HomesociedadeEntre Libros, a librería monfortina para a que mira Manuel María

Entre Libros, a librería monfortina para a que mira Manuel María

Ángela, a súa propietaria, cóntanos como naceu e como evoluciona o negocio da súa vida despois de case catro anos dando servizo en Monforte.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Entre Libros é unha librería de Monforte que goza do privilexio de ter a Manuel María ao seu carón. Si, a poucos metros, nunha pequena praza con pérgolas e vistas ao Parque dos Condes, hai unha escultura del sentado, cun libro aberto enriba da mesa e unha cadeira baleira diante por se alguén se anima a falarlle ou sacar unha foto con el. A estatua é unha obra do escultor ourensán José Antonio Ferrer Diéguez e inaugurada o 3 de agosto do ano 2006.

O feito de estar no comezo da rúa Roberto Baamonde, a carón dunha pequena glorieta moi transitada e no centro da cidade, tamén a fai moi atractiva. Ademais, as súas paredes de vidro que deixan ver no interior estantes cunha chea de libros engaiolan as miradas de moita xente que pasa por alí.

Da súa breve traxectoria cómpre salientar que no 2023 foi un dos 17 comercios premiados na campaña ‘Mellor Comercio da túa vila’ impulsada pola Federación de Comercio de Lugo. Entre Libros foi un dos establecementos mellor valorados polos consumidores recibindo un premio de 500 € e un diploma acreditativo.

Fachada da librería ‘Entre Libros’ / XMF

Ángela, despois de traballar 13 anos noutra librería da cidade, animouse a montar o seu propio negocio e darlle vida a ‘Entre Libros‘ hai máis de 3 anos. “Os números van dando, aínda que a marxe do libro é moi pequena… e o feito de estar ben situada e que moita xente xa me coñecía de antes axudoume”, refire a emprendedora satisfeita coa decisión tomada.

Tiveches claro dende o principio que querías montar unha librería?

Si, era o que quería e o que me gusta. Tíveno moi claro sempre.

Ademais da clientela de Monforte, notas que vén xente de fóra?

Si, da contorna, e tamén moitos turistas. No mes de agosto nótoo moito.

Librería de toda a vida pero tamén vendes outras cousas?

Libros de texto, moito xogo e algúns agasallos e recordos… pero recordos poucos. Teño algúns imáns e olaría de Gundivós.

Ángela ensinando material que ten á venda na librería. Foto: XMF.

No que respecta á venda de libros, algún xénero que destaque?

En xeral vendo de todos os xéneros… a novela de intriga funciona moi ben pero non diría que destaque de forma especial sobre as demais. Tamén me funcionan ben os libros xuvenís, de fantasía, amor… para público de 10 a 18 anos.

“a novela de intriga funciona moi ben…”

Dicimos que os rapaces case non len… logo non está todo perdido?

Eu teño bastante oferta de libro xuvenil e duns anos a esta parte véndense moi ben entre a xente nova.

Cal é a mellor época de vendas para ti?

De agosto a decembro, cadrando co Nadal, sen lugar a dúbidas.

A venda online trabállala?

Non teño venda online pero fago envíos a clientes que mo piden. En casos concretos fágolles ese favor.

Outra cousa que fas na librería son eventos. Cóntanos.

Dende que abrín fago puntualmente presentacións literarias. Moitas delas son de obras de autores locais, pero tamén abro a porta a escritoras e escritores de fóra. Ás veces contacto eu con eles/elas pero noutras ocasións chéganme propostas da federación de libreiros, e mesmo directamente das autoras e dos autores…

“Dende que abrín fago puntualmente presentacións literarias”

Presentación literaria do poemario “Vestidos de organdí” da autora Pura Tejelo. Foto: XMF.

Non dispoño dun local aparte, pero apartando as góndolas fágolle sitio ás presentacións na librería e podo meter ata 30 persoas sentadas.

Que balance fas destes tres anos, e camiño de catro, con Entre Libros?

Estou moi contenta coa evolución da librería. Os números van dando aínda que a marxe do libro é moi pequena. Vai aumentando a venda de libros e iso anima… E o feito de estar ben situada, e que moita xente xa me coñecía de antes, axudoume.

Ángela, buscando libros para recomendar á clientela. Foto: XMF.

ÚLTIMAS

Claudio, da cadea Gadisa, desembarca en Quiroga

O establecemento franquiciado, do grupo GADISA, ten unha sala de vendas de 400 m2,...

A estrada provincial que dá acceso ao lugar de Quinteliña, en Chantada, para a ser municipal

O presidente da Deputación destacou que con este acordo se dá resposta a unha...

A DGT estrea no Multiusos a aula informatizada para a realización dos exames teóricos de conducir

A instalación atópase no Edificio Multiusos e está equipada con 20 ordenadores de pantalla...

O PP pide no Senado rehabilitar os inmobles baleiros de Adif na provincia para ofrecer vivenda

Os senadores do PP pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro...