Para comezar, como defenderiades o rol da educación social dentro do Concello de Pantón. Cales son as problemáticas sociais máis recorrentes hoxe en día?
Se cadra o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é un dos servizos que máis demanda ten, polo que hai unha traballadora exclusivamente para dito servizo. Outra das grandes problemáticas son as persoas migrantes. Recentemente vimos dun proceso de regularización masivo que conlevou unha actualización personalizada para cada un dos casos en función da súa casuística; nacionalidade, lingua, número de fillos, etc. Esta proceso suporá a posibilidade de rematar coa situación precaria na que viven moitas delas.
Os problemas de saúde mental, e dentro destes, os que están vencellados a adición a substancias son outra problemática complexa, que require de coordinación con outros servizos.
Nun concello coma Pantón, onde todo o mundo se coñece, o control social adoita ser moi forte. Notades que a xente é máis reacia a acudir a pedir axuda aos servizos sociais por medo ao estigma e ao “que dirán”? Con que colectivos traballades con maior frecuencia?
Certo, aquí todo o mundo se coñece. Isto conleva que determinadas problemáticas fiquen máis tempo ocultas, co risco de que se acrecenten. A problemática ou razóns polas que te achegas a este servizo adoitan ser múltiples, como variados son os perfiles que entran pola porta. Isto inflúe, pero se cadra o que máis inflúe é a connotación que ten a nivel social a problemática en si. Temos asumido como é lóxico que facerse maior e precisar de axuda é algo que antes ou despois chegará. Polo que isto ás persoas non lles costa.
“Temos asumido como é lóxico que facerse maior e precisar de axuda é algo que antes ou despois chegará”
Mais unha persoa que teña problemas de consumo de alcol ou outras drogas é mais remisa a solicitar asesoramento e orientación, pois presupón que esta poñendo en evidencia algo que seguramente coñece todo o seu contexto inmediato.
As mulleres que sofren violencia de xénero: outro colectivo invisibilizado e que adoita tardar moito en dar o paso. Volta entrar en xogo o medo a unha valoración social. Persoas migrantes en situación de irregularidade: primeiramente adoitan achegarse a través doutra persoa, que previamente se puxo en contacto con este servizo.
Que peso teñen os programas propios do Concello fronte ás directrices e subvencións que chegan da Xunta ou da Deputación?
Pois o certo é que ten menos peso a iniciativa local que os programas predeterminados da Xunta de Galicia, da Deputación, ou incluso do Ministerio. Pois estes programas veñen cunha importante contía económica e son os que permiten, en función dos orzamentos actuais, dispoñer de máis traballadoras, contribuíndo a costear a totalidade ou unha parte do persoal técnico que desenvolve o programa en cuestión.
Os programas propios adoitan desenvolverse en función das necesidades que presenta o contexto, mais a financiación para os mesmos é escasa ou nula.
Como conseguides manter un vínculo de confianza co usuario que moitas veces chega derivado por outros servizos ou institucións?
Entendemos que o feito de escoitar de xeito respectuoso as diferentes problemáticas que esta transmitindo a persoa que se achega ao servizo, contribúe a xerar confianza sen facer un cuestionamento sobre as mesmas. Logo o feito de implicarse na problemática, aínda que sexa como acompañante, contribúe a facer un vínculo que motiva a persoa a manter a confianza no servizo ou profesional de referencia.
Que estratexias usades para fomentar a autonomía das persoas e evitar que caian na dependencia das axudas municipais?
Fomentar a autonomía da persoas é algo intrínseco a case que todos os programas. Na maior parte dos perfís que non sexan dependentes, acórdase un plan de mellora ou de traballo, cuns obxectivos a acadar. O tempo, e a evolución das problemáticas da persoa afectada así coma o seguimento profesional, son cuestións que contribuirán a regular o tipo de acompañamento e asesoramento que se fai.
“Fomentar a autonomía da persoas é algo intrínseco a case que todos os programas”
Aproveitamos esta cuestión para indicar que pese ao que cre unha parte considerable da veciñanza, son moi poucas as persoas que teñan unha “dependencia das axudas”.
