Nestes momentos o virus na localidade onde resido está na sua salsa, entrou nos fogares e fíxoo como un cabalo de Troya no que máis queremos, os nosos fillos. Hai dúas semanas debutaron casos nos institutos da localidade e non se actuou, non funcionaron os protocolos se é que os hai, non existiu información ás familias dándolles a posibilidade de extremar as medidas ou incluso confinar ás suas crianzas para evitar que os avós ou persoas con patoloxías fosen contaxiadas .
Primaron as ansias do curso académico, de dar a materia que está escrita nos libros, obviando unha vez máis o momento e aprendizaxe que deberían estar adquirindo os nosos rapaces, en canto aprenden como funciona o medo, culpabilizando ó de enfrente, o sálvese quen poida ocultando información .
Non tería sido mellor, que a información chegara ás familias, que a Consellería de Educación deixe de mirar para outro lado e asuma as responsabilidades, que se pechen os institutos, se faga corentena de 14 días, se desinfecten e outra vez ás aulas con garantías.
E agora que?
Non tería sido mellor comportarnos como adultos responsables para ensinar ás novas xeracións responsabilidade, empatía, e sobre todo, humanidade?
Non tería sido mellor facer caso dos profesionais da saúde que levan facendo educación sanitaria dende o inicio da pandemia, ademais de deslomarse todos os días por salvarnos a vida?
Non tería sido mellor que a clase política se deixe de tanta clase e comece a estar á altura e sirva para algo máis que para xerar problemas?
Non tería sido mellor que este último ano se fixera inversión en sanidade e investigación en vez de financiar privilexios duns poucos?
E…non será mellor que comecemos a pedir responsabilidades a quen realmente as teñen e que por fin e dunha vez por todas ….sexamos ADULTOS?