O domingo 14 de abril terá lugar unha nova edición da Festa da Carne ao Caldeiro e Produtos Locais en Castro, no Concello de Carballedo; un evento que organiza a Asociación de Veciños O Bubaíño de Castro.
No que respecta á programación, das 10:00 ás 14:00 h. haberá un roteiro guiado para gozar do románico, a paisaxe e a etnografía do sur do Concello de Carballedo: A Cova e Chouzán.
Ás 12:00 h. terá lugar a apertura de postos de produtos locais e artesanía cun pasarrúas a cargo da charanga chantadina Unión Phenosa, que actuará tamén pola tarde. Durante a xornada tamén se poderá ver unha exposición cestos, cerámica e bolillos.
O pregón da actriz María Vázquez será ás 13:00 h. e ás 13:30 comezará o xantar popular a base de Carne ao Caldeiro, con acceso ao mesmo previa reserva de entrada.
Xa pola tarde, ás 16:30 h. haberá unha actuación musical para público infantil a cargo de Pakolas.
MARÍA VÁZQUEZ, UNHA NOVA VIDA NO RURAL
María Vázquez naceu en Vigo pero mantivo sempre un gran apego a Carballedo, concello dos seus avós e lugar onde veraneaba e ía varias veces durante o ano. Emigrou a Madrid con 18 anos e despois tamén viviu uns anos en Santiago antes de fixar a súa residencia no 2023 en Chantada. Con todo, ela confésanos “síntome máis de Carballedo”.
Preguntámoslle polo momento no que decidiu fixar o seu campo base en Chantada, e varios foron os motivos que a levaron a dar ese paso, unha decisión consensuada en familia, e coa súa parella, que non é galego. Segundo comenta María, tivo en conta o feito de ter aos seus pais preto –viven en Carballedo dende hai 20 anos– para pasar máis tempo con eles e que lle axudasen a conciliar, deulle importancia á posibilidade de criar os fillos nun entorno máis tranquilo en contacto coa natureza, e tamén quería que se criasen en galego.
María Vázquez: “síntome máis de carballedo”
A nosa interlocutora recoñece que “son consciente de que vin ao rural porque quixen e porque podo”, dando a entender que o rural está idealizado pero non todo o mundo se pode permitir ir vivir a el. Nese senso engade, “síntome privilexiada porque o podo permitir, pero hai moito que mellorar, e máis vivindo con fillos”. Sinala que hai moito por mellorar para fixar xente no rural, dende o acceso ás novas tecnoloxías ata outros servizos como, por exemplo, os medios de transportes públicos.
Preguntámoslle polos fillos –ten dous–, e dinos que están súpercontentos, que o feito de ter vínculos na zona axudoulles no proceso de adaptación.
PREGOEIRA NA XXI FESTA DA CARNE AO CALDEIRO
Este ano será a segunda vez na que María Vázquez teña o encargo de facer o pregón nesta festa gastronómica tan importante no calendario do Concello de Carballedo.
“Chamáronme varias veces, ocasións nas que non puiden vir, e estoulle moi agradecida de que pensaran sempre en min”, comenta.
Respecto ao pregón dinos que case o ten, pero non quere desvelar nada. Só pode adiantar que falará do moito que hai para ver na zona e das mulleres. Ten claro que a Ribeira Sacra é un paraíso pola natureza, as paisaxes, as fermosas carballeiras, e tamén pola xente, sempre moi hospitalaria.
“lembrar cheiros axúdame a crear personaxes”
Falando da carne ao caldeiro entra na conversación o tema da memoria dos cheiros. Entre eses “cheiros de comida no lume da infancia” que lembra María están os callos e a carne ao caldeiro, como non. Tan potente e inspirador e este tema para ela que confesa o seguinte:“lembrar cheiros axúdame a crear personaxes”. O cheiro a viño, a xabón, a queixo… están moi presentes na súa vida e moi relacionados con tempo de calidade que pasou cos seus avós, “pasei moito tempo cos meus avós que me transmitiron o amor pola terra, vinculándome ademais coa zona e coa lingua”.
ÉXITOS PROFESIONAIS PRESENTES E PROXECTOS DE FUTURO
Da súa traxectoria profesional demos conta non hai moito en Xornal de Lemos, co gallo da súa presenza en Arzúa como pregoeira da Festa do Queixo deste 2024, co cal só lle preguntamos polo máis recente.
Sobre Matria, filme polo que vén de recibir o Premio Mestre Mateo como mellor intérprete feminina no seu papel de Ramona, comenta que ademais dos éxitos persoais, foi para ela unha experiencia marabillosa. “Matria e Ramona quedarán como referentes no audiovisual”, sentencia. Ademais de traballar moi cómoda dinos que “o bonito da viaxe de Matria foi a transcendencia que tivo”.
“Matria e Ramona quedarán como referentes no audiovisual”
Sobre Cuñados e +Cuñados dinos que é outro rexistro, “para min foi interesante facelas e paseino moi ben, teñen un humor moi particular, moi noso”. “Ademais, as historias das cuñadas –irmás– teñen tamén o seu desenvolvemento”, engade. E outro detalle, nesta segunda o entroido é un dos fíos condutores, un tema que particularmente lle gusta moito a María, “son moi entroideira”, confesa.
Respecto a proxectos de futuro adiántanos que en xuño estréase en Barcelona “Alumbramiento”, un filme de Pau Teixidor sobre nenos/as roubados/as no que ten un papeliño; e para setembro estrearase unha serie de produción galega en Neflix, “El jardinero”, na que participa.