HomesociedadeAs novas máis vistas de 2020

As novas máis vistas de 2020

Para rematar o ano facemos unha breve reseña dalgunhas das publicacións con máis alcance do ano que esmorece.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Neste ano que remata, temos que agradecer a todas e todos vós que nos teñades en conta como medio de comunicación para estar ao corrente do que acontece no sur de Lugo. Imos xa camiño dos tres anos de vida e o xornal non para de medrar e de recibir felicitacións por como cubrimos e tratamos a actualidade. Moitas grazas!

Neste último día do ano queremos lembrar algunhas das novas que máis visitas tiveron, como resumo e punto final a un ano estraño que alterou as nosas vidas. A continuación comentamos algunhas delas.

En marzo, comezado xa o confinamento, falabamos de proxectos e empresas que arrimaron o ombreiro para axudar no que podían doando material para combater ao Covid-19. A noticia que levou por título “Piensos Senra non é Inditex, pero axuda tanto ou máis doando material” ten o mérito de ser a máis visitada deste 2020. Aínda que o título refire o labor desta empresa saen outras que tamén empezaban a facerse visibles axudando no que podían.

A Covid-19, por desgraza, foi o tema protagonista deste ano e así moitas novas con grande número de visitas teñen que ver con ela. En clave de alerta tivo unha gran repercusión o titular “Físico da URV di que o pico de infectados superará os 20.000 entre as persoas sen restrición de mobilidade“, nova que daba conta do informe deste profesional que advertía da necesidade do confinamento total.

E en clave positiva, como un vento de esperanza, tivo gran alcance en abril informar que o Hospital de Monforte era o primeiro de Galicia sen hospitalizados por Covid.

Escapando da recorrente pandemia e os seus datos tivemos unha noticia relacionada co activismo a prol do galego que deu moito que falar e tocou a fibra de moita xente. Falamos da entrevista con Lucía Varela, unha rapaza de Pantón que traballa nun proxecto de recuperación de léxico galego no seu concello. O titular que publicamos foi “Lucía Varela, exemplo de dedicación para non deixar morrer as palabras”.

Os sucesos tamén teñen visitas por enriba da media e, sen entrar moito neles, comentar un que entrou no Top10 por tocar un tema co que todos e todas estamos concienciados e cabreados: os lumes. Este titular “Sorprendido in fraganti prendendo un lume forestal na Teixeira” alcanzou o sétimo posto das máis vistas.

O dito, grazas pola vosa confianza, por lernos, por compartir as nosas novas e por enviarnos tamén a redaccion@xornaldelemos.com as notas que consideredes oportunas.

ÚLTIMAS

600.000€ para actuar de emerxencia na mellora da LU-P-4103 en Pantón

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destaca “Trátase dun investimento moi importante...

Protesta cidadá en Monforte pola fonte do Parque dos Condes

A voceira popular, Katy Varela, esixe a José Tomé “recapacitar e deter” estes traballos...

Dáse a coñecer o cartel oficial da XXII Feira Medieval de Monforte

Esta mañá presentouse en rolda de prensa a imaxe gráfica representativa dun dos eventos...

O equipo de debate de BAC do IES Río Cabe na fase final do Parlamento Xove

O equipo de debate de BAC do IES Río Cabe, integrado por Sabela Castro...