Os implantes cocleares son uns pequenos dispositivos electrónicos de alta tecnoloxía que lles permiten ás persoas xordas de nacemento ou que perderon audición cos anos por algunha enfermidade ou accidente, recuperar a súa capacidade para oír e levar unha vida normal. Alá onde non chega como solución o uso de audífonos, o implante coclear preséntase hoxe en día como solución alternativa para as persoas que presentan xordeira severa-profunda.
Coñecemos a experiencia de José Bernardo Losada, un veciño de Quiroga que perdeu a audición con 17 anos e non a recuperou ata os 23 despois de recorrer a esta solución médica que se emprega dende hai 35 anos en España. O instinto de superación de José Bernardo, e o esforzo económico familiar, fixeron posible daquela que todo saíse ben deixando atrás duros anos de silencio auditivo e rexeitamento social.
Cando tiveron que poñerche o implante coclear e por que?
Tiveron que poñermo hai 25 anos e cando tiña 23 xa que perdera a audición con 17. Daquela era o principio dos avances en cirurxía e implantes.
“Tiveron que poñermo hai 25 anos e cando tiña 23 xa que perdera a audición con 17”
Lembras como foron eses anos ata que te acostumaches a levalo?
Estiven 5 anos sen oír, dos 17 aos 23 e custoume moito adaptarme á sociedade. Tiven que aprender a linguaxe de signos e a ler os beizos. Por sorte, a adaptación ao implante coclear foi case instantánea, nin os médicos o crían.
Poñer o implante, así como o mantemento, é moi custoso? Ten cobertura pola Seguridade Social?
Non sei dicirche o custo da operación nin lembro o que custou a miña, o que si lembro é que daquela os meus pais tiveron que pedir un crédito para a intervención e para a rehabilitación. Despois, creo que lle cubriran un 15 % do custe. O mantemento tamén resulta caro… antenas, cables, baterías, cargadores, procesador… Antes non cubría a Seguridade Social pero a día de hoxe cubre a intervención e creo que recambios básicos, e con particularidades segundo a Comunidade Autónoma.
“daquela os meus pais tiveron que pedir un crédito para a intervención e para a rehabilitación”
Aínda levando implante coclear, que mellora a túa calidade de vida, que situacións de dificultade para comunicarte atopas no día a día?
A min melloroume un cento por cento o día a día. Volver oír axudoume a seguir comunicándome coa xente, a non apartarme, tamén a rematar os estudos, a traballar… En canto a dificultades, as propias do implante coclear, o custe das pezas; e tamén a falta de calidade de audición en lugares moi ruidosos, ou segundo o tipo de voces ou os modelos de teléfonos.
Atopaches ou viviches algunha situación de discriminación en todos estes anos?
Nestes últimos anos non, pero cando perdín a audición si. Apartábanse de min, era como unha basura… non lle servías aos demais. Iso axudoume a curtirme en mil loitas e a convivir mellor coas miñas taras.
Do teu primeiro implante ao actual, houbo melloras que incorporaches?
Só fixen un cambio hai dous anos porque xa non fabricaban as pezas do antigo. Senón non houbese cambiado. Melloras hai case todos os anos en cables, baterías, antenas… Os novos implantes son máis pequenos que o meu, son como audífonos máis a antena. Melloraron o rendemento, pasamos de baterías de 8 horas de autonomía a baterías de 24, con carga rápida, etc.
“Os novos implantes son máis pequenos que o meu, son como audífonos máis a antena”
Estás asociado a algunha entidade que axude ao colectivo de implantados cocleares?
Si, a Asociación de Implantados Cocleares de España.
Cando debes, e cando podes, quitar o implante? Para durmir e/ou practicar algunha actividade concreta?
Para durmir quítoo, para bañarme tamén porque o meu non é mergullable. En xeral, para toda actividade deportiva por precaución e medo a rompelo, pero podería xogar con el a moitos deportes. Perdes audición e ás veces tes sinestesia como unha carga, pero xa che digo, agás para o contacto coa auga, polo demais podería levalos.
Para rematar, algunha mensaxe para quen teña que pasar polo que pasaches ti?
Para as familias que queiran dar o paso recoméndolles que se informen ben de todo porque operarse non quere dicir que se volva oír. Hai casos de xente que non o consegue, e tamén casos de non adaptación. Cada corpo é un mundo… Tamén recomendo dar agarimo e apoio constante na rehabilitación, será duro pero á larga merecerá a pena tanto esforzo.