HomeEconomía"Este Nadal eu merco en Monforte", 30.000 euros en axudas ao consumo...

“Este Nadal eu merco en Monforte”, 30.000 euros en axudas ao consumo local

O Concello de Monforte organiza dous concursos para contribuír ao impulso do Comercio e a Hostalería de Monforte. 25.000 euros destinaranse a axudas directas para veciños e veciñas a través dun concurso radiofónico e 5.000 a repartir en diferentes premios ás mellores decoracións de Nadal e de escaparates que se realicen en establecementos hostaleiros, locais comerciais e vivendas.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Monforte vén de anunciar unha nova campaña de axudas directas para incentivar o consumo de proximidade e apoiar a hostalería e o pequeno comercio. Un dos argumentos que xustifican esta decisión, que vai acompañada dunha achega económica de 30.000 euros, é que a programación de Nadal que ano a ano deseñaba o equipo de goberno para animar as compras desta época do ano, como eran os mercados temáticos no anexo da Praza de Abastos, non se van poder realizar.

Neste senso, Tomé Roca indica que “como saben, de entre as actividades que ideabamos para o período navideño, atopábanse accións encamiñadas á incentivar a compra no comercio local, como era o Mercado de Nadal, os contacontos, os obradoiros para nenos e adultos, o scalextric, etc, actividades de ocio e promoción que, debido ás restricións e recomendacións das autoridades sanitarias por mor do Covid-19, este ano non se poden celebrar”.

Deste xeito, dende o Concello e a área de Promoción Económica, ideouse unha campaña de Nadal diferente, para dar un novo impulso ao Comercio e á Hostalería de Monforte, baixo o lema “Este Nadal eu merco en Monforte” e que se desenvolverá a través de dous concursos:

-O I Concurso de Bonos de axuda para o Nadal que se desenvolverá a través das principais emisoras de radio da cidade, Onda Cero e Radio Principal Cadena Ser, no que os oíntes poderán gañar, respondendo a unha sinxela pregunta, un bono de 25 euros para gastar na hostalería e o comercio do municipio. Para este concurso destinaranse 25.000 euros que se repartirán a través de 1.000 bonos de axuda e poderase participar de luns a venres entre os días 7 de decembro de 2020 e o 29 de xaneiro de 2021. Chama a atención neste punto que non se contase coa colaboración da outra emisora monfortina, Radio Monforte, funcionando dende hai uns meses a través de internet.

-O I Concurso de Decoración do Nadal e Escaparatismo busca fomentar a participación e a creatividade da cidadanía no embelecemento ornamental da cidade durante este Nadal, facendo que nel se involucren tanto o comercio, como a hostalaría e os propios veciños de Monforte. Neste caso estableceranse diferentes modalidades de participación e repartiranse en premios e axudas un total de 5.000 euros.

Neste concurso de decoración e de escaparatismo haberá tres modalidades de participación: decoración de escaparates de establecementos comerciais, decoración dos locais hostaleiros e decoración de vivendas; neste último caso poden participar comunidade de veciños, balcóns e ventás, e vivendas unifamiliares.

A decoración deberá estar exposta como mínimo dende o día 22 de decembro ata o día 7 de xaneiro de 2021 e toda a información para poder participar e relativa aos premios están na web do concello.

ÚLTIMAS

Este 18 de xaneiro preséntase o tomo IX de Alicerces

O acto de presentación terá lugar este sábado, 18 de xaneiro, no Auditorio Municipal...

Un vídeo divulgará a semente, sega, acarrexa, malla e ‘Festa dos Fachós’ de Castro Caldelas

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas é unha das tradicións de culto ao...

Granxas familiares, un modelo en risco?

O 95 % das granxas que hai en Galicia seguen sendo familiares. Grazas á...

A Gándara de Monforte triunfa no Galego de Cross Escolar

Na categoría cadete feminina, o equipo da Gándara formado por Sabela Nieves, Sara Pérez,...