HomesociedadeA primeira churrasquería da provincia de Lugo está en Cereixa, na Pobra...

A primeira churrasquería da provincia de Lugo está en Cereixa, na Pobra do Brollón

Publicado o

- Advertisement -

Antonio Méndez, un veciño de Cereixa, A Pobra do Brollón, alá polos anos 60 como moitos da súa época tivo que meter as poucas pertenzas que tiña e cruzar o Atlántico en busca dun futuro.

Tras anos de traballo nun banco en Caracas (Venezuela), a principios dos 70 decidiu que era hora de voltar á terra para, xunto coa súa dona, investir os cartos aforrados e así gañarse a vida na casa. Se ben é certo que dende o primeiro momento sabía que quería montar un negocio, ó principio tiveron dúbidas de se crear un ultramarinos ou unha parrillada, o que hoxe se coñece como unha churrasquería.

Deste xeito, Antonio e Isaura, a súa dona, adentráronse no mundo da carne á grella, os chourizos criollos e as molexas de tenreira á brasa. Foi na pequena aldea de Cereixa, onde hai 45 anos abriu a primeira churrasquería da provincia de Lugo. Concretamente, o 6 de xaneiro de 1973 a parrillada O Fogón abriu as súas portas por primeira vez.

Marcos Méndez, o fillo do matrimonio, sinala que os seus pais abriron unha parrillada porque “en Caracas había moitos rodicios e restaurantes de carnes á grella, e tendo en conta que o prato estrela en Galicia é a carne, pensaron que sería a combinación perfecta”.

Os primeiros anos de andaina non foron doados debido a que tiñan que traballar arreo para dar de comer ós centos de persoas que acudían diariamente ás súas instalacións, coñecedores da boa carne e da súa excelente preparación. Tal foi o éxito que non tardaron en celebrarse bautizos, comunións e vodas tanto dos veciños da zona como dos de lonxe. O boca a boca fixo o resto, tanto como para que ata Cereixa chegasen grupos de todas partes de Galicia para degustar os manxares feitos por Antonio e Isaura.

Debido ó seu éxito, polos anos 80 tiveron que ampliar as instalacións pois non era posible dar cabida a todos os que por alí pasaban. Antonio, que naquel intre xa tiña uns aforros feitos co negocio, decidiu ampliar. Tal foi a magnitude da reforma, que na actualidade segue vixente.

Troitas, tortillas, postes caseiros e, por suposto, churrasco, para ser degustado en táboas de madeira, foron o buque insignia dende aquel momento. Pero tan famosa era a comida como as salsas. Marcos, conta que “as salsas do Fogón saíron da cociña a través da proba e erro. Tanto a salsa verde como a vermella foron cousas do meu pai. Cando abriron tiñan un cliente ó que lle encantaba o picante. A raíz de diso, comezou a experimentar con ingredientes ata que conseguiu facer as tan veneradas salsas. É máis, é a receita secreta da casa. Ninguén que non pertenza ó local sabe a súa composición”.

Ya polo ano 1995, Antonio e Isaura decidiron que era época de xubilarse e dar paso a novas xeracións. Deste xeito, o seu fillo Marcos colleu o timón daquel grandioso barco. Sempre cos pais na sombra e axudándoo en todo o que necesitaba, seguiu coa tradición familiar. Ó igual que o seu pai, a preferencia sempre foron os veciños. Tanto, que todos os empregados que por alí pasaron eran rapaces e rapazas do concello, sobre todo no verán, que era cando máis traballo había.

Xa polo 2008 o negocio deixou de ser rexentado pola familia para estar alugado. Pero o 20 de xullo do 2018 non é un día calquera no Fogón. É a data en que, Víctor,  un rapaz novo de Cereixa, armado de valor e confiado nos valores cos que Antonio e Isaura abriron por primeira vez o local, ponse ó mando da churrasquería para dar de comer a todo o que entre pola porta.

 

 

 

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...