HomesociedadeA Fundación Amigos de Galicia desenvolveu 1.428 atencións de orientación laboral na...

A Fundación Amigos de Galicia desenvolveu 1.428 atencións de orientación laboral na provincia durante o 2025

A Fundación Amigos de Galicia desenvolveu durante 2025 un intenso traballo de acompañamento na provincia de Lugo, onde se realizaron 1.428 atencións de orientación laboral, das que se derivaron 182 insercións laborais.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A atención presencial préstase desde a oficina situada na rúa Rolda das Mercedes, 14, na capital da provincial, punto de referencia para as persoas que buscan apoio no seu acceso ao mercado de traballo.

O balance anual pon de manifesto un mercado laboral condicionado pola baixa e media cualificación dos postos máis demandados, a persistencia de estereotipos de xénero, a fenda dixital entre xeracións e as dificultades de integración laboral da poboación inmigrante. A maioría das persoas atendidas acudiu ao servizo cos seus obxectivos profesionais claramente definidos, orientados de forma predominante cara a ocupacións de baixa ou media cualificación. Aínda que existen postos solicitados indistintamente por mulleres e homes —como comercio e hostalería (dependente, caixeiro-reponedor ou pique de cociña)—, a análise das atencións reflicte con claridade a segmentación do mercado de traballo por sexo.

Unha parte importante das mulleres centra a súa procura no sector servizos, especialmente en ocupacións como limpeza, emprego do fogar ou coidados de persoas dependentes en domicilios ou institucións, mentres que os homes oriéntanse maioritariamente cara a construción, agricultura, gandería, industria ou transporte, en postos como peón da construción, peón agrario ou gandeiro, operario de produción ou mozo de almacén.

Neste contexto, a Fundación advirte dunha falta estrutural de persoal no sector gandeiro, onde numerosas vacantes non chegan a cubrirse a pesar da demanda existente. Esta situación explícase, en boa medida, pola escaseza de perfís cualificados, barreiras lingüísticas dos escasos/as candidatos/as ou pola dificultade para atopar persoas coa formación adecuada para estes postos, o que repercute directamente no funcionamento do sector.

Outro dos aspectos máis relevantes detectados polo equipo de orientación é a brecha xeracional no uso das canles de procura de emprego. As persoas de maior idade recorren principalmente a contactos persoais e redes informais como vía de acceso ao emprego, mentres que as persoas mozas utilizan maioritariamente ferramentas dixitais, como portais de emprego e redes sociais. Resulta significativo o número de persoas maiores de 50 anos con escasas competencias dixitais e unha clara reticencia a adquirilas, en moitos casos por non dispoñer de computador no fogar ou por utilizar o teléfono móbil unicamente para chamadas.

O colectivo inmigrante constitúe o grupo máis numeroso entre as persoas atendidas en Lugo. Aínda que parte deste colectivo conta unicamente con estudos básicos no seu país de orixe, destaca o elevado número de persoas que chega con formación académica ou profesional que non foi homologada en España. A iso súmase a falta de competencias en lingua galega, outro dos principais obstáculos para a inserción, polo que desde a Fundación facilítase información sobre accións formativas gratuítas, recursos da oficina de emprego e certificacións lingüísticas.

A maioría destas persoas procede de países latinoamericanos, como Venezuela, Cuba ou Colombia. Ao longo do ano, a Fundación Amigos de Galicia desenvolveu en Lugo itinerarios de orientación individualizada, con acompañamento na procura activa de emprego e accións de mellora da empregabilidade adaptadas ás necesidades de cada perfil. Para 2026, a entidade continuará reforzando o seu servizo de orientación laboral na provincia, con especial atención á mellora das competencias dixitais, a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e o apoio aos procesos de homologación e formación lingüística, co obxectivo de facilitar unha inserción laboral máis estable e acorde aos perfís profesionais das persoas atendidas

ÚLTIMAS

Arias aborda co alcalde de Taboada as melloras que se executarán na estrada autonómica LU611 que conecta con Rubián

Entre outras cuestións, Arias avanzou que a Xunta executará obras de conservación e mellora...

Atropelado por un tren tras cruzar un paso a nivel en Monforte

Un home resultou ferido este domingo tras ser atropelado por un tren en Monforte....

Claudia Taboada, actriz con raíces maternas en Quiroga: “É ridiculamente marabilloso ser intérprete”

Falamos con Claudia Taboada, quiroguesa por vía materna e moi ligada a este concello...

Monforte fará unha poda de rebaixe nos magnolios dun tramo da rúa Cardeal

A brigada de Parques e Xardíns da Concellaría de Medio Ambiente realizará nos vindeiros...