O teatro, máis aló dos escenarios, é unha poderosa ferramenta para o benestar. Este luns, 20 de outubro ás 10:30 h, no Pazo de Tor, comeza o curso Un fío para saír do labirinto: teatro aplicado á saúde mental, dentro do proxecto Soterradas: A vida tralos labirintos mentais.
O acto será inaugurado polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, acompañado pola xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago.
Contarase coa participación das recoñecidas profesionais Adriana Ozores e Laura Duhalde, da compañía Aescenatumejortú, que convidarán a explorar o poder da arte escénica como estratexia de resiliencia e cambio. Inspirado no mito de Ariadna e Teseo, este obradoiro propón un percorrido simbólico: entrar no labirinto, afrontar os medos e atopar o fío que nos guía cara á saída.
Durante a apertura presentarase tamén unha nova peza da artista, Violeta Bernardo, titulada Perdida no labirinto, que se incorpora ao proxecto Soterradas, poñendo voz e corpo ás mulleres a través da creación contemporánea.


