O CEIP A Gándara acolleu dúas sesións durante a mañá do día 11 de novembro nas que participaron un total de 65 escolares. De xeito lúdico, o alumnado adquiriu coñecementos sobre a importancia da reciclaxe dos residuos e de separar a materia orgánica. A través de xogos adaptados ás diferentes idades, os escolares descubriron as claves do proceso de compostaxe e as vantaxes de convertir os residuos orgánicos en compost, así como o correcto uso dos contedores de reciclaxe.
Esta actividade forma parte da campaña promovida polo Concello na súa aposta pola reciclaxe da materia orgánica, xa que case a metade do lixo que producimos nas nosas casas a diario son residuos orgánicos.
CAMPAÑA ‘RecicLEMOS‘
A campaña arrincou o pasado martes, 5 de novembro, e inclúe accións informativas na rúa e nos centros educativos do municipios. Estenderase ao longo dos vindeiros meses co obxectivo de chegar a toda a veciñanza e de sensibilizar á xente nova das vantaxes da compostaxe doméstica e do bo uso do colector marrón. A próxima acción desenvolverase o 24 de novembro, día de feira en Monforte, coa instalación dunha carpa informativa no recinto do mercado.
A campaña inclúe o reparto de caldeiros marróns para separar a materia orgánica na casa e de composteiros domésticos que o Concello entrega de balde aos veciños e veciñas con hortas ou parcelas cunha superficie mínima de 25 m2 no termo municipal monfortino.
PARA PARTICIPAR ACTIVAMENTE NO ‘PLAN DE XESTIÓN DA MATERIA ORGÁNICA’
Unha das liñas de traballo para participar no “Plan de xestión da materia orgánica” é o programa Ti Tes a Chave. Cada solicitante poderá recoller unha chave para poder abrir o colector marrón que se situará na zona perimetral do concello. Ademais entregaráselle un cubo para separar a materia orgánica no fogar e un tríptico coa información necesaria.
Para rexistrarse nesta iniciativa pódese chamar ao teléfono do Concello 982 402 501, acudir ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou a inscribirse online a través dun formulario.
Aos establecementos hostaleiros e comercio informaráselles porta a porta do servizo de recollida desta parte dos seus desperdicios.
A outra liña de traballo refírese ao programa de compostaxe. Na acción anterior repartíronse 253 composteiros e desta volta entregaranse 150 novas unidades entre as persoas interesadas que residan nunha vivenda illada e que conten cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m2. As solicitudes poden facerse nas carpas informativas, no teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou ben directamente a través do seguinte formulario.


