Non hai que confundir esta entidade coa homónima existente na vila de San Martiño, con sede no Casino e dirixida durante moitos anos polo mestre Santiago Prol Blas, casado cunha parente de Ernesto Guerra da Cal e pertencente á familia Taboada, da Tabacalera, e dinamizada tamén por D. Pío Quiroga, boticario, Nicolás Bobillo, propietario do coñecido comercio “El Derroche” e tamén polo crego sanabrés, D. Elisardo García Cifuentes, quen durante moitos anos rexeu a parroquia de San Martiño e bautizou a quen isto escribe.
“LA UNION QUIROGUESA Y SUS DISTRITOS” foi fundada o 30 de setembro de 1928 en Bos Aires, por un grupo de entusiastas emigrantes do partido xudicial de Quiroga, que abranguía os concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Pobra do Brollón e Courel. É de xustiza expresar que unha relevante parte dos datos para elaborar este estudo fóronme facilitados amablemente por dona Tereixa García Domínguez, do Arquivo da Emigración Galega, cidade da cultura, Santiago de Compostela. Compoñían esta sociedade os emigrantes bonaerenses, procedentes do daquela partido xudicial de Quiroga, que comprendía os concellos de Quiroga, Courel, Ribas de Sil e Pobra do Brollón. En 1929 no periódico Acción Gallega menciónase a cifra duns 3.000 na cidade e contorna de Bos Aires, 133 socios, polo que lle correspondía enviar 3 delegados ás xuntanzas da Federación de Sociedades Galegas e unha declaración explícita de ideoloxía nacionalista galega. A súa tipoloxía, como a meirande parte delas, era benéfica, mutualista e recreativa, é dicir, procuraba a axuda benéfica aos asociados e ao mesmo tempo servía de lugar de encontro, recreo e sociabilidade.
A historia social remontaríase ao ano 1928, cando un grupo de “entusiastas fillos do partido xudicial de Quiroga, ansiosos de remediar no posible os males que desde fai anos vén soportando a súa terra, á que se senten ligados por lazos indestrutibles de verdadeiro amor de patriotas galegos”. Xurdía a iniciativa de constituír en Bos Aires unha entidade que tivera por “finalidade albergar no seu seo ós fillos deste fermoso terruño, con fin principal de construír un Hospital Comarcal para beneficio dos seus compatriotas alá residentes”.
A historia social remontaríase ao ano 1928
Esa mesma finalidade aparecía nunha crónica da prestixiosa revista Céltiga ( nº 100, 25-II-1929, p. 20) que anunciaba a celebración dunha asemblea extraordinaria para o 3 de marzo.”Esta sociedad tiene por objeto la unión de todos los residentes del partido judicial de Quiroga en este continente, con el fin de llevar a cabo el Proyecto de construcción de una Clínica Médica para el servicio de dicho partido judicial”.
No periódico “Galicia” (nº 162) dicíase: “Esta sociedad tiene por fines: defensora del progreso y bienestar del pueblo gallego. De ayuda y solidaridad con nuestros asociados prestándole apoyo moral y económico cuando la adversidad los castigaba. Organizando fiestas, romerías y otros actos lícitos a fin de obtener recursos a tal fin contando siempre con el constante apoyo de numeroso público y simpatizantes que nos acompañaron”.
En febreiro de 1936 no periódico Galicia, nº 455, aparece un escrito desta sociedade informando ós seus socios dos intentos de fusionarse co “Centro Social Quiroga” para conseguir melloras para todos os quirogueses residentes na capital arxentina. Semella, polo tanto, que existía outra entidade específica para os residentes do Concello de Quiroga, da que non dispoñemos de datos. O Galicia foi un periódico editado en Bos Aires pola federación de Sociedades Galegas entre 1930 e 1960. O seu fundador e primeiro director foi Antón Alonso Ríos, deputado do PG, que en 1936 salvou o pelexo disfrazándose de esmoleiro e fuxindo a Portugal e dende alí a Arxentina. Nos anos 1943 e 1944, por problemas políticos, tivo que cambiar a súa cabeceira e pasou a denominarse Boletín de las Sociedades Gallegas Federadas e Acción Gallega. Apareceu en 1930 para substituír a El Despertar Gallego. Levaba como lema Falareilles da patria aos desterrados, de libertade e redención aos servos. Curros Enríquez. De periodicidade irregular, saía semanal ou quincenalmente. Tivo tamén outros directores como Domingo Cubeiro, Eduardo Blanco Amor, Arturo Cuadrado e Avelino Díaz. dedicou especial atención á situación española, con informacións e comentarios favorables á República. Despois da Guerra Civil mantivo a oposición ó franquismo. Recollía moita información das actividades da Federación e das sociedades que a integraban, entre a Unión Quiroguesa, noticias de Galicia e da situación dos emigrantes. Incluía artigos literarios e culturais, xeralmente na última páxina.
Deste periódico recollín moita información encol das actividades da Unión Quiroguesa: merendas, matinées, pic-nic, parladoiros literarios, préstamos de libros, conferencias, edicións de revistas e folletos etc.
En 1943 por iniciativa dos galeguistas a impulso de Castelao a maioría das microsociedades locais ou comarcais fusionáronse coas entidades provinciais de emigrantes, aínda que conservando personalidade propia. Así, A Unión Quiroguesa formaría con outras da provincia de Lugo en Bos Aires o Centro Lucense. Os lemas, sempre escritos en galego, que amosaban a filosofía básica e os obxectivos da entidade eran, entre outros: “ A nosa terra é nosa”, “Érguete labrego. Érguete e anda”. “Desperta galego d’isa humillación que te abaixa”, “Fai respetar os teus dereitos e a fala”, “Galego, desperta, a terra te chama”.
A Unión Quiroguesa formaría con outras da provincia de Lugo en Bos Aires o Centro Lucense
A finalidade orixinaria da creación desta sociedade foi a unión de todos os residentes do partido xudicial residentes en Bos Aires, e por extensión en Arxentina, co fin de levar a cabo o proxecto de construción dunha clínica médica para o servizo deste partido: “Creemos dentro de lo más moderno hasta el momento de protección beneficencia tiene proyectado la construcción de un sanatorio clínico en Quiroga, beneficio de excelente importancia….” (“El Despertar Gallego, nº 161). Pretendían principalmente “difundir la cooperación colectiva en todo lo que se relacione con el progreso, por los medios más eficaces y todo aquello que la enaltezca” e para iso queren fundar unha biblioteca circulante que sexa o órgano máis eficaz de tal coñecemento e que leve ó campesiño as ideas de cooperación e mellora dos seus cultivos, tanto agropecuarios como no que se refire ós viñedos e á industria frutícola, tal como aparece no periódico “El Despertar gallego”, nº 161. El Despertar Gallego foi un periódico editado en Bos Aires pola Federación de Sociedades Galegas entre 1922 e 1930, cando foi substituído polo Galicia. O seu primeiro director sería Alonso Ríos e máis tarde polo grande escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, contando como secretario de redacción e colaborador a Ramón Súarez Picallo, deputado do PG durante a II República, exiliado despois en Chile e Bos Aires, onde finou. O periódico Incluía crónicas e noticias das súas actividades así como información interna da Federación (informes da xunta executiva, consello federal, asembleas, debates, disensións internas etc.); información local galega e da propia colectividade (na que se critica o papel das autoridades consulares); artigos de carácter político, nos que se reflexiona sobre a situación galega e española dende unha perspectiva agrarista (mesmo recollendo ou facendo chamamentos á mobilización agraria). Tamén aparecen traballos cunha temática moi variada sobre a instrución, a cooperación, o antiimperialismo etc. A publicación foi evolucionando, ao mesmo tempo que as correntes dentro da propia Federación, dende unha perspectiva socialista a ter unha orientación nacionalista, o que provocou numerosas controversias na mesma e rematou coa ruptura da Federación, continuando a publicación como voceiro do sector nacionalista ata o ano 1930.
A Unión Quiroguesa posuía uns Estatutos, que en pura lóxica debían limitarse a articular os pormenores organizativos da entidade. Mais neste caso incluían sorprendentemente aspectos de carácter político: “esta sociedad apoyará debidamente a todo movimiento tendente a la obtención de una completa autonomía municipal, base de todas las libertades públicas” (art. G) e pedía “la autonomía regional” (art. H)., en 1928, cando estaba vixente a Ditadura de Primo de Rivera e aínda non se instaurara e II República en 1931.
