HomeOpiniónOPINIÓN: As mulleres traballadoras poderán ampliar o seu permiso de maternidade se...

OPINIÓN: As mulleres traballadoras poderán ampliar o seu permiso de maternidade se encabezan unha familia monoparental

O Pleno do Tribunal Constitucional vén de declarar inconstitucional que as nais biolóxicas de familias monoparentais non poidan desfrutar dun permiso por nacemento e coidado de menor máis amplo.

Publicado o

POR
Cristina Fernández Lago (Avogada)
- Advertisement -

Por nacemento e coidado do menor (o que antes viña sendo o “permiso de maternidade/paternidade”), tanto a nai coma o pai teñen dereito 16 semanas de permiso e a unha prestación. Destas 16 semanas, 6 deben ser desfrutadas obrigatoriamente de maneira ininterrompida despois do parto. As 10 restantes poden ser desfrutadas do xeito que mellor conveña aos proxenitores para garantir os deberes de corresponsabilidade parental.

Porén, no caso das familias monoparentais, a norma non contempla a posibilidade de que se amplíe este permiso, o que provoca unha maior carga para o proxenitor único, que debe coidar e criar aos menores recén nacidos por menos tempo.

Para eliminar este desequilibrio, o Pleno do Tribunal Constitucional vén de declarar inconstitucional que as nais biolóxicas de familias monoparentais non poidan desfrutar dun permiso por nacemento e coidado de menor máis amplo. O órgano considera que a norma discrimina ás familias monoparentais, posto que concede o mesmo número de semanas de descanso para o nacemento e coidado das crianzas en familias biparentais e monoparentais.

“O órgano considera que a norma discrimina ás familias monoparentais”

O intérprete da Constitución razoa que non se trata dunha medida xustificada, posto que implica unha diferenza de trato entre as crianzas nacidas nunha familia biparental e as nacidas nunha familia monoparental, xa que estas últimas teñen menos tempo para coidalas.

Ademais, segundo datos do INE, as familias monoparentais están maioritariamente encabezadas por mulleres (até o 81,4%), polo que denegar ampliación do permiso podería causar unha discriminación indirecta por razón de xénero.

Por iso, e até que a norma non sexa modificada, o Tribunal Constitucional permite aumentar a duración do permiso por nacemento e coidado do menor até 10 semanas máis ás nais biolóxicas que traballen por conta allea e que integren unha familia monoparental, que sería o tempo que lle correspondería ao outro proxenitor, de o haber.

Despois dun intenso debate nos Tribunais, onde se xeraran opinións contraditorias sobre se estender ou non o permiso por nacemento e coidado de menor para as familias monoparentais, por fin existe un criterio unánime a seguir. A decisión do Tribunal Constitucional supón un éxito para as mulleres que voluntariamente escolleron sacar adiante unha familia soas, xa que a ampliación permítelles suplir a ausencia de coidados do outro proxenitor.

“A decisión do Tribunal Constitucional supón un éxito para as mulleres que voluntariamente escolleron sacar adiante unha familia soas”

Por último, cómpre destacar que o Tribunal Constitucional refírese ás nais traballadoras porque foi unha muller que prestaba servizos por conta allea a que recorreu. Isto deixa a porta aberta aos homes que encabecen unha familia monoparental e reclamen a ampliación do permiso, dado que os nenos seguirían nunha posición de inferioridade respecto dos nacidos nunha familia biparental. Veremos o que acontece nos próximos meses.

Cristina Fernández Lago é avogada e traballa no gabinete xurídico de Miguel Vieito.

ÚLTIMAS

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...