Que sacariades de forma positiva do voso labor? E de forma negativa?
Como positivo, o feito de traballar con persoas. Cando a propia persoa ou grupo afrontan con éxito a dificultade da súa problemática. E tamén positivo é o feito de xerar vínculo coas persoas coas que se traballa e con outros profesionais que participan desa metodoloxía integral.
Como negativo, o feito de traballar con persoas fai que determinadas accións, feitos ou resolucións condicionen o estado de ánimo, as percepcións e as relacións… facendo que isto dificulte os tempos ou espazos para a realización do traballo e inclusive adoite mesturarse cos tempos fóra do contexto laboral.
Como é a coordinación diaria con outros departamentos do Concello ou outros axentes externos?
A coordinación dentro do servizo é bastante boa, as dificultades adoitan ser con outras administracións xeralmente máis amplas, por ter estas tempos de demora moi extensos ou moita carga de traballo, que impiden dedicar máis tempo as persoas.
Cales son as maiores limitacións coas que vós atopades no día a día?
Pois un pouco o indicado na anterior cuestión. Moito do traballo burocrático; solicitudes, xustificacións, plataformas dixitais, requirimentos e outros labores que contribúen a enredar moito. As escasas partidas orzamentarias para paliar as situacións de vulnerabilidade, ou exclusión social. Ao noso entender, unha limitación ou carencia é a do modelo de abordar as necesidades como se fosen alleas ao contexto que nos envolve.
E se tiveses orzamento ilimitado para implementar un novo proxecto social neste Concello, cal sería e por que?
Isto é moi complexo de respostar e seguramente o que aquí se resposte no caso de se dar, tería unha resolución diferente ou empregaríase para o que nese espazo/tempo utópico precisaramos. Na actualidade, unha das necesidades máis inmediata e urxente é a vivenda e o traballo. Non son cuestións das que servizos sociais teñan que facerse cargo, mais a carencia de ámbalas dúas condiciona dun xeito directo ás persoas facéndoas demandantes dos servizos sociais. Sabemos que o rural se está despoboando porque non hai traballo e porque non hai vivenda.
Diversos medos como o da “okupación” transmitidos por varios medios de comunicación, empresas de alarmas e derivados, así coma por outros colectivos, condicionan que as persoas que teñen casas baleiras non queiran arrendalas, preferindo que estas queden deshabitadas e abandonadas. Outra das metodoloxías é empregala como aluguer vacacional/temporal, o cal contribúe a ter as casas amañadas exclusivamente para o turismo.
“Sabemos que o rural se está despoboando porque non hai traballo e porque non hai vivenda”
Como xurdiu o proxecto ‘Por que nos xuntamos os homes?’ Cal foi a finalidade? Propuxerádesvos algún obxectivo e foi acadado?
Esta iniciativa xorde pola concesión dunha subvención do Ministerio de Igualdade. Son os Fondos do PACTO DE ESTADO contra a violencia de Xénero. Con estes fondos cada concello fai as iniciativas que considere que estean relacionadas con actividades que promovan a igualdade ou o desenvolvemento de recursos para atender as posibles vítimas.
Dende este departamento entendemos que os homes son unha parte importante desta problemática. Aquí xorde a decisión de facer o grupo de homes. As finalidades e obxectivos foron varios e dependendo de cada persoa/home, acadáronse uns ou outros.
Exemplos do traballado e debatido foron: A construción masculina, a socialización masculina, poder e privilexios, masculinidade hexemónica.
E como obxectivos acadados conseguiuse un grupo heteroxéneo e unido, contribuíndo isto a xerar debates e reflexións que serviron para replantexar o lugar dos homes neste contexto. Participaron homes tanto de Pantón como do resto da Comarca de Lemos.

Cal é o perfil e as características principais do colectivo ao que vai dirixido o proxecto?
O proxecto vai dirixido a todos os homes da comarca.