As sedes sociais estiveron: en 1928, a sede fundacional situábase na Rúa Bolívar, nº 1422, Bos Aires, que pasou en 1930 á Rúa Belgrano, nº 1732, Bos Aires. Dende 1929 sería unha sociedade membro da “Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires”. É digno de subliñar a importancia das mulleres dentro da entidade, pois existía unha sección especificamente feminina.
Na listaxe que posúo, extraída da documentación en poder do arquivo da emigración, depositado no Consello da Cultura Galega, situado na cidade da Cultura en Santiago de Compostela, aparecen os membros fundadores e os principais persoeiros que impulsaron e dinamizaron esta entidade. Os fundadores foron: Antón Prieto, Daniel Nogueira, Francisco López, José Parcero, Indalecio Rodríguez, Uvaldino Vila, José M. López, Benito Folla, Isaac Pombo, Daniel López, Nemesio Márquez, Florencio López, Samuel Taboada, Juan M. López, Pío Morillo, José Vázquez, Manuel Prieto, José López, Manuel Serantes, Severiano Canedo, Joaquín Rivera, Aquilino González, José Folla, Rogelio López.
A primeira Comisión Directiva Provisoria estaba integrada por: Presidente, Manuel Serantes; vicepresidente, Juan M. López; secretario, José Parcero; secretario de actas, Samuel Taboada; tesoureiro, Francisco López; prototesoureiro, Indalecio Rodríguez; vocais, Isaac Pombo, Florencio López, Rogelio López, David López, José Folla, Rogelio Zarauza. En 1930, o Presidente era Daniel Nogueira; en 1931, José López Vila, de novo en 1933, Daniel Nogueira, que o sería durante varios anos, en 1941, Lisardo Martínez.
En canto ao número de socios foron variando: en 1929:160; en 1930: 227; en 1931: 250; en 1932: 160 e en 1940: 109.
Tiñan unha grande preocupación polo fomento da lectura e posuían unha biblioteca, co seu selo e nome, dedicada a Concepción Arenal, para prestar libros no local e para levar aos domicilios. As actividades sociais eran moi variadas. As máis habituais consistían na entrega de subsidios aos socios enfermos, facéndolle obxecto de solidariedades fraternas, e costeaban o enterro dos socios falecidos. Tamén organizaban veladas artísticas e danzantes e recitais poéticos, destacando como declamadora a nena Lidia Zarauza, celebraban o seu aniversario fundacional, festivais campestres, que “discurrían en el más puro ambiente gallego y familiar” e picnis (excursións para comer o merendar no campo, a semellanza das romarías galegas), amenizadas pola famosa orquestra Celta, dirixida polo José Barreiro, e o quinteto Varela. Incluso o 16 de novembro de 1930 celebraron a festa de Santa Polonia nos Olivos, unha cidade situada no partido de Vicente López, provincia de Bos Aires, distante uns 22 quilómetros do centro da cidade de Bos Aires, na que “no decayeron en ningún momento la alegría y el buen humor”. Sospeito que o impulsor desta xolda sería algún persoeiro importante, que sentía nostalxia da súa aldea natal, Arxubín, preto da Ermida.
Co gallo dos aniversarios anuais da fundación organizábase unha festa extraordinaria. No 3º aniversario, en 1931, Céltiga daba conta moi precisa dun amplo programa de actos, que comezaba coa interpretación do himno galego pola orquestra Celta, “rogando que os presentes o cantasen postos en pe”, a representación dun entremés de namoramento “A casa dos milagres”, a interpretación da Alborada de Veiga, un diálogo en galego e castelán, “O dulce pecado”, a cargo de Esperanza García e do Señor Seijo, Aires rexionais con cancións e gaitas, a representación da comedia galega “Os amores de Carmela”, de Jesús Seijo e un gran baile familiar amenizado polo conxunto “Centro Musical Hispano”.
