O artigo, titulado Ribeira Sacra – a denominación nun delicado equilibrio, foi publicado o 7 de outubro na prestixiosa web de Jancis Robinson, e subliña a singularidade dos viños desta D.O.
No seu artigo, Centelles describe a Ribeira Sacra como unha das denominacións con maior potencial de calidade en España, tanto a súa paisaxe única como a súa tradición vitícola. As ladeira que bordean os ríos Sil e Miño, con inclinacións extremas que chegan a superar o 60%, crean o que se coñece como viticultura heroica, un esforzo considerable que, segundo Centelles, se reflicte na autenticidade e frescura dos viños producidos.
No seu análise, subliña a necesidade de diferenciar máis claramente os viños segundo as súas subzonas e de apostar por unha produción que valore as particularidades do terroir en vez de centrarse unicamente en viños novos. “A Ribeira Sacra ten todo o necesario para estar na cima do viño español“, comenta Centelles, quen insiste na importancia de promover a delicadeza nos viños da Denominación de Orixe.
Cata a cegas: calidade destacada dos brancos e evolución nos tintos
Durante a cata a cegas organizada polo Consello Regulador, Ferran Centelles avaliou un total de 65 viños, procedentes de diferentes subzonas da denominación. Nas súas conclusións, destacou especialmente o avance dos viños brancos da D.O., resaltando a súa frescura e mineralidade, con mencións a variedades como o Godello, que cualificou de “delicado e eléctrico”.
En canto aos viños tintos, aínda que eloxiou a evolución dos viños elaborados con uva Mencía, indicou que unha das variedades que máis o sorprendeu foron os Brancellao. E é que unha das cousas que Centelles destaca nas notas sobre a cata é a gran variedade de uva que se atopa na D.O. Ribeira Sacra, que produce un gran potencial nas distintas elaboracións e que, nas súas palabras, “contribúe a unha multitude de expresións diferentes de viños e este feito debería ser explotado e comunicado moito máis”.
O artigo de Centelles tamén aborda algúns dos retos aos que se enfronta a Ribeira Sacra, incluíndo a necesidade de revitalizar as pequenas explotacións familiares e fomentar unha maior especialización nos viños de parcelas. Considera que o potencial da zona está na súa capacidade para ofrecer viños delicados e cheos de matices, características que poderían situar a Ribeira Sacra entre as Denominacións de Orixe vitivinícolas máis prestixiosas de España.
Centelles / CRDORS
Como expresa Centelles: “A Ribeira Sacra é probablemente a D.O. coa paisaxe vitivinícola máis espectacular de España. Esta espectacular paisaxe produce algúns dos viños máis emocionantes de España”. Engadindo que “Ribeira Sacra é a zona con máis grande potencial de calidade e debería estar entre as tres primeiras zonas de España”.
Neste sentido, resalta o feito de que as adegas non deben ter medo a elaborar viños de pago, de viña. Así, respecto á súa visita á Ribeira Sacra afirmou: “a tendencia é facer viño novo, que pode ter moito valor tradicional, pero non ten prestixio”. E segue: “segundo o antigo dito romano, Bacchus amat colles (Baco ama as colinas), a mellor uva é a que provén das colinas. Ben, Baco lles deu o mellor que tiña, pero a maioría dos produtores aínda producen viño xove de ‘chateo’, que actualmente non só é o menos valorado no mercado, senón tamén o que ten as previsións máis sombrias nas tendencias de consumo”.
En canto aos viños e as diferentes subzonas que se atopan na D.O., Centelles sinala no seu artigo: “tamén permitiría establecer unha xerarqía cos “village wines” (viños de pobo/municipio) e de parcela, ao estilo de Borgoña, como fixeron outras denominacións de orixe españolas; sen dúbida ten sentido debido á gran heteroxeneidade deste territorio.”
Centelles conclúe o seu artigo sinalando que fai 11 anos visitou a Ribeira Sacra para a mesma revista (Jancis Robinson), e que estes 11 anos foron de absoluto progreso que servirán para, tal e como el mesmo escribe, “crear un futuro que garanta que Baco se sinta orgulloso da súa magnífica creación como zona vinícola”.
Centelles / CRDORS