HomeEn profundidade'O Son Da Aldea': un festival que fai posible "a ilusión por...

‘O Son Da Aldea’: un festival que fai posible “a ilusión por ver un rural vivo e para vivir”

Coñecemos da man de Javier Goyanes, presidente da entidade organizadora, como naceu e como vai medrando este festival que este 2025 chega á súa 4ª edición. Celebrarase na aldea de Toldaos o vindeiro sábado 28 de xuño.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Conta atrás para unha nova edición do festival O Son Da Aldea, un evento que se celebrará o 28 de xuño na aldea de Toldaos, no Concello de Pantón.

Este ano alcanzan a súa cuarta edición cun cartel composto polos seguintes artistas e formacións: A Cadela Asasina, As Moiñas, o Mago Demi, Pappaquino, Maskarpone, DJ Xosé, Willow GHZ, Xmaseda e Monoulious Dop.

O festival, totalmente de balde, arrincará ás 17.00 horas e contará con exposicións, artesanía, cantina e este ano cun Punto de Lingua Vital Xa!.

Falamos con Javier Goyanes, presidente da entidade que fai posible que as aldeas do sur de Lugo se visibilicen e reivindiquen como “espazos activos e modernos“, pero tamén como “escaparates da nosa cultura e da recuperación dos valores comunitarios”.

Javier Goyanes co cartel. Foto Cedida.

Quen está detrás do festival O Son Da Aldea?

A Asociación Veciñal As Candelas de San Xoán de Toldaos. A persoa máis visible tal vez sexa eu, pero detrás hai un grupiño de xente moza moi traballadora que sen eles non sería posible facer O Son Da Aldea.

Como xurdiu a idea de organizalo e que reivindicades con el?

A idea do festival foi unha aposta persoal coa que tentamos revitalizar e visibilizar o estado de abandono do rural, non só das distintas administracións, se non tamén da propia xente que sufriu un desarraigo das súas raíces. O rural esmorece entre ruinas.

Queremos que O Son Da Aldea sexa un escaparate da nosa cultura e da recuperación dos valores comunitarios. Pero por riba de todo reivindicamos a descentralización dos actos culturais, reivindicamos a nosa lingua como símbolo de identidade.

“Queremos que O Son Da Aldea sexa un escaparate da nosa cultura e da recuperación dos valores comunitarios”

Non é doado hoxe atopar un festival no que o cento por cento dos participantes sexan galegos, verdade?

Non o podo dicir o cen por cen pero seguramente sexamos os únicos íntegramente en galego. Non quere dicir que todos sexan galegos, na edición anterior participou Peitoescuro que canta en galego pero é madrileño. Temos unha calidade extraordinaria de artistas en galego, novas xeracións que veñen pegando moi forte .

Que fai posible que dende unha aldea tan pequena se poida organizar un evento destas características?

A ilusión por ver un rural vivo e para vivir. A ilusión de que a xente moza aprecie ás súas raíces e vexa a aldea como un espazo activo e moderno.

Nesta cuarta edición que novidades presentades respecto das anteriores ?

A principal é unha zona de acampada de balde. No resto tentamos manter a mesma esencia. O SON DA ALDEA non é esa imaxe de festival musical que a todos se nos vén á cabeza ao escoitar a palabra festival. Gústame dicir que é unha festa de aldea como ás de antano, pero unha versión actualizada. Unha imaxe moderna coa que tentamos atraer a atención das novas xeracións.

Concerto dos Parentes. Foto: O Son Da Aldea (arquivo).
Concertos no Son Da Aldea (arquivo). Foto cedida.

“O SON DA ALDEA non é esa imaxe de festival musical que a todos se nos vén á cabeza ao escoitar a palabra festivaL”

Ides ter tamén un punto especialmente dedicado ao galego. Cóntanos.

Creo que todos nos decatamos da situación de emerxencia na que se atopa o galego e este ano teremos un punto de Lingua Vital Xa por iniciativa da plataforma Queremos Galego Lugo Sur.

Postos de artesanía. Foto cedida pola organización do festival.

Unhas derradeiras palabras para convidar á xente para achegarse a Toldaos.

Primeiro, agradecer as achegas económicas de veciños de todo o concello e patrocinadores como Vicepresidencia Deputacion de Lugo e Cociñas Dalama, pero tamén agradecer os nosos colaboradores; sen todo isto non sería posible facer algo así, modesto pero feito coas mans e o corazón.

Só dicir, ven vivilo que non cho conten!

ÚLTIMAS

As obras de mellora do Cemiterio Vello de Monforte estarán rematadas a finais de outubro

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, supervisou esta semana as obras de mellora...

O BNG pregunta no Parlamento pola falta de docentes nos colexios do Saviñao

O responsable local do BNG no Saviñao, Carlos de Vilacaiz, afirma que “a falta...

Investigan un veciño de Astorga como presunto autor dun incendio en Carballedo

A Garda Civil imputa en calidade de investigado a un veciño de Astorga (León),...

102.000€ para mellorar as dotacións de 11 asociacións veciñais do sur da provincia

Os fondos destas axudas chegan a través do Plan de acción comunitaria que convoca...