En 1929 iría xermolando a idea de acadar a publicación das novas da bisbarra de Quiroga na xa citada excelente revista CÉLTIGA, xestión que coidamos realizaría o galeguista Daniel Nogueira pola súa vinculación co director e colaboradores da mesma ideoloxía. Este interesante escrito, inserido na xa citada revista CÉLTIGA ( nº 105, 10-mayo-1929, p. 8), por parte da U. Quiroguesa e asinado por Antón Prieto, secretario, e Daniel Nogueira, presidente, foi dirixido a Nilo Bobillo en Quiroga, solicitando a súa colaboración.
En 1929 iría xermolando a idea de acadar a publicación das novas da bisbarra de Quiroga na xa citada excelente revista Céltiga
“Los residentes de Quiroga en esta capital, en su sentido anhelo de mantenerse en contacto con el hermoso rincón de Galicia que les vió nacer, nos pidieron diéramos cabida en esta revista a las informaciones y notas gráficas que desde allá nos fueran enviadas, a lo que hemos accedido gustosísimos, ya que eso es, además., parte esencial de nuestro programa. A este efecto, la “Unión Quiroguesa” acaba de dirigir a uno de sus amigos en Quiroga la siguiente carta:
“Buenos Aires, mayo 3 de 1929.
Señor Don Nilo Bobillo. – Quiroga.
Estimado convecino:
No ignora usted que los hijos de Quiroga emigrados en la Argentina, siguiendo el ejemplo de los demás gallegos en América, hemos constituido recientemente esta sociedad como tributo de amor a nuestra hermosa tierra, digna de competir, por sus bellezas, ·con los más incomparables rincones que atesora el paraíso de Galicia. No era ·posible que los quirogueses permaneciésemos aquí al margen del grandioso movimiento de reivindicación gallega en que hoy rivalizan los hijos de todos los pueblos de nuestra incomparable región y merced al cual Galicia es hoy conocida y admirada en América por los hombres todas las razas; y por eso, aparte de los fjnes de progreso que nos animan en beneficio de nuestro distrito, tenemos especial interés en divulgar en la prensa de este país lo más notable de esos pueblos, sus paisajes, sus monumentos y todo lo típico que encierran en diversos aspectos.
Anhelamos, asimismo, conocer y publicar Ias noticias y episodios más salientes de su vida cotidiana, aspiración muy legítima en quienes, como nosotros hemos sido arrancados ahí al amor de los seres quericlos y nos hemos visto 1anzados a la emigración por las duras exigencias de la vida.
Por todo lo expuesto, hemos gestionado de la gran revista gallega CELTIGA, la más importante de las revistas españolas que aquí aparecen, el que esta publique cuantas fotografías y noticias de esa comarca le sean presentadas por nosotros; y, en tal sentido, reconociendo la singular competencia de usted, nos permitimos solicitar su colaboración para el envío de las mismas, con lo cual hará un señalado servicio a Quiroga y a sus paisanos de la Argentina.
Confiamos en que no nos negará ustd este favor desinteresado; y en caso de que ello le fuera imposible, por lo menos nos indicará la persona que ahí pueda y quiera asumir el cargo de corresponsal.
Anticipándole las gracias, saludan a usted muy atentamente”.
Nilo Bobillo contestou que non lle era posible colaborar por mor das súas numerosas ocupacións, pero propoñía para esa tarefa a un mestre de San Xulián de Abaixo, D. Miguel Rodríguez Chaos, que remitiría varios artigos encol da historia de Quiroga, que se publicarían no Correo de Galicia, relacionados con tradicións quiroguesas e as lendas dos cabelos de ouro do castelo dos Novaes e da praga de lagartos que asolaron o val dos que se librou grazas a acción dun nobre, de apelido Lousada. Por iso no escudo dos Lousada aparecen dous lagartos encima dunha lousa.
