HomePolíticaO BNG quere recuperar o topónimo Doade para o embarcadoiro de Ponte...

O BNG quere recuperar o topónimo Doade para o embarcadoiro de Ponte do Sil e evitar confusións

A través dunha pregunta parlamentaria formulada pola deputada nacionalista, Carme Aira, o BNG acadou o compromiso da Xunta para interceder ante a Área da Deputación de Lugo co fin de recuperar o topónimo Doade para o embarcadoiro na zona monfortina.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A parroquia bañada polo río Sil, ubicada na zona monfortina conta cun embarcadoiro da Deputación de Lugo do que parten os paseos en catamarán e dende que comezou a súa actividade nos anos 90 o embarcadoiro foi denominado como Embarcadoiro Doade e o de enfronte, no lado ourensán, Embarcadoiro Abeleda. Ambos nomes están referidos aos lugares nos que están situados pero no embarcadoiro monfortino decidiuse cambiarlle o nome a Embarcadoiro Ponte do Sil.

Carme Aira asegura que, “esta circunstancia levou a un gran número de turistas coa intención de facer a ruta en catamarán a acabar en Ponte do Sil do concello de Ribas de Sil e non no embarcadoiro do río, producindo unha afectación do turismo na zona sendo este un dos sectores que mantén emprego na Ribeira Sacra”.

A deputada considerou que oficialmente o “nomenclátor galego recolle” esta parroquia no concello de Sober pero na práctica tamén o territorio que pertence historicamente a Monforte forma parte desta parroquia, “e os seus habitantes así o senten e ao seu xuízo, a Xunta non pode permitir negar este feito.” Para estes habitantes, engadiu Carme Aira, “non é unha cuestión menor e precisan ter claro quen ten as competencias sobre a nosa toponimia e o seu exercicio” e advirten que  en ningún caso van a  consentir que sexa borrada.

Por outra parte, lembrou “que a  organización parroquial galega é secular e transcende o relixioso e o político,  e identifica o noso territorio dun xeito administrativo e social, a Ribeira Sacra nese termo denomínase a Ribeira de Doade…  e iso non admite dúbida algunha.”

Para impulsar o sector do turismo nesta zona os nacionalistas demandan “respecto institucional á poboación e isto inclúe o respecto á súa toponimia”. Insiste en “que é responsabilidade da Xunta de Galiza respectar a toponimia galega” polo que volveu a preguntar que accións iniciará o goberno para garantir que “a parroquia de Doade siga identificándose co topónimo de Doade con todos os seus lugares sen risco de que no futuro acabe perdéndose ese nome nese lugar concreto”.

Tras a intervención da deputada do BNG, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, tras destacar o valor do topónimo, comprometeuse a mediar coa Área de Turismo da Deputación de Lugo para recuperar a denominación Doade, unha  demanda que conta co total apoio dos habitantes da zona e considerou que para a secretaria de Política Lingüística sería “válida” a denominación do Embarcadoiro de Doade”. Valentín García recalcou que a Xunta sempre defende os topónimos de referencia tradicional da zona e ese, remarcou, “é o noso criterio”.

ÚLTIMAS

‘Xornadas Lactouras’: achegamento á micoloxía desde diferentes perspectivas

Conta atrás para as 'Xornadas Lactouras', un ciclo de actividades arredor da micoloxía que...

435.000€ para a mellora da estrada que une Sarria co Polígono do Morelle

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou este martes a zona para comprobar...

A D.O. Ribeira Sacra pecha a campaña con 4.617.965 quilos vendimados

A campaña despídese cun claro protagonismo das variedades tintas con 3.552.736 quilos, coa Mencía...

“Activa a túa vida dixital”, desde este 14 de outubro no CEMIT de Carballedo

Durante tres semanas consecutivas, os usuarios da aula lucense participarán en sesións semanais que...