Álvaro Gómez, do que xa temos falado e referido éxitos deportivos no mundo do bádminton en Xornal de Lemos, acadaba o pasado 30 de novembro a medalla de prata na modalidade de dobres masculino e o bronce na modalidade de dobres mixtos no Campionato de España Sub 15 que tiña lugar no Pavillón do Congost de Granollers.
Con tan só 11 anos enfrontouse aos mellores xogadores nacionais da categoría superior e acadou dúas medallas. En dobres masculino competiu facendo parella co nevense Xoán Balboa e chegando á final fronte aos cabezas de serie uno Leiva-Salgas. Forzaron o terceiro set e venderon cara a súa derrota. Na modalidade de dobres mixtos participou xunto á coruñesa Maia Freire alcanzando as semifinais e logrando a medalla de bronce.
A pasada fin de semana, 13 e 14 de decembro, Álvaro desprazábase ata a localidade murciana de Cartaxena para disputar o Campionato de España Sub 13 “Búscase Campión”. O soberino, do Club Deportivo Escola Rosalía de Vigo volvía subir ao podium, acadando un bronce e unha prata tras realizar unha gran competición. Así, en individual masculino pasaría a fase de grupos sen maiores problemas para chegar ao cadro principal onde o campión de España nesta modalidade, o ruteño Pablo Lloreda volvía derrotar ao soberino. Por outra banda, na modalidade de dobres masculino e facendo parella co valisoletano Pablo Martínez, chegaban á gran final fronte aos grandes favoritos –Pablo Lloreda e Pedro Jesús Carmona– e a punto estiveron de dar a gran sorpresa xa que o partido esgotaría os tres xogos todos eles moi disputados e onde a maior solvencia dos andaluces farían caer do seu lado o encontro.
“Con estas 4 medallas xa son 11 as acadadas en Campeinatos de España polo noso xogador en tan só tres anos, o que o converte nunha das máis firmes promesas do bádminton nacional”, afirman con satisfacción dende o Club Deportivo Escola Rosalía.

