HomeComarca de QuirogaFolgoso do CourelA ‘Xuntanza de Artesáns’ de Vilamor chega á súa XII edición

A ‘Xuntanza de Artesáns’ de Vilamor chega á súa XII edición

Será este sábado 31 de maio nunha xornada que contará con 20 postos de artesanía e produtos locais, ademais de moitas propostas musicais.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A Asociación de Veciños e Sociocultural ‘O Quintairo’ de Vilamor, con pouco máis dun ano de vida asociativa, colleu o relevo da Asociación Fonte do Milagro e propúxose recuperar este ano a ‘Xuntanza de Artesáns’ desta aldea de Folgoso do Courel.

Segundo nos conta o seu presidente, Manuel Vila, a feira de artesanía de Vilamor levaba uns 3 anos sen facerse e dende a entidade pensaron que podía ser unha actividade máis da asociación que se sumase á Festa de inverno do San Vicente que recuperaron.

Dinos Vila que dá bastante traballo a organización e que na asociación aínda hai xente “pero os máis activos somos sempre os de vocación, e se non é así non se fan as cousas”. Nestas semanas previas tiveron que limpar e acondicionar a aldea –recibido axuda do Concello de Folgoso do Courel– e concretar tamén cos artesáns e os músicos para poder pechar o programa que presentan.

Contan con 20 postos de artesanía e produtos locais confirmados (cristalería, madeira, coiro, doces, marmeladas, licores, etc); e tamén haberá onde comer polbo e churrasco (Pulpería Suso de Lugo) e outros produtos e boa sidra (Sidrería Bermúdez).

Manuel Vila dinos tamén que haberá moita oferta musical para animar e que “a festa está asegurada”. Lembra finalmente que ofrecerán unhas rifas para axudar á organización coas que se sorteará unha fin de semana para 2 persoas nunha casa de turismo rural da zona.

Artesán na Feira de Artesanía de Vilamor (arquivo). Foto: Evaristo Méndez.
Muller fiando na Feira Artesanía Vilamor (arquivo). Foto: Evaristo Méndez.
PROGRAMA

Entre as 9 e as 10 da mañá terá lugar a recepción de artesáns e ás 11:00 h. será a apertura oficial dos postos que estarán distribuídos polas rúas centrais de Vilamor.

Ás 13:00 h. haberá un pregón a cargo do luthier Xaneco Tubío e a continuación un pasarrúas e sesión vermú da man do grupo ‘Cantores do Courel’.

Para a tarde, está programada unha homenaxe a ‘Paco o Forestal’ ás 17:00 h. e haberá actuación de grupos de música tradicional a partires das 18:00 h. para darlle ambientación á tardiña.

E xa chegada a noite, ás 20:00 h. Festa-Baile na que a protagonista será a agrupación Courelóuzara e Foliada aberta ás 22:00 h. para poñerlle o ramo a tan enxebre encontro de artesáns e músicos no corazón do Courel.

Artesanía en bimbio. Foto: Evaristo Méndez nunha Feira de Artesanía de Vilamor (arquivo).

ÚLTIMAS

“Xornadas de literatura e poesía no Pazo de Tor”, os días 2 e 3 xuño

Co título “Xornadas de literatura e poesía no Pazo de Tor”,  o encontro afondará...

Comunicado do PP de Monforte respecto do Bar Anchoas

O expediente sobre esta instalación no Paseo do Malecón establece a obriga aos actuais...

A Piscina Climatizada Municipal de Chantada faise máis accesible

A Piscina Municipal de Chantada poñíase en funcionamento en decembro do 2002. As instalacións...

Quere o teu mercado desenvolveuse este sábado na Praza de Abastos de Monforte

Como parte da promoción, dende o Concello de Monforte, organizaron unha degustación de produtos...