O primeiro dos traballos presentados foi o de Sara Santos Sarmiento e levaba por título “MICROMUNDO. En busca de bacterias del suelo productoras de antibióticos”. Esta investigación estivo titorizada por María José Pérez Álvarez e Julia Carballo Rodríguez, docentes do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, Área de Microbioloxía da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense. O estudo centrouse no aumento do nivel de resistencia aos antibióticos e o principal obxectivo foi buscar bacterias produtoras de antibióticos no chan.
O segundo dos traballos foi presentado por Luis Alfonso Rodríguez Rodríguez e portaba o título: “Análisis activo y pasivo de amenazas en red”. Estivo dirixido por Manuel Fernádez Veiga, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática, Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións do Campus de Vigo. Esta investigación sobre ciberseguridade tiña como obxectivo identificar as vulnerabilidades dun ordenador e das redes informáticas diante de calquera ciberataque, mediante o emprego das principais ferramentas de pentesting.
EXCELENTE CUALIFICACIÓN
Os proxectos de ambos alumnos obtiveron unha cualificación de sobresaliente, polo que recibiron felicitacións por parte dos integrantes do tribunal.
Dende o IES Daviña Rey, o coordinador do STEMbach, Pablo Blanco Quiroga, salientou o esforzo desenvolvido polos dous estudantes: “un exemplo a seguir para os demais compañeiros que aínda non presentaron os seus traballos e que actualmente están a cursar o 1º ano do STEMBach”, dixo.
Ademais do profesor xa mencionado, Pablo Blanco Quiroga, completan o equipo docente desta modalidade de bacharelato: Pablo Blanco Penelas, profesor de bioloxía, e Amancio Rodríguez Rodríguez, profesor do novo Máster en ciberseguridade que se pode cursar actualmente no devandito centro de ensino.
O IES Daviña Rey é o único da zona sur de Lugo que conta coa modalidade de bacharelato STEM, xa dende os seus inicios no ano 2018.