A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a aplicación dos remanentes obtidos nas adxudicacións de proxectos incluídos no Plan Deputación 2024, respondendo así ás peticións trasladadas polos socialistas sarriáns. Este apoio da Deputación permitirá acometer dúas actuacións prioritarias en Sarria:
- A rexeneración e renovación de vías municipais nos accesos a Ferreiros e Tremeado, cun investimento de 37.152,74 euros a cargo da Deputación.
- A adquisición e renovación de material de fisioterapia para a residencia Nosa Señora do Carme, cunha achega provincial de 2.850 euros para a compra de barras de apoio, carros porta-equipos, sillóns e outros elementos necesarios para a atención ás persoas usuarias.
Desde a Agrupación Socialista destacan que estas actuacións son resultado da colaboración co Goberno provincial e da vontade compartida de mellorar os servizos públicos en Sarria, mesmo desde a oposición local. “Somos unha oposición útil, que fai propostas e consegue resultados para a veciñanza grazas ao diálogo e á cooperación institucional”, afirman.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Sarria, Benjamín Escontrela, puxo en valor o impacto destas melloras no día a día da cidadanía, “A rexeneración de estradas en parroquias como Ferreiros ou Tremeado mellora a seguridade, a mobilidade e a dignidade do rural, facilitando a vida diaria da veciñanza. E dotar á residencia de maiores con novo material é apostar polo coidado das persoas, polos nosos maiores, que merecen atención en condicións e espazos de calidade”, engadiu o voceiro.
“Mesmo desde a oposición, estamos a demostrar que se pode facer política útil, con resultados reais para Sarria. Ese é o noso compromiso: traballar con seriedade e en colaboración coas administracións que cren no municipalismo e no futuro do noso concello”, concluíu.