Este evento deportivo e solidario alcanzaba este ano a súa terceira edición tendo lugar o domingo 15 de setembro ás 12 do mediodía, nun circuíto urbano de Monforte dun percorrido de 5 quilómetros que tivo saída e chegada na Explanada da Compañía.
O ambiente, nun día solleiro, foi espectacular. E non só polos arriba de 600 inscritos e inscritas que enfundaron a camisola verde para correr e camiñar respectivamente a distancia que estaba marcada para cada modalidade: 5 quilómetros para corredores e 2,5 para camiñantes; senon tamén pola cantidade de xente que se achegou para animar e para colaborar coa causa mercando material e con achegas económicas para a Asociación contra o Cancro.
“Dende o Concello, a través da Concellería de Deportes, colaboramos coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, no que participaron tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local”, lembraba o Alcalde que estaba presente no evento xunto con outras autoridades municipais –concelleiros/as do Equipo de Goberno e concelleiros da oposición–.
DESENVOLVEMENTO DA CARREIRA E DA ANDAINA
A saída tivo lugar dende a Explanada da Compañía, seguiu pola rúa Compañía, dirección Paseo de Lugo, a continuación por rúa Carude completa, San Lázaro e desde o paso a nivel volveu dirección centro cidade por rúa Reboredo, rúa Dalmiro de la Valgoma e rúa Escultor Francisco Moure (ata as proximidades do paso a nivel). A continuación o circuíto baixou por rúa Compañía ata a glorieta de entrada ó Parque dos Condes pola metade da calzada máis próxima aos edificios, xirou na glorieta e subiu pola metade máis próxima ás Casitas, ata introducirse de novo na Explanada, onde estaba a meta. Os e as participantes deron dúas voltas a este percorrido.
A competición solidaria, popular e urbana, contou coa participación de arriba de 600 persoas, contemplando recoñecementos para a modalidade de Carreira nas categorías masculina e feminina cun primeiro, segundo e terceiro premio para cada unha.
Os gañadores foron, en categoría masculina, Iker Fernández Codesido (1º), Manolinho Besteiro Rodríguez (2º) e Jesús Corral Mato. Mentres que en categoría feminina as gañadoras foron Luisa Celez Somoza (1ª), Marta Valín Sández (2ª) e Sara Pérez Pallín (3ª).
Salientar así mesmo o traballo de todo o voluntariado da Asociación contra o Cancro de Lugo e Monforte, así como a colaboración de Radio Monforte, na persoa de Rafael Aguiar, coa megafonía acompañando e animando en todo momento o evento.