e funas sacando. Espero que vexan a luz no Nadal.”

“Purgacións como tempo de arrepentimento”

Antón segue escribindo a man, parece máis íntimo e auténtico que facelo a ordenador e deste confinamento saca historias duras, “Os meus relatos son como a vida mesma, ás veces dá noxo, ás veces pódeste sentir tenro, inxenuo,… Rozo o escándalo, son provocadores. Os relatos non me deixan impasible, son historias duras.”

Contos en tempos de peste e purgacións, con ese título pregúntolle se o confinamento nos serviu para algo, “Refírome a Purgacións como tempo de arrepentimento. Moita xente arrepentiuse de casarse, outros de separarse,… pero segue o mesmo. O abano da miseria humana é abc. Saír concienciados do confinamento? Creo que se sae alporizado, histérico, reprimido, resentido…e non se recoñece.”

E mentres esperamos que saia este traballo, Antón Valcarce sorpréndenos con outros. Agrasar acaba de publicar a súa última obra, un conto infantil, Troitiña, con canción con partitura ao final. “Fíxeno para nenos e gústalle aos maiores. Está ilustrado polos nenos da biblioteca de Sober. Unhas ilustracións preciosas. Queren expoñer as ilustracións. E inclúo canción e partitura ao final para que os nenos introdúzanse na música nos colexios.”

Antón Valcarce nas Merendas con Contos / Concello de Sober

A finais deste mes de xuño espera publicar A vida nas botas, un poemario, “onde me acuso e confeso. A vida nas botas. A vida vista camiñando. Ten que ver coa Ribeira Sacra e contorna.”

Por sorte a pandemia non conseguiu facer calar voces, aínda que algunhas outras estarían mellor caladas; non é o caso de Antón Valcarce.

[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’  —agora Diario de desescalada— que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...