Mais os dirixentes da sociedade querían algo máis. En 1931 editaron un número extraordinario de 28 páxinas dunha revista bilingüe, con predominio do castelán, a todo color, titulada “Quiroga”, que se pode atopar nos Fondos do Museo de Pontevedra e do Instituto Sarmiento de Estudios Galegos, en Santiago. Resulta moi interesante, pois informa das actividade da entidade, reproducindo a memoria anual correspondente a 1930. Inclúe diversos traballos encol de Galicia: cultura, tradicións, música, notas bibliográficas e novas da actualidade da bisbarra quiroguesa, ademais de artigos de reivindicación galeguista e antiinmigracionista. Na portada aparece unha ilustración de túnel de Montefurado, asinada por King e no interior fotos de estampas galegas, debuxos de Castaño e fotos da praza de Quiroga e doutros recantos. Na nómina de colaboradores asoman persoeiros da entidade de: M. Serantes, Antón Prieto, Daniel Nogueira, S. Taboada, Eduardo López, Sabino Taboada, Xan de Pazos, Luisa Ledo e tamén Nilo Bobillo, este dende Quiroga.
Mais os dirixentes da sociedade querían algo máis. En 1931 editaron un número extraordinario de 28 páxinas dunha revista bilingüe, con predominio do castelán, a todo color, titulada “Quiroga”
Tamén en 1931 realizaron unha matinée a total beneficio da Residencia de Estudiantes de Santiago de Compostela. Coñécese co nome de matinée en Arxentina ao horario estabelecido por unha discoteca, aberto para o público adolescente, xeralmente dende os 11 até os 17 anos, antes da media noite e da apertura nocturna da discoteca. As matinées foron introducidas ante a necesidade dos máis novos de ter unha discoteca e ir legalmente a ela, posto que moitos bares e discotecas tiñan problemas coa lei por permitir ingreso a menores de idade.
En outubro de 1931 editaron un folleto para divulgar a riqueza de Galicia (10.000 exemplares) con datos extraídos do libro “Nuevas orientaciones sociales”, de L. Peña Novo, que se repartiu gratuitamente. En 1932 crearon unha escola teatral e un cadro artístico formado polos socios. No bienio 1933-34 organizaron un ciclo de charlas culturais de gran éxito entre a colectividade galega, como aparece reflectido en varios xornais, como Acción Gallega e o Correo de Galicia.
En abril de 1936 envían unha cantidade de cartos ao Seminario de Estudios Gallegos coa condición de contribuír a financiar os estudos que na bisbarra de Quiroga ía a realizar esta institución cultural, que supoñemos non se investiron, pois estalou o alzamento, polo que os estudos de carácter cultural galeguizador non eran ben vistos polo novo réxime. Ademais, o Seminario foi reconvertido, incluso no nome. Pasou a chamarse Instituto Padre Sarmiento. Tamén enviaron 100 pesos arxentinos para axudar as familias vítimas dos sucesos da revolución de outubro de 1934 na bisbarra de Quiroga, que afectara especialmente aos ferroviarios de San Clodio de Ribas de Sil. Descoñecemos o que aconteceu coas cantidades remitidas.
En 1936 editaron unha revista social, conmemorando o 8º aniversario da fundación e co gallo da sublevación que orixinou a Guerra Civil a sociedade apostou claramente pola legalidade republicana fronte ós fascistas rebeldes. En 1937 organizaría un Comité de axuda á República española co seu nome, recadaría fondos para axuda dos refuxiados e exiliados e axudaría a buscarlles residencia na Arxentina.
Moito máis se podería escribir desta pouco coñecida sociedade, pois os periódicos galegos de Bos Aires: El Despertar Gallego, Galicia, Céltiga, Acción Gallega e El Correo de Galicia, que se poden consultar por internet na rede Galician, subministran abundante información encol dela.
Só podemos engadir que é un orgullo para os habitantes da bisbarra de Quiroga saber que a miles de quilómetros, na diáspora arxentina, existía unha sociedade que non esquecía as súas orixes, mantiña a súa identidade tribal e nacional, fomentaba a conciencia da súa dignidade, proclamaba ós catro ventos o seu fervente galeguismo, era contraria a emigración dos seus concidadáns e pretendía empurrar o seu progreso material e moral e aliviar as doenzas dos quirogueses coa creación dun hospital na bisbarra.
Este pequeno anaco da nosa historia debería servirnos para tomar exemplo na actualidade seguindo o espello destes devanceiros que nos ensinaron o camiño para o rexurdimento do noso recuncho e da nosa patria dende a nostalxia saudosa de Bos Aires.