Merche Pérez cóntanos que naceu en Monforte e ao pouco tempo, un ano despois, foise coa familia a Vigo, cidade orixinaria da súa nai. Sabemos tamén que sempre sentiu un especial agarimo pola cidade do Cabe, especialmente a zona de Molinos Antero, e por Abrence, aldea de onde son os devanceiros de seu pai.
De pequena empezou a sentir atracción pola danza e anos máis tarde polo teatro, dúas disciplinas artísticas que foi compaxinando e que mantén vivas na actualidade. Ademais de Vigo, pasou por outras cidades como Madrid e Barcelona onde ampliou a súa formación e experiencias no mundo das artes escénicas.
Con experiencia e recoñecementos no mundo da danza e do teatro, Merche tamén experimentou como guionista, directora e actriz en varias curtametraxes, e na actualidade, tras instalarse en Abrence despois da pandemia, impulsa proxectos interxeracionais e comunitarios que achegan o teatro ao rural. Algunhas desas iniciativas que levou a cabo este ano foron, por exemplo, un obradoiro de teatro infantil e outro no Centro de Día da Pobra do Brollón.
Falamos con Merche Pérez.
Monfortina ou viguesa, que te sentes máis?
Eu nacín en Monforte e sinto as miñas raíces nesta terra.
Cando e porque te sentiches atraída pola danza e polo teatro?
Cando de pequena escoitei unha caixa de música e comecei a dar os meus primeiros pasos para poder alcanzala, de aí as miñas flores do mal.
Nestas disciplinas artísticas, levas traxectorias paralelas ou unha tira de ti máis que a outra?
Na actualidade convivo con ambas disciplinas artísticas, a danza como parte do meu adestramento psico-físico e o teatro de forma profesional e docente.
Onde te formaches e como lembras as túas primeiras aparicións en público?
Formeime en Vigo, tendo rematado alí estudios de interpretación na ESAD (Escola Superior de Arte Dramático de Galicia), en Madrid no Teatro de La Danza, Estudio de Danza Carmen Senra, Escuela de Ballet Carmina Ocaña… e en Barcelona con David Campos, Área Espai Dança i Creació…
No que respecta ás miñas primeiras aparicións en público recórdoas con moita paixón e ilusión… é unha palpitación constante, o eterno retorno.
O ano 2012 foi especial para ti… Como chegaron os primeiros premios á túa carreira artística?
Chegaron no 2012 pero xa tivera o meu primeiro premio no instituto nun concurso de poesía. En danza foi no 1º Congreso Internacional de Danza de Vigo, onde levo o Premio Coreografía Destaque, ese mesmo ano recibo unha mención especial no IV Premio Ibérico de Interpretación Marta Sieiro organizado pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e no 2016 comparto o premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal por “30 e tantos ósos”, e no 2018 no Certamen Nacional de Danza Vive tu Sueño, pola coreografía “Las sin tinta, las sin pluma”.
Fálanos dese premio María Casares compartido.
“30 e tantos ósos” foi o meu primeiro traballo de fin de estudos na especialidade de Interpretación Textual, na ESAD de Galicia. Un proceso de creación colectiva realizado por mulleres que recibimos o Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2016 e máis tarde publícase na ERREGUETÉ, Revista Galega de Teatro, no Número 97.2018/4.
Que outros recoñecementos tiveches dende este premio que deberiamos coñecer?
Na revista dixital MujerArt nº3 que ten como obxectivo visibilizar ás artistas contemporáneas. Esa publicación selecciona mulleres artistas “de certa idade” para darlle un recoñecemento á súa traxectoria. Eu enviei o meu currículo e, entre todas as posibles, seleccionáronme a min.
Ademais da danza e o teatro, tamén experimentaches co formato audiovisual. Como foi a experiencia?
Participei en varias curtas como actriz e nunha, “Océano sen rostro”, fixen practicamente todo, menos coller a cámara e a montaxe. Estes traballos foron moi gratificantes, de feito penso repetir a experiencia.
E longametraxes tes feito?
Non se deu o caso. As produtoras non te queren pola idade…
Hai idadismo no cinema actual, logo?
Está clarísimo. A partir dunha idade avanzada, 40 ou 50 anos, hai unha certa censura, tes unha idade e xa non interesas.
Instalada xa en Abrence, e deixando atrás Vigo, nova vida e novos proxectos. Como xurdiu e en que consiste ‘Merendas teatrais’ da Pobra do Brollón?
Todo nace cun proxecto que presentei na Pobra do Brollón, “Mundo rural, mundo cultural”. Consiste en traballar o aspecto interxeracional e comunitario, en recuperar o teatro ambulante polas parroquias e poñer en valor o que temos, a lingua, a danza tradicional e a contemporánea…
Merendas teatrais é un momento de estar cos veciños, estar en familia, xuntos e formando parte da comunidade. Ao mesmo tempo trátase de xerar un público que entre en contacto co teatro, tendo tamén como obxectivo para decembro que os nenos e nenas farán o proceso dunha montaxe teatral.
Que outros proxectos tes por diante?
Agora centrada ata decembro na Pobra do Brollón e preparando unha curta… e outros proxectos artísticos que espero poder comezar para o 2024 pero por agora non podo dicir nada máis.
Do mundo da danza e do teatro a nivel galego, a quen admiras e con quen traballaches que che deixara unha pegada especial no profesional?
A ninguén en particular… E como pegada especial quédome coa experiencia vivida no Centro Dramático Galego con todo o equipo artístico de Un hotel de primeira sobre o río. Para min foi un regalo estar nun equipo humano excelente, foi algo marabilloso….
Que é o que máis che gusta e o que máis recomendarías de Monforte?
Os meus amigos e seres queridos, o Pazo Molinos de Antero, o Museo de Arte Sacro das Clarisas, os Escolapios, a galería de arte Abrentis, o Mosterio de San Vicente do Pino, actualmente Parador, a Torre da homenaxe, o Pazo de Tor, o barrio xudeu, o museo do viño, a Feira Medieval, unha excursión polo Sil, e darse un paseo polo río Cabe e pararse un instante na Ponte Vella para contemplar as luces e sombras de Monforte e irse de tapas e viños da Ribeira Sacra.