Homesociedade'Carta de Ajuste': cancións novas e moito humor na terraza de Las...

‘Carta de Ajuste’: cancións novas e moito humor na terraza de Las Vegas

Este dueto lucense chega a San Clodio este sábado para ofrecer o seu espectáculo “O mellor e o peor dos 80 e 90 en concerto”, unha proposta gamberra e moi interactiva para animar ‘A Pista’.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Seguindo a folla de ruta de actuacións en directo, o Hotel-Restaurante Las Vegas convida este sábado 26 de xullo ás 23:00 h. a un concerto do grupo ‘Carta de Ajuste’ composto polos músicos David Taboada e Iván Valdés.

Este dueto presenta unha formación pouco usual tendo en conta o repertorio que defenden. Unha guitarra española, unha caixa peruana e dúas voces confiren ás versións adaptadas un son peculiar e característico que sorprende, abordando dende un punto de vista diferente, e con moito humor, cancións que levamos escoitando toda a vida.

Falamos con David, que fala en nome do dúo.

Como e cando empezou a rodar polos escenarios Carta de Ajuste?

Aló polo verán de 2010 apeteceunos dar un par de concertos por diversión, facendo versións gamberras de “ochenteradas”… e enganchámonos a como reaccionaba a xente e ó desafío de facelas orixinais.

Tantos anos e manterse como dúo ten mérito. Cal é o voso segredo?

Somos como un matrimonio a estas alturas: querémonos moito e perdoámonos todo. A chispa está na maxia de crear xuntos.

Hai evolución ou involución no voso espectáculo ao longo desta traxectoria?

Damos moito de nós no show, somos moi nós mesmos, así que cada show é distinto segundo a nosa enerxía, os chistes da semana, o pobo no que esteamos…

É un clásico preguntar se os 80-90 volven, se nunca se foron ou se habería que acabar con eles xa… vós que opinades ao respecto?

Foi unha época de moita liberdade compositiva, moita variedade e moita calidade. Ademais oír esas cancións lévanos a todos a aquela época… seguramente non era mellor época, pero éramos máis novos e o concerto devólvemos a xuventude.

“Foi unha época de moita liberdade compositiva, moita variedade e moita calidade”

Un show, “O mellor e o peor dos 80 e 90 en concerto” que non deixa de darvos alegrías. Que o fai tan atractivo e festeiro?

O viaxe emocional que supón oír todas estas cancións é moi poderoso. Pero a clave está na entrega, involucrámonos como se as cancións foran nosas e o público os nosos amigos. Cando invitas a alguén á túa casa queres que o pase ben, e como non podes dar o que non tes, nós mesmos o pasamos pipa, e iso nótase.

E que nos dicides das versións “tuneadas” os “mix de carallada” que metedes nos vosos directos? Como vos inspirades para sacalos? Son 100% creación vosa?

O humor é esencial para nós, está tan presente todo o tempo que se nos mete nas letras das cancións moitas veces. Somos devotos de Les Luthiers e a Mandrágora.

No seu día quixemos facer un mix ó estilo de Los Gandules ou Engendro… ó final fixemos varios, cada día cantamos un diferente, parte deles, parte nosa.

Carta de Ajuste en concerto. Foto: Uxía Canda.

“Estrearemos algunha canción nova e sabemos que será un concerto especialmente divertido”

Este sábado estades en San Clodio, na terraza do Hotel-Restaurante Las Vegas. Algunha sorpresa ou novidade?

En Las Vegas divertímonos moito a última vez, e este sábado píllanos nun momento moi doce porque levamos todo o verán tocando e estamos especialmente en forma.

Estrearemos algunha canción nova e sabemos que será un concerto especialmente divertido, porque o público de San Clodio é fantástico.

Un chamamento final para ir ao voso concerto.

É un planazo: ir tomarlle un par a un sitio tan chulo como Las Vegas, escoitar un repertorio fantástico de éxitos, todo aderezado con moita risa e moi interactivo co público. Prometemos non cantar reggaeton (ri).

ÚLTIMAS

O Quiroga Trail Challenge ‘reinvéntase’

Despois dun agosto fatídico para parte das montañas do Concello de Quiroga por mor...

A Xunta resposta a Tomé sobre a acollida de migrantes no centro de Monforte: “Se demostrou ser solidario debería dar as grazas”

A conselleira de Política Social, Fabiola García, replicou ao alcalde de Monforte e presidente...

Monforte prepárase para o San Mateo

A mesa de seguridade para a celebración do San Mateo estableceu tamén a circulación...