HomeOpiniónOPINIÓN: Odio

OPINIÓN: Odio

Unha reflexión sobre este sentimento negativo e destrutivo que en moitas ocasións chega á vida política da man da dereita máis reaccionaria e dentro do cabalo de Troia da liberdade de expresión.

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

A quen non lle pasou que escoitando a alguén, unha vez rematada a súa intervención, dixo: pero como se pode permitir falar así? Como se pode consentir dicir esas cousas? Non debería supor iso algún tipo de sanción, multa ou castigo?

Moitas veces, sobre todo por parte de quen ten sensibilidade democrática, xustifícase co argumento de que todas as persoas teñen dereito á liberdade de expresión.

Os límites da liberdade de expresión, en última instancia, defínense nos xulgados e tribunais, pero é preciso que de forma colectiva a sociedade impoña tamén uns límites sobre o que é ou non é admisíbel. Moitas destas cousas que nos parecen terribles ao escoitalas probablemente non se dirían se a sociedade no seu conxunto as considera inaceptables.

“”… é preciso que de forma colectiva a sociedade impoña tamén uns límites sobre o que é ou non é admisíbel”.

Podemos tomar como exemplo disto a intervención de D.ª María Adelaida Pedrosa, senadora, quen, co pretexto dunha pregunta á Ministra de Igualdade, durante a sesión de control ao goberno, o pasado día 20/10/20, dóxolle: “De mujer a mujer, ¿siente usted vergüenza por compartir su vida con un machista o va a seguir callada? ¿Es usted una mujer sumisa a un macho alfa?”.

Non é o único exemplo pero tráese aquí pola súa actualidade e polo mal exemplo que supón para a sociedade ao darse no corazón do poder lexislativo. Haberá quen pense que hai que demandar á Sra. Pedrosa perante os tribunais, pero a cuestión é previa. É de valores sociais, non de tribunais. Se esta señora tivera claro que é inadmisíbel e fose reprobada nas urnas por comportamentos deste tipo non o faría, pero o seu comportamento deriva da súa crenza de que iso lle reportará votos, é dicir, que ese tipo de comportamentos están asumidos como bos por unha parte da sociedade e aí radica, precisamente, o problema.

Poñamos outro exemplo, imaxinemos que nunha aula dun instituto da nosa comarca unha nena levanta a man en, poñamos por caso, a hora das matemáticas, para facer unha pregunta e lle di á profesora é: “De alumna a profesora, sente vostede vergoña por compartir a súa vida cun machista ou vai seguir calada? É vostede unha muller submisa a un macho alfa?”. Cal sería a consecuencia? Espero que neste momento a cabeza nos vaia directamente á expulsión da alumna porque é impertinente, faltona e fóra de lugar. Pero aquel comportamento de toda unha senadora, ben pode facer que a alumna crea que este proceder é correcto e que así é como debe actuar.

Porque cada vez que alguén que ten tanta responsabilidade insulta, falta ao respecto, difunde odio ou mente o que está ocorrendo é que se están degradando os valores colectivos e, en consecuencia, arruinando á sociedade no seu conxunto.

E resulta curioso que o colectivo máis activo neste proceder basto e groseiro é, nas institucións, quen representa á dereita e dunha maneira especial de extrema dereita (e nos medios de comunicación, aqueles que defenden ou se aproximan a esas ideas), aqueles que tradicionalmente (nunca mellor dito) se presentaron sempre como paradigma das boas formas e a educación. O que resulta curioso é que as súas propias bases, entre as que sabemos que abonda a xente educada, non se repoñan fronte a este desprezable comportamento.

As consecuencias destas prácticas, máis alá de cuestións de formas, é que se xeran focos de odio, faise do odio e da xenreira algo común e habitual, algo co que convivir e, como sabemos, o odio é a orixe de moitos males (divisións, enfrontamentos, guerras…) e ten a capacidade de facernos peores a todos os niveis.

Non podemos aceptar o odio como forma de comunicación, non podemos admitir que certos líderes pretendan utilizarnos como arma para as súas propias batallas, en defensa dos seus intereses persoais e/ou partidistas e en contra do ben común.

“O odio é cego como o amor, pero o amor é creador e o odio destrúenos”.

Porque como dixo outro senador, este do Uruguay, D. José Múgica, na súa despedida en sede parlamentaria, precisamente o mesmo día 20/10/20: no meu xardín hai tempo que non cultivo o odio porque unha das leccións que me ensinou a vida é que o odio termina estupidizando, porque fainos perder obxectividade perante as cousas. O odio é cego como o amor, pero o amor é creador e o odio destrúenos.  

ÚLTIMAS

Entrega dos premios do ‘Mondial de Vins Extremes’ e xantar de Nadal da D.O. Ribeira Sacra

A D.O. Ribeira Sacra vén de celebrar a súa tradicional comida de Nadal, un...

‘Feira de Nadal’ para dinamizar o comercio local e a artesanía en Quiroga

O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal coa...